Novas recentes

As linguas e a USC: reflexionamos?

Venres, 16 de novembro de 2018

Xornadas para aprender

Xoves, 25 de outubro de 2018

Obradoiro de linguaxe e redacción xurídica

Xoves, 25 de outubro de 2018

Resoltos os XIV Premios á calidade lingüística

Mércores, 24 de outubro de 2018

O mes de resolver premios

Martes, 23 de outubro de 2018

O galego, de excursión

Martes, 23 de outubro de 2018

Aínda podes participar en varios concursos!

Mércores, 27 de xuño de 2018

[Máis novas]

Resoltos os XIV Premios á calidade lingüística

Os Premios á calidade lingüística pretenden fomentar entre o alumnado a cultura da calidade ligada ao uso do galego. Concretamente, incentiva nos estudantes o desenvolvemento dunha habilidade comunicativa como é a presentación axeitada dun traballo dende o punto de vista formal, o que abrangue aspectos lingüísticos, de estruturación da información, de redacción, de deseño, a coherencia, etc., referidos á nosa lingua.

Para iso a USC convoca un certame en que o alumnado participa presentando traballos académicos de curso, traballos de fin de grao ou traballos de fin de mestrado que estean aprobados e redactados en galego. Á décimo cuarta convocatoria (curso 2017-2018) presentáronse 5 traballos académicos, 68 TFG e 35 TFM, para optaren ao total de 15 premios (cinco por cada grande área de coñecemento en cada unha das modalidades de traballos), que foron xulgados pola corrección lingüística, o emprego acaído da linguaxe de especialidade, a calidade na redacción, presentación da información e a estruturación do traballo.

Os galardóns seranlles entregados oficialmente aos alumnos e alumnas premiados nun acto institucional a principios do vindeiro ano. As actas do xurado poden consultarse no web do Servizo de Normalización Lingüística.

Traballos de fin de grao e traballos de fin de mestrado

O xurado reuniuse o 31 de outubro para a avaliación final segundo a súa clasificación nas dúas modalidades (TFG-PFC e TFM), así como nas cinco grandes áreas.

Ao chamado presentáronse 68 TFG (10 en Artes e Humanidades, 14 en Ciencias, 14  en Ciencias da Saúde, 22 en Ciencias Sociais e Xurídicas e 8 en Enxeñaría) e 35 TFM (7 en Artes e Humanidades, 3 en Ciencias, 4 en Ciencias da Saúde, 19 en Ciencias Sociais e Xurídicas e 3 en Enxeñaría e Arquitectura). E podemos dicir que as habilidades comunicativas e a competencia lingüística en galego do estudantado da USC semellan moi satisfactorias, á vista destes traballos presentados, que lle ocasionaron non poucas dificultades ao xurado para poder elixir os mellores e motivou que en varias categorías os premios se concedan ex-aequo mesmo entre tres traballos.

Resultaron gañadores/as dos cinco premios para os TFG-PFC, dotados con 300 euros e diploma:

  • Área de Enxeñaría. Interacción dixital rururbana. Nodos naturais, de Pablo Rey Fernández. Grao en Enxeñaría Informática. TFG dirixido por José Ángel Taboada González, José Ramón Ríos Viqueira, Roi Martínez Valladares
  • Área de CC. Sociais e Xurídicas. Como se mide o impacto económico dos incendios forestais, de Alba Martínez Mirás, estudante do Grao en Economía. TFG titorizado por María Loureiro García.
  • Área de Ciencias (ex-aequo)
    • Aspectos topolóxicos do Teorema de Arzelà-Ascoli, de Marcos Tella Álvarez, estudante do Grao de Matemáticas. TFG dirixido por Fernando Adrián Fernández Tojo.
    • Efectos do SOK1 na regulación da gliconeoxénese hepática, de Sara Vázquez Mera, estudante do Grao de Bioloxía. TFG dirixido por Celia María Pombo Ramos.
    • Introdución á integral de Henstock-Kurzweil, de Antía Álvarez Ares, estudante do Grao de Matemáticas. TFG dirixido por Fernando Adrián Fernández Tojo.
  • Área de Ciencias da Saúde (ex-aequo)
    • A acción colectiva no movemento estudantil. Potencia explicativa das variables psicosociais sobre a intención de participación no movemento estudantil, de Clara González Fernández, do Grao en Psicoloxía. TFG titorizado por José Manuel Sabucedo Cameselle.
    • A síndrome de burnout en pais e nais de nenos con cancro, de Sara Martínez Ferreiro, do Grao en Enfermaría. TFG dirixido por Silvia Novío Mallón.
  • Área de Arte e Humanidades. Febre no campo. Fútbol en Fene ata 1936, de Roque Sanfiz Arias, do Grao en Historia. TFG dirixido por Miguel Cabo Villaverde.

E dos cinco premios para os TFM, dotados con 500 euros e diploma:

  • Área de Enxeñaría. Optimización da etapa de enriquecemento dun cultivo mixto para a produción de polihidroxialcanoatos a partir de augas de cocedoiro de mexillón, de Lucía Argiz Montes, do Mestrado de Enxeñaría Ambiental. TFM titorizado por Anuska Mosquera Corral.
  • Área de CC. Sociais e Xurídicas. Evolución dos textos iniciais nos manuais de galego desde a Transición ata a actualidade, de Raquel Vila Amado, do Mestrado de Profesorado de Educación Secundaria. TFM titorizado por María López Sández.
  • Área de Ciencias (ex-aequo)
    • Contrastes de independencia para datos xenómicos de alta dimensión, de Fernando Castro Prado, do Mestrado en Técnicas Estatísticas. TFG dirixido por Wenceslao González Manteiga.
    • Hipersuperficies con curvaturas principais constantes en variedades Kähler con curvatura seccional holomorfa constante, de Alberto Rodríguez Vázquez, do Mestrado en Matemáticas. TFM dirixido por José Carlos Díaz Ramos e Miguel Domínguez Vázquez
  • Área de Ciencias da Saúde. Procesamento de palabras emocionais positivas e erros de concordancia de xénero: un estudo de potenciais evocados, de Jéssica Suárez Arufe, do Máster en Neurociencia. TFM titorizado por Isabel Fraga Carou.
  • Área de Arte e Humanidades. A representación das soldadeiras nas cantigas de escarnio galego-portuguesas, de Tania Vázquez García, do Mestrado en Estudos Medievais Interdisciplinares. Imaxes, Textos e Contextos. TFM dirixido por Esther Corral Díaz.

Traballos académicos

Neste caso, o xurado reuniuse xa o 28 de setembro. Ao chamado presentáronse cinco traballos académicos, a primeira das modalidades de que constan os premios. Nas áreas de Ciencias, Ciencias da Saúde e Enxeñaría o concurso quedou deserto. Resultaron gañadores/as dos  premios de 150 euros e diploma:

  • Área de Humanidades: A recepción do Dereito Romano nos reinos medievais hispánicos e a súa influencia na cristalización da Monarquía, de Héctor Paleo Paz, estudante de 3º curso do Grao en Historia
  • Área de Ciencias Sociais e Xurídicas: Revolucionar a escola para cambiar o mundo, de Rubén Iglesias Seoane, estudante de 4º do Grao de Mestre/a en Educación Primaria.

Mércores, 24 de outubro de 2018