Novas recentes

As linguas e a USC: reflexionamos?

Venres, 16 de novembro de 2018

Xornadas para aprender

Xoves, 25 de outubro de 2018

Obradoiro de linguaxe e redacción xurídica

Xoves, 25 de outubro de 2018

Resoltos os XIV Premios á calidade lingüística

Mércores, 24 de outubro de 2018

O mes de resolver premios

Martes, 23 de outubro de 2018

O galego, de excursión

Martes, 23 de outubro de 2018

Aínda podes participar en varios concursos!

Mércores, 27 de xuño de 2018

[Máis novas]

O mes de resolver premios

As comisións de normalización lingüística da USC convocan cada ano diversos premios co obxectivo de fomentar a creatividade do alumnado e promover a lingua galega como medio de expresión artística e científica. Outubro adoita ser un mes no que se resolven certames como Explícoche Matemáticas 2.0., Mazarelos, o Somos a Curta! e Escolle en galego.


Explícoche Matemáticas 2.0

Nesta sétima edición do concurso Explícoche Matemáticas 2.0 presentáronse 35 vídeos: 29 na categoría de ensino secundario e ciclos formativos (categoría A) e 6 na de universidade (categoría B). O xurado, que tivo aceso aos vídeos para unha visualización e valoración inicial, reuniuse o día 2 de outubro para decidir o premio. O ditame emitido recolle tanto a exclusión do concurso de nove vídeos por incumprir o punto 2 das bases como as creacións audiovisuais que resultaran premiadas en cada categoría, así como a lista dos quince vídeos que resultaron dunha primeira peneira e que se poden ver xa na canle de Youtube do certame.

Na categoría A resultou premiado o vídeo Como calcular o tamaño da terra, de Aarón Vilariño Folgueiras, alumno da ESO, mentres que na categoría B foron premiadas as obras Voronói, de María Navarro Martínez e Iria Lago Portela, alumnas do Grao en Matemáticas, e O problema do camiño máis rápido: a cicloide, de Jesús Conde Lago, estudante de doutoramento en Matemáticas. Nesta última categoría tamén se acordou conceder un accésit a Brais Prieto Moure, alumno de doutoramento en Comunicación Audiovisual, pola súa peza audiovisual O teorema da pizza.

A entrega de premios tivo lugar o día 26 de outubro na Facultade de Matemáticas.

O obxectivo de Explícoche Matemáticas é fomentar o uso do galego neste eido mediante a realización de vídeos nos que se aborde un tema relacionado coas matemáticas, ben desde un punto de vista formal (definición dun concepto, un teorema, idea intuitiva e/ou aplicación), ou ben, cun carácter divulgador, reflectindo como se utilizan as matemáticas na vida cotiá, na cultura, na arte ou na sociedade. 

Concurso Literario “Mazarelos”

A IV edición do Concurso Literario “Mazarelos”, organizado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía, xa ten veredicto. O xurado, formado polos escritores Yolanda Castaño e Suso de Toro, os profesores Laura Lojo e Francisco Dubert, e a estudante de doutoramento e premiada na primeira edición deste certame, Laura Camino Plaza, reuniuse o pasado 30 de outubro para valorar as 35 propostas literarias presentadas. Os seus acordos foron adoptados por unanimidade e desta volta a poesía domina os galardóns.

O xurado outorgoulle o terceiro premio ao conxunto poético Do van, presentado por Benjamín Vidal Estévez. O xurado destacou o contraste entre unha linguaxe aparentemente sinxela e unha maior carga conceptual.

O segundo premio foi para Xente da crise, de Xian Lois Alcayde Dans, que para o xurado sobrancea pola frescura do seu estilo e polo esforzo en construír unha linguaxe propia nunha obra que se revela testemuña do seu tempo.

Finalmente, o primeiro premio correspondeulle a Mapa mudo, a proposta poética de Arancha Nogueira, que poetiza a memoria da súa intimidade cunha linguaxe depurada, segundo o xurado.

Os galardóns están dotados con 500, 250 e 150 euros, respectivamente, e diplomas honoríficos. A entrega de premios acontecerá o 12 de decembro nunha gala que terá lugar na Facultade de Filoloxía e durante a cal se dará lectura das obras premiadas e haberá dúas actuacións musicais.

O Concurso Literario “Mazarelos” busca ligar o galego coa creatividade da mocidade universitaria e o desenvolvemento da súa capacidade de expresión, así como contribuír a descubrir potenciais figuras deste eido da cultura.

Somos a Curta!

A sétima edición de Somos a Curta! déixanos con seis novas propostas audiovisuais do cinema do real. A Comisión de Normalización Lingüística de Ciencias da Comunicación decidiu non organizar a tradicional gala na que se mostran as fitas presentadas e se outorga o premio do público, sendo substituída por un pequeno acto na mesma facultade.

O xurado decidiu outorgarlle o primeiro premio (500 euros e diploma honorífico) á curta Café Bar Choiva, de Manuel Barreiros Rozados, alumno de 3º de Comunicación Audiovisual; mentres que o segundo premio (250 euros e diploma honorífico) recaeu en Catro escenas dunha vila, de Xoán Fernández Diz, alumno de 3º de Comunicación Audiovisual.

Os obxectivos con que a CNL de Ciencias de Comunicación convoca este premio son promover o uso da lingua galega como vehículo para a creatividade dos novos valores do audiovisual galego; premiar os dotes lingüísticos, técnicos e artísticos dos estudantes galegos; e promover a análise da realidade galega a través do audiovisual.

Escolle en galego

As estudantes do Grao en Veterinaria Antía Martínez Alborés e Lorena Ramos Dubra resultaron gañadoras da primeira edición dos premios Escolle en galego, unha convocatoria da Facultade de Veterinaria que quere recoñecer os traballos académicos que engaden aos seus valores técnicos e científicos unha alta calidade lingüística e formal en galego.

Nunha xuntanza que tivo lugar o pasado 13 de setembro, o xurado outorgoulle o primeiro premio, dotado con 175 euros e diploma, ao traballo "Memoria de estancias non clínicas e na Administración", elaborado por Antía Martínez para a materia do mesmo nome. O segundo, premiado con 125 euros e diploma, foi para Lorena Dubra por "Memoria de estancias clínicas" presentado para esta materia de quinto curso.

Este premio nace como unha iniciativa complementaria á campaña Escolle en galego, en marcha desde o curso 2013-14, que busca promover o uso do galego nos materiais docentes do Grao en Veterinaria. Con ela, foméntase que o profesorado que imparte as súas clases en castelán ofreza versións en galego do seu material de clase, de modo que o alumnado poida descargalo libremente a través do Campus Virtual, e imprimilo con descontos en determinados centros de reprografía da cidade de Lugo.

As dúas iniciativas (campaña e premio) están xa en marcha neste curso que 2018-19 que acaba de comezar, de modo que se estudas Veterinaria xa sabes... elaborar en galego os teus traballos de clase, pode ter premio!

CURTAS_PortadaFacebook

Martes, 23 de outubro de 2018