Pasa a folla

O Ximnasio dos Verbos

Venres, 02 de xuño de 2017

Xerais Básicos Ciencia

Mércores, 29 de marzo de 2017

A lingua na educación infantil

Mércores, 14 de decembro de 2016

Novas normas UNE en galego

Martes, 31 de maio de 2016

Informe de educación infantil 2015

Venres, 18 de decembro de 2015

Dicionario Multilingüe da Ciencia do Solo

Mércores, 28 de outubro de 2015

Modelos de lingua e compromiso

Mércores, 04 de marzo de 2015

Censo de poboación galego 2011 e lingua

Xoves, 30 de outubro de 2014

GCiencia, ciencia galega

Xoves, 20 de febreiro de 2014

Dicionario de pronuncia da lingua galega

Venres, 29 de novembro de 2013

Termos esenciais de dereito civil

Martes, 30 de abril de 2013

Normas UNE en galego

Venres, 15 de febreiro de 2013

Termos esenciais de dereito internacional

Venres, 21 de decembro de 2012

Vocabulario forestal (galego-español-inglés)

Venres, 28 de setembro de 2012

Dicionario Moderno Inglés-Galego

Luns, 02 de xullo de 2012

Dicionario xurídico galego

Martes, 06 de marzo de 2012

Dicionario de química

Martes, 24 de xaneiro de 2012

Ecolingüística: por unha lingüística con ética

Mércores, 07 de decembro de 2011

Meubook: máis ca unha libraría en liña

Luns, 04 de xullo de 2011

Cartografía dos apelidos de Galicia

Martes, 03 de maio de 2011

Dicionario galego de pedagoxía

Xoves, 24 de marzo de 2011

Dicionario de Arte

Luns, 28 de febreiro de 2011

Vocabulario panlatino de material de oficina

Martes, 01 de febreiro de 2011

Dicionario de pronuncia da lingua galega

Martes, 02 de novembro de 2010

Dicionario galego das TIC

Mércores, 13 de xaneiro de 2010

Un Gran Xerais enriba da mesa

Luns, 30 de novembro de 2009

Xerais Básicos Ciencia

Nestas últimas semanas Edicións Xerais está presentando os tres primeiros volumes da súa nova colección Básicos Ciencia1 coa que quere, en palabras do seu director, "contribuír ao desenvolvemento dun catálogo de divulgación científica en galego, ampliando os límites temáticos do noso espazo editorial e dos seus públicos".

 

Esta iniciativa convértese no esforzo máis consistente e con maior vocación de permanencia (desde a editorial anuncian a súa vontade de publicar dous ou tres novos títulos por ano) no panorama da divulgación científica en galego que usa o libro como soporte. Un panorama que conta con outras iniciativas salientables, como as bibliotecas de divulgación Serie Científica e Serie Galicia da Universidade de Santiago, algunhas publicacións do Consello da Cultura Galega, e títulos soltos de editoriais como Laiovento, Alvarellos ou Toxosoutos.


O primeiro en publicarse, en maio de 2016, foi Historia do ADN. 40 anos de revolución biotecnolóxica, de Daniel Soutullo, un autor cunha longa carreira como ensaísta e divulgador en temas de xenética e bioética. Neste volume de 168 páxinas opta por un enfoque cronolóxico para ir tratando os principais desenvolvementos científicos da historia do ADN, deténdose a facer pequenas "excursións" descritivas arredor de momentos ou descubrimentos que el considera claves. Este desenvolvemento liñal compleméntao con dous bloques de contido máis transversal pero que se relacionan estreitamente co tema principal: tres capítulos dedicados á bioética, e dous glosarios (un de termos científicos2 e outro de persoeiros relevantes).

 

O resultado é un traballo destinado a un público amplo, con curiosidade pola xenética e a biotecnoloxía e que quere, sen precisar unha bagaxe de coñecementos previos, coñecer a través dunha lectura amena o camiño que levou a estas disciplinas ao seu grao de desenvolvemento actual.

 

Pola contra o segundo (O universo matemático. Das ideas e das técnicas, de Antom Labranha) non é unha introdución ás matemáticas nin un manual que explique a súa evolución ao longo da historia. Máis ben parece beber da ampla traxectoria docente do seu autor para organizarse como un material complementario dos contidos matemáticos propios do Bacharelato. Busca ser útil desde unha perspectiva didáctica tanto na organización dos seus contidos, que responde á secuencia estándar da formación en matemáticas (aritmética, álxebra, análise, xeometría e estatística), como na forma de presentalos, dun modo contextualizado e construtivo que parte dun exemplo práctico ou dunha narración para chegar a través del ao concepto matemático que quere explicar.

 

Xa que logo, é antes un libro de consulta ca un libro de lectura. E desde esa perspectiva é totalmente lóxico que inclúa un índice de conceptos matemáticos que nos remite á páxina en que se tratan, ou un apéndice de anexos que desenvolve coñecementos complementarios, cara aos que somos redirixidos desde o texto principal.

 

E o terceiro (Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo, de Xurxo Mariño) é outro produto diferente, o máis persoal dos tres. Neste "libro de viaxes convertido nunha aventura de divulgación científica" cóntase o periplo de once meses que o autor emprendeu arredor do mundo entre 2013 e 2014.

 

Pero cando o viaxeiro é un dos divulgadores científicos máis recoñecidos do país (desde o papel ou desde o escenario), os fenómenos naturais con que se vai atopando deixan a súa pegada na bitácora desa viaxe. Xorde así un libro híbrido, mestura de libro de experiencias e libro científico, pero híbrido tamén pola diversidade das disciplinas científicas que trata (antropoloxía, lingüística, xeoloxía, bioloxía, historia, física...).

 

Que a colección acolla tres traballos tan diferentes amosa que a divulgación científica pode desenvolverse con obxectivos e enfoques moi diversos, e que desde calquera deles poden producirse obras interesantes e útiles para axudar a formar unha cidadanía culta e ben informada dos avances da sociedade en qeu vivimos. Seguro que os títulos que han vir continuarán nesta liña.

_____________________

1.- A pesar de presentárense agora como colección, os volumes que forman Básicos Ciencia viñéronse publicando individualmente ao longo do último ano. Iso posiblemente explique un detalle menor, pero curioso desde o punto de vista formal: o número 1 da colección ten un formato diferente ca os dous volumes restantes.

2.- Nese pequeno glosario coáronse algunhas formas erradas, como os nomes dos enzimas rematados en -asa (ARN polimerasa, restritasa, transcritasa) no canto de facelo en -ase como se aconsella no Dicionario da Real Academia Galega (por ex. invertase); ou pegada dactilar, que debería ser substituída por impresión dixital.

 

Servizo de Normalización Lingüística

Mércores, 29 de marzo de 2017