Pasa a folla

O Ximnasio dos Verbos

Venres, 02 de xuño de 2017

Xerais Básicos Ciencia

Mércores, 29 de marzo de 2017

A lingua na educación infantil

Mércores, 14 de decembro de 2016

Novas normas UNE en galego

Martes, 31 de maio de 2016

Informe de educación infantil 2015

Venres, 18 de decembro de 2015

Dicionario Multilingüe da Ciencia do Solo

Mércores, 28 de outubro de 2015

Modelos de lingua e compromiso

Mércores, 04 de marzo de 2015

Censo de poboación galego 2011 e lingua

Xoves, 30 de outubro de 2014

GCiencia, ciencia galega

Xoves, 20 de febreiro de 2014

Dicionario de pronuncia da lingua galega

Venres, 29 de novembro de 2013

Termos esenciais de dereito civil

Martes, 30 de abril de 2013

Normas UNE en galego

Venres, 15 de febreiro de 2013

Termos esenciais de dereito internacional

Venres, 21 de decembro de 2012

Vocabulario forestal (galego-español-inglés)

Venres, 28 de setembro de 2012

Dicionario Moderno Inglés-Galego

Luns, 02 de xullo de 2012

Dicionario xurídico galego

Martes, 06 de marzo de 2012

Dicionario de química

Martes, 24 de xaneiro de 2012

Ecolingüística: por unha lingüística con ética

Mércores, 07 de decembro de 2011

Meubook: máis ca unha libraría en liña

Luns, 04 de xullo de 2011

Cartografía dos apelidos de Galicia

Martes, 03 de maio de 2011

Dicionario galego de pedagoxía

Xoves, 24 de marzo de 2011

Dicionario de Arte

Luns, 28 de febreiro de 2011

Vocabulario panlatino de material de oficina

Martes, 01 de febreiro de 2011

Dicionario de pronuncia da lingua galega

Martes, 02 de novembro de 2010

Dicionario galego das TIC

Mércores, 13 de xaneiro de 2010

Un Gran Xerais enriba da mesa

Luns, 30 de novembro de 2009

Modelos de lingua e compromiso

É posible un compromiso real co noso idioma, coa súa normalización e recuperación, sen preocuparse pola súa calidade? Esta pregunta, que vale tanto para persoas, como para colectivos e institucións públicas e privadas, é o piar no que se sustenta Modelos de lingua e compromiso.

No proceso de recuperación do galego lévanse producido fundamentalmente dous debates: un, de corte sociolingüístico, en relación co coñecemento, usos e actitudes a respecto do noso idioma da poboación e coa planificación das medidas que cómpre levar adiante para a súa normalización. Outro, de carácter normativo e centrado preferentemente en cuestións ortográficas e gramaticais, e de xeito máis secundario no modelo de lingua. Se as primeiras cuestións semellan practicamente resoltas, malia o desacordo de pequenos grupos máis proclives a solucións máis próximas ao portugués, á do modelo aínda lle falta que andar.

Temos que lembrar que dende o século XV o galego sobreviviu como lingua case exclusivamente oral. Daquela, as escritoras e escritores do XIX foron os primeiros en enfrontarse aos problemas de como escribir unha lingua oral da que ademais descoñecían o seu esplendor medieval. A ortografía era un deles, pero tamén o léxico e a morfoloxía e a sintaxe, e pairando sobre todos eles, a disxuntiva entre reflectir un idioma vivo e enxebre, apoiado nas variedades locais (como sobrevivira o galego) e, asemade, trascendelas, para modelar os inicios dun estándar.

Evidentemente, xa levamos percorrido moito neste século e medio, pero o modelo de lingua aínda segue sen estar ben callado, como amosan as periódicas polémicas sobre o uso da gheada, os exitosos debates sobre as falas, do estilo do desenvolvido hai pouco na Facultade de Filoloxía, a existencia de prexuízos sobre a escasa autenticidade do galego estándar, personificado nos medios de comunicación ou no profesorado, por non falar das intervencións públicas da maioría dos persoeiros políticos galegos, que pecan ademais de incorreccións clamorosas.

O perfeccionamento e consolidación dun nivel padrón de lingua para o ensino, a administración e os medios de comunicación, prestixiado e ben aceptado pola sociedade galega como auténtico, sen interferencias fonéticas, gramaticais ou léxicas innecesarias doutros idiomas; o desenvolvemento de diferentes rexistros de uso adaptados ás máis diversas situacións cotiás (académicas, lecer, familiares, técnicas,  profesionais...); e a conservación, depuración e aproveitamento das falas dialectais e populares, sen que sigan sendo o referente único de enxebreza, son os principais retos que presenta o asentamento do modelo do galego.

Un reto, ademais, que é participativo: a creación do modelo non é unicamente unha tarefa académica, senón que nos corresponde a todas e todos os galegos. E por iso a consolidación dun modelo para o noso idioma está intimamente vinculada á normalización de usos do idioma.

Modelos de lingua e compromiso
é unha reflexión sobre a necesaria vinculación entre calidade do noso idioma e a súa recuperación. A publicación, coordinada por Xosé Manuel Sánchez Rei, e publicada en Baía Edicións, dá acubillo a estudos das profesoras e  profesores da Facultade de Filoloxía da UDC Goretti Sanmartín Rei, Laura Tato Fontaíña, Manuel Ferreiro, Xosé Ramón Freixeiro Mato e o propio Xosé Manuel Sánchez Rei, editor da obra.

O estudo participa no debate vixente sobre o modelo lingüístico que se debe promover ou sobre se realmente ten sentido falarmos dunha «lingua de calidade», profundando na necesaria confluencia entre o compromiso real co idioma. Faino dende unha perspectiva histórica, presentando cinco contribucións que analizan como se viviu este debate sobre o modelo no século XIX e principios do  XX e cales foron as solucións que forneceron Rosalía de Castaro, Pondal ou as Irmandades da Fala, e como na nosa época a perda de falantes sobranceiramente en ámbitos urbanos e a degradación da lingua por contacto lingüístico co castelán, levan a que “as propias persoas que a falan a valorizan pexorativamente como produto da contaminación e mestura con outra lingua que socialmente goza de maior prestixio”.

Modelos de lingua e compromiso alerta, logo, de que os riscos que padece o galego son dous: o da  substitución polo castelán, porque a sociedade deixe de falar o seu idioma, e o da absorción por mestura, o da hibridación, ata converter a nosa lingua nun patois.

O reto é para todos e todas nós.

MARÍA ISABEL VAQUERO QUINTELA

Mércores, 04 de marzo de 2015