Pasa a folla

O Ximnasio dos Verbos

Venres, 02 de xuño de 2017

Xerais Básicos Ciencia

Mércores, 29 de marzo de 2017

A lingua na educación infantil

Mércores, 14 de decembro de 2016

Novas normas UNE en galego

Martes, 31 de maio de 2016

Informe de educación infantil 2015

Venres, 18 de decembro de 2015

Dicionario Multilingüe da Ciencia do Solo

Mércores, 28 de outubro de 2015

Modelos de lingua e compromiso

Mércores, 04 de marzo de 2015

Censo de poboación galego 2011 e lingua

Xoves, 30 de outubro de 2014

GCiencia, ciencia galega

Xoves, 20 de febreiro de 2014

Dicionario de pronuncia da lingua galega

Venres, 29 de novembro de 2013

Termos esenciais de dereito civil

Martes, 30 de abril de 2013

Normas UNE en galego

Venres, 15 de febreiro de 2013

Termos esenciais de dereito internacional

Venres, 21 de decembro de 2012

Vocabulario forestal (galego-español-inglés)

Venres, 28 de setembro de 2012

Dicionario Moderno Inglés-Galego

Luns, 02 de xullo de 2012

Dicionario xurídico galego

Martes, 06 de marzo de 2012

Dicionario de química

Martes, 24 de xaneiro de 2012

Ecolingüística: por unha lingüística con ética

Mércores, 07 de decembro de 2011

Meubook: máis ca unha libraría en liña

Luns, 04 de xullo de 2011

Cartografía dos apelidos de Galicia

Martes, 03 de maio de 2011

Dicionario galego de pedagoxía

Xoves, 24 de marzo de 2011

Dicionario de Arte

Luns, 28 de febreiro de 2011

Vocabulario panlatino de material de oficina

Martes, 01 de febreiro de 2011

Dicionario de pronuncia da lingua galega

Martes, 02 de novembro de 2010

Dicionario galego das TIC

Mércores, 13 de xaneiro de 2010

Un Gran Xerais enriba da mesa

Luns, 30 de novembro de 2009

Atlas Lingüístico Galego. "Léxico: Terra, plantas e árbores"

Fento, feito, feita, folgueira... Noz, concho, carolo... Cerdeira, cereixeira, cereixal, xinxeira... A variedade do galego é unha riqueza que non sempre sabemos apreciar nin aproveitar e que adoita provocar interminables intercambios de pareceres entre galegos e galegas sobre o ben ou o mal que falamos.

Porén, todas as linguas acubillan variedade: no léxico, nas expresións e modismos, na sintaxe e na morfoloxía; por diferenzas sociais, pola variedade de situacións, por lugares. A variedade das linguas por mor das diferenzas xeográficas é obxecto dunha serie de proxectos no campo da xeografía lingüística, os atlas lingüísticos. En Galicia lévase traballando no Atlas Lingüístico Galego (ALG) dende os anos 70, para afondar nas características propias do galego e comparalas dentro do conxunto máis amplo das outras linguas que o rodean,  xa que está conectado co Atlas Lingüístico de España e Portugal e co  Atlas Linguarum Europae (ALE).

A USC e a Fundación Barrié acaban de presentar o sexto volume do Atlas Lingüístico Galego ‘Léxico: Terra, plantas e árbores’, elaborado a partir dun traballo de campo realizado polos investigadores do ILG Rosario Álvarez Blanco, Francisco Fernández Rei e Manuel González González entre novembro do 1974 e maio do 1977.

O sexto volume do Atlas é, en resumo, un conxunto de 320 mapas onde se reflicten, de xeito gráfico, as denominacións e variantes que nunha rede de 167 lugares da xeografía galega e das zonas próximas de Asturias, León e Zamora se lles dá a 272 conceptos referidos ao territorio (monte, val, auga, consecuencias da erosión, pedras e minerais) e plantas e árbores (plantas silvestres, arbustos,  árbores silvestres, froiteiras, froitos). Ao léxico da castaña, froito que tivo unha tradicionalmente grande importancia na economía galega, dedícanselle 22 mapas.  

O Atlas Lingüístico Galego ‘Léxico. Terra, plantas e árbores’ abre cun mapa onde se sitúan os 167 lugares onde se obtiveron as informacións, para facilitarlle ao usuario a localización xeográfica das respostas. Deseguido figuran os mapas, cuxa gran novidade formal neste volume é que aparecen en castaño, marcando o relevo do territorio lingüístico.

En xeral, a unha cuestión corresponde un único mapa; pero ás veces a unha cuestión  correspóndenlle varios mapas, tanto para poder visualizar ben a riqueza de formas referidas que lle corresponden, distribuíndo a información  en dous ou máis mapas, que levan as letras a, b, c... como para poder recoller as diferentes acepcións dunha soa voz. Así, á palabra fraga dedícanselle ata oito mapas diferentes para recoller os significados de bosque, pena, ladeira pendente, corremento de terra... Nalgún caso, despois de cartografar no principal e nos secundarios moitas variantes, preséntase un mapa de síntese, para evitar perder de vista o agrupamento xeográfico das familias léxicas, como sucede coa planta coñecida como estalotes ou sanxoáns, tan popular e con tantísimas denominacións.

O volume complétase cun anexo de plantas (e algunhas formas relativas a árbores e arbustos) con información que non figura nos mapas, por tratarse de interesante material que os informantes daban a maiores mentres se cubrían as preguntas do cuestionario. E a seguir aparecen dous índices, o dos mapas, con cadanseu título, e outro máis longo coas formas da lenda de cada carta, ordenadas alfabeticamente, con referencia ao mapa correspondente.

O proxecto do Atlas Lingüístico Galego

Este proxecto fundacional do Instituto da Lingua Galega tiña dous obxectivos principais. Por unha banda, dar a coñecer a personalidade do galego -idioma daquela practicamente descoñecido para a romanística– e, por outra, profundar nas características da lingua galega moderna e mostrar toda a súa riqueza oral para que os investigadores contasen con datos para a análise das variedades internas en todo o dominio lingüístico.

Entre novembro do 1974 e maio do 1977 os investigadores do ILG Rosario Álvarez Blanco, Francisco Fernández Rei e Manuel González González percorreron 167 puntos do territorio de fala galega: 152 en Galicia e 15 nas comarcas estremeiras galegófonas (7 en Asturias, 5 en León e 3 en Zamora). Recolleron un total de 4.000 formas por localidade, un material co que se creou unha base de datos con cerca de medio millón de rexistros, onde se inclúe o texto das respostas e abundante información complementaria anotada mentres se facía cada enquisa. A conexión entre esa base de datos e un programa de xestión de información xeográfica permite a representación cartográfica inmediata de cada resposta.

O resultado é unha radiografía da riqueza e variedade oral do galego nos anos 70 do pasado século. Como material oral xa foi un dos soportes principais nos traballos de codificación morfolóxica e léxica realizados polo ILG a finais da década de 1970, traballos que foron a base da  normativa vixente da lingua galega. E dende 1990, logo de inxentes tarefas de  preparación e ordenación do material, deu lugar á publicación de seis volumes (Morfoloxía verbal, Morfoloxía non verbal, Fonética, Tempo atmosférico e cronolóxico, O ser humano e o que agora se engade, Terra, plantas e árbores). Nestes momentos están en diversos graos de elaboración os volumes VII, VIII e IX: O ser humano (II),  Agricultura (I) e Fauna. E aínda están proxectados tres volumes máis.

Todo estes resultados non serían posibles sen o pulo inicial do lingüista e escritor galego xa falecido Constantino García e polo catedrático de Filoloxía Románica da USC e membro da Real Academia Galega Antón Santamarina, sen un amplo equipo investigador dirixido polos profesores Rosario Álvarez Blanco, Manuel González González e Francisco Fernández Rei, do que forman parte, para este sexto volume, Raquel Alonso Parada, Irene Bravo Pérez, Ana García García, Carme Hermida Gulías, Rosa Mouzo Villar, Noa Pérez González,  Xacinta Varela Martínez e Mª Luísa Vázquez Freire, e por suposto sen a axuda da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e da Fundación Barrié. Mais por suposto, serían imposibles sen eses informantes que nos anos 70 responderon mesmo durante varios días as cuestións que lles formulaban tres rapazolos para coñecer mellor a nosa lingua e contribuír ao seu prestixio científico.

 

Mércores, 27 de abril de 2016