Pasa a folla

O Ximnasio dos Verbos

Venres, 02 de xuño de 2017

Xerais Básicos Ciencia

Mércores, 29 de marzo de 2017

A lingua na educación infantil

Mércores, 14 de decembro de 2016

Novas normas UNE en galego

Martes, 31 de maio de 2016

Informe de educación infantil 2015

Venres, 18 de decembro de 2015

Dicionario Multilingüe da Ciencia do Solo

Mércores, 28 de outubro de 2015

Modelos de lingua e compromiso

Mércores, 04 de marzo de 2015

Censo de poboación galego 2011 e lingua

Xoves, 30 de outubro de 2014

GCiencia, ciencia galega

Xoves, 20 de febreiro de 2014

Dicionario de pronuncia da lingua galega

Venres, 29 de novembro de 2013

Termos esenciais de dereito civil

Martes, 30 de abril de 2013

Normas UNE en galego

Venres, 15 de febreiro de 2013

Termos esenciais de dereito internacional

Venres, 21 de decembro de 2012

Vocabulario forestal (galego-español-inglés)

Venres, 28 de setembro de 2012

Dicionario Moderno Inglés-Galego

Luns, 02 de xullo de 2012

Dicionario xurídico galego

Martes, 06 de marzo de 2012

Dicionario de química

Martes, 24 de xaneiro de 2012

Ecolingüística: por unha lingüística con ética

Mércores, 07 de decembro de 2011

Meubook: máis ca unha libraría en liña

Luns, 04 de xullo de 2011

Cartografía dos apelidos de Galicia

Martes, 03 de maio de 2011

Dicionario galego de pedagoxía

Xoves, 24 de marzo de 2011

Dicionario de Arte

Luns, 28 de febreiro de 2011

Vocabulario panlatino de material de oficina

Martes, 01 de febreiro de 2011

Dicionario de pronuncia da lingua galega

Martes, 02 de novembro de 2010

Dicionario galego das TIC

Mércores, 13 de xaneiro de 2010

Un Gran Xerais enriba da mesa

Luns, 30 de novembro de 2009

Ecolingüística: por unha lingüística con ética

Hai uns meses a escritora e profesora da USC Teresa Moure agasallounos con Ecolingüística. Entre a ciencia e a ética, un volume publicado polo Servizo de Publicacións da Universidade da Coruña. Dun xeito didáctico e ameno explica como o ecolingüismo non é a nova versión á moda ecolóxica da lingüística, senón o que debera ser en esencia esta ciencia, para o cal non aforra explicacións, exemplos e mesmo exercicios que aguilloarán a lingüistas e calquera persoa afeccionada ou con curiosidade polo feito lingüístico ou científico, como xa antes acontecera co seu Outro idioma é posible. Na procura dunha lingua para a humanidade (Galaxia, 2005), que parte dos mesmos principios. Teresa Moure, ademais, aplica a receita ecolingüística ao caso galego, concluíndo que é de xustiza lingüística o compromiso coa defensa da nosa lingua nas súas múltiples variantes, o que inclúe a responsabilidade de estudala e cultivala, así como de investigar a cosmovisión que traslada ao resto do mundo.

ecolinguisticaA lingüística pretende estudar a linguaxe humana, unha facultade biolóxica que se presenta con moi diversas faces -as diferentes linguas que se falan no mundo-, mais que ten un esqueleto común, os universais da linguaxe. Daquela, resulta evidente a necesidade de coñecer ben todas as linguas do mundo para poder chegar a esa cerna común.

Velaquí, logo, o primeiro reto da lingüística, un reto que se acrecenta cando somos conscientes de que na Terra se falan entre 6.000 e 12.000 linguas, cifra que varía segundo os  estudos tanto polos escasos coñecementos existentes como pola problemática definición do que é unha lingua; en calquera caso, «unha marxe de imprecisión intolerábel, por exemplo, para un biólogo capaz de organizar taxonomías de millóns de especies», en palabras de Teresa Moure. Un reto que se perverte cando nos decatamos de que, en realidade, os coñecementos lingüísticos están demasiado centrados nas linguas europeas e relegan as linguas exóticas; coma se a zooloxía deixase fóra dos seus estudos os leóns, os koalas ou os ornitorrincos. Un reto que devén insuperable cando acotío morren linguas e se cre que para finais do século XXI o 90% da diversidade dos idiomas estará desaparecida porque non se lles van transmitir ás seguintes xeracións.

Moitos profesionais da lingüística parecen non comprender este problema e pretenden non tomar partido: a lingüística, para eles, debe ser unha ciencia obxectiva que non se inmisza nos problemas das linguas e dos seus falantes. Apoian así, se cadra sen querer, o espallamento de prexuízos e mitos entre a xente do común como o da utilidade das linguas, a necesidade de que exista unha única lingua común para nos entendermos, etc.

Porén, a ecolingüística reivindica o carácter ético desta ciencia: na medida en que non nos ocupemos de respectar as minorías lingüísticas, na medida en que só nos interesemos por expandir o coñecemento ás grandes linguas do mundo, estamos contribuíndo á morte das linguas e, deste xeito, á desaparición parcial do obxecto de estudo da lingüística. Ademais, segundo a profesora Moure, este non é un proceso natural, espontáneo, como se nos pretende facer ver, senón que a consolidación de certas linguas dominantes e o desprezo doutras é o resultado dos dispositivos ideolóxicos que acompañan os procesos de colonización e de globalización.

En lingüística coexisten, cando menos, tres concepcións da linguaxe: como instrumento de comunicación, como sistema de representación do mundo e como mecanismo de poder. E aínda que non son excluíntes, a idea que impera é a primeira, mentres que adoitan desbotarse as outras dúas, que, pola contra, son esteos fundamentais da ecolingüística, subliña Teresa Moure. Por unha banda, linguas e realidade están intimamente interconectadas. As linguas reflicten xeitos de vida, máis tamén as linguas contribúen a construír a realidade, pois ao adquirir unha lingua, asúmese inconscientemente un conxunto de nocións non explícitas que pasan a formar parte da bagaxe mental: son os tixolos con que pensamos. Daquela, perdermos linguas significa perdermos parte da riqueza de pensamento humano.

Por outra, e a partir da concepción das linguas como cosmovisión, entender a linguaxe e as linguas como instrumentos de poder, que reproducen sistemas de valores, abren a posibilidade de que, tamén con políticas lingüísticas, se poidan superar as limitacións de poder implícitas na linguaxe (discriminacións raciais, sexuais, etc.) e revisar as relacións entre linguas e entre falantes de linguas. Cambiar a linguaxe axuda a cambiar o mundo.

Con estas premisas, para Moure non é posible argumentar que é tan xusto defender o galego coma o castelán en Galicia. Defender o galego é, para a autora, investigar e reivindicar particularidades lingüisticas como a existencia de suxeitos en acusativo (Aí o vén), de dativos de solidariedade (Deixóucheme de pedra), a posibilidade de afirmar cun verbo (Saíches onte? Saín), de conxugar infinitivos (De irdes á praia veriades o mar), etc. Defender o galego non significar só reivindicar a diversidade cultural, senón tamén reivindicar o que é ético e xusto, sendo conscientes de «tanto como a historia nos roubou».

M ISABEL VAQUERO QUINTELA

Mércores, 07 de decembro de 2011