Novas recentes

As linguas e a USC: reflexionamos?

Venres, 16 de novembro de 2018

Xornadas para aprender

Xoves, 25 de outubro de 2018

Obradoiro de linguaxe e redacción xurídica

Xoves, 25 de outubro de 2018

Resoltos os XIV Premios á calidade lingüística

Mércores, 24 de outubro de 2018

O mes de resolver premios

Martes, 23 de outubro de 2018

O galego, de excursión

Martes, 23 de outubro de 2018

Aínda podes participar en varios concursos!

Mércores, 27 de xuño de 2018

[Máis novas]

Xornadas para aprender

Recursos educativos en galego: A educación musical

Que tipo de educación musical ofrecemos? Como vincular o galego e a música? Existen materiais educativos musicais de calidade en lingua galega? Cales son as novas propostas didácticas en educación musical? Crear un espazo para o debate e a reflexión ao redor dos recursos educativos en lingua galega é a finalidade desta XI Xornada “Os recursos educativos en galego: A educación musical”.

A xornada artéllase arredor de oito conferencias nas que se combinan exposicións teóricas con mesas de experiencia e coloquios: a avaliación de materiais musicais en lingua galega, a regueifa como instrumento para a dinamización lingüística, un achegamento en clave feminina á música ou as posibilidades da creación musical e audiovisual nas aulas de música.

Desenvolverase o mércores 21 de novembro de 2018 no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Norte) ao longo de 4 horas presenciais, que figurarán no corresponde diploma de asistencia. O prazo de matrícula está aberto ata o 18 de outubro. Pódese facer a inscrición, que é de balde, e consultar toda a información na web do Servizo de Normalización Lingüística.

As xornadas de recursos educativos en galego están organizadas pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación e contan co apoio do Servizo de Normalización Lingüística e a achega económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Habelas hainas e seguimos contándochas!

Na tarde do mércores 7 de novembro ás 16:00 h celebrarase na Facultade de Matemáticas unha xornada de carácter divulgativo sobre a investigación en matemáticas, destinada fundamentalmente a estudantes de grao e mestrado. Trátase da segunda edición de "Habelas, hainas e seguimos contándochas!"

Consisten en breves charlas de 20 minutos impartidas por sete investigadores e investigadoras novas de todas as áreas de investigación presentes na facultade, que intentarán achegar dun xeito sinxelo e ameno que son as Matemáticas e para que se poden empregar. Ademais, farano en galego coa intención de achegar ás Matemáticas a un público non especialista, gañando competencia oral nesta lingua nun ámbito académico onde o inglés está presente na investigación. A teoría de xogos, a posibilidade de calcular o sentimento amoroso, os sistemas de ecuacións, a aplicación das Matemáticas no ámbito da Medicina... son algúns dos temas que serán abordados nas charlas.

Esta iniciativa está organizada pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas e o Seminario de Iniciación á Investigación para normalizar o uso do galego, convidando a abandonar prexuízos lingüísticos e prohibicións neste mes de novembro no que se celebra o Día da Ciencia en galego. Máis de 130 persoas están xa inscritas nesta xornada de divulgación científica.

Coloquio con Novos Investigadores na Facultade de Bioloxía

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Bioloxía, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística, organizou o pasado 24 de outubro os Coloquios con Novos Investigadores, nos que mozas e mozos que están a dar os seus primeiros pasos nas pescudas biolóxicas deron a coñecer os temas nos que traballan á vez que contaron como está sendo a súa experiencia no mundo investigador.

Os encontros foron en galego co fin de espertar actitudes positivas cara a súa utilización na divulgación científica de primeiro nivel. Na xornada de mañá interviñeron Óscar Freire Agulleiro, do Departamento de Fisioloxía e do CIMUS, coa conferencia “Aquí cheguei, aquí me quedo”; Rocío Martínez Regueiro, do Departamento de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía e do CIMUS, con “O comezo da carreira investigadora: un mundo de rarezas”; e o investigador do Departamento de Bioloxía Funcional e do CIBUS Francisco Fontela Iglesias con “Ciencia de Outono”. Na xornada de tarde falaron Miriam Álvarez Barona, do Departamento de Oncoxenética e da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, coa charla “Incerteza e ilusión: parella perfecta”; Samuel Suárez Suárez, Departamento de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía, con “Estudos de doutoramento e consumo intensivo de alcol, póñame outra!; e Ánxela María Estévez Salguero, con “Luces e sombras da ciencia”. As xornadas de mañá e de tarde remataron cun coloquio entre os conferenciantes que abordou os inicios da carreira investigadora.

recursoseducativos_2018_pantalla

Xoves, 25 de outubro de 2018