Novas recentes

As linguas e a USC: reflexionamos?

Venres, 16 de novembro de 2018

Xornadas para aprender

Xoves, 25 de outubro de 2018

Obradoiro de linguaxe e redacción xurídica

Xoves, 25 de outubro de 2018

Resoltos os XIV Premios á calidade lingüística

Mércores, 24 de outubro de 2018

O mes de resolver premios

Martes, 23 de outubro de 2018

O galego, de excursión

Martes, 23 de outubro de 2018

Aínda podes participar en varios concursos!

Mércores, 27 de xuño de 2018

[Máis novas]

En Lugo, o galego para a comunicación da investigación e a actualidade

As comisións de normalización lingüística de Lugo colaboran en varios proxectos baixo o paraugas de Proxéctate en Galego. Entre eles, dúas actividades que promoven o uso do galego na comunicación da investigación e na reflexión comunitaria sobre temas de actualidade. Son o "DivulgaTerra" e os "Encontros de Lúa Chea".

DivulgaTerra 2018

As comisións de normalización lingüística do Campus de Lugo e Campus Terra organizan a terceira edición destas xornadas de divulgación científica que buscan facer visible o traballo dos novos investigadores e investigadoras dese Campus, e promover o uso do galego á hora de comunicar e difundir os resultados de investigación.

O DivulgaTerra deste ano desenvolverase en tres sesións temáticas no Auditorio da Casa do Saber (Vicerreitoría do Campus de Lugo) en tres xoves sucesivos do mes de novembro a partir das 19 horas.

•    Ciencias da saúde (15 de novembro)
•    Ciencias e tecnoloxía (22 de novembro)
•    Artes, humanidades, ciencias sociais e xurídicas (29 de novembro)

Nelas vanse combinar as presentacións breves (10 minutos) sobre investigacións en marcha con charlas divulgativas máis longas (+/- 30 minutos) dedicadas a temas de actualidade relacionados co ámbito temático que centra cada unha das xornadas. E coa exposición de pósters nun espazo anexo.

A participación é aberta a calquera investigador ou investigadora do Campus que queira presentar en galego e cun ton divulgativo o traballo de investigación que está levando a cabo, para o que tivo que presentar a súa proposta antes do 19 de outubro. A participación en DivulgaTerra recoñécese cun diploma, expedido polo Campus Terra e polo Servizo de Normalización Lingüística da USC. Ademais, un resumo escrito de cada unha das intervencións publicarase nun libro de resumos, editado coa colaboración da Escola de Doutoramento Internacional Campus Terra. E por último, as intervencións orais vanse gravar en vídeo para seren difundidas posteriormente a través das redes sociais do Campus Terra.

O acceso como público ás xornadas  é libre e de balde.

Encontros de Lúa Chea

Os Encontros de Lúa Chea, un programa de encontros informais organizados polo Proxéctate en Galego para reflexionar sobre temas de interese xeral ou de actualidade universitaria, xa tiveron dúas citas no que vai de curso na cafetería da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo. As sesións, de acceso libre e de balde para todo o público interesados, desenvólvense a partir das 20.00 horas.

O pasado 30 de outubro tivo lugar a titulada ‘Fascismos: eterno retorno?’. A profesora da área de Historia Contemporánea da USC no campus de Lugo Ana Cabana Iglesias situará a temática da sesión, ao tempo que presentará aos historiadores e docentes de ensino medio Henrique Hervés Sayar e Antonio Bernárdez Sobreira, que afondarán sobre esta temática nas súas respectivas intervencións.

O tema escollido para esta nova xornada dos Encontros de Lúa Chea non é casual, pois abonda ver os últimos resultados electorais en distintos países —Brasil é o exemplo máis recente— ou qué solucións se defenden para realidades como as migracións, para decatármonos de que a volta do fascismo é un asunto de máxima actualidade.

O 25 de setembro o tema escollido foi “Como se goberna a Universidade?”. Pareceu unha cuestión interesante dado que co novo curso, unha nova promoción de mozas e mozos comeza a súa vida universitaria, ao tempo que un novo equipo reitoral dá os seus primeiros pasos. Antonio Pérez Casas, representante do persoal de administración e servizos no Consello de Goberno; Adriana Conde, representante do alumnado na Xunta de Escola da EPS de Enxeñaría, e Ana Isabel García Arias, representante do persoal docente no Claustro Universitario, falaron sobre as estruturas de goberno da USC, sobre as funcións que cada unha delas ten encomendadas na lexislación, e sobre a importancia de que toda a comunidade universitaria participe activamente nesas estruturas.

Divulga_01_0

Xoves, 25 de outubro de 2018