Marchando dúas de vídeos! TED-Saúde e Youtubeir@s

Dous dous concursos organizados ou participados pola USC en relación co fomento do galego en vídeos teñen flamentes gañadoras e gañadores. Trátase do TED-Saúde e de Youtubeir@s.

TED-Saúde

O pasado 7 de maio tivo lugar a reunión do xurado encargado de valorar as subtitulacións ao de vídeos de TED-Saúde, concurso ao que se presentaran un total de 22 títulos, que, xunto cos 31 da edición de 2016 e os 20 de 2017, suman 73 vídeos TED de ciencias da saúde con subtítulos na nosa lingua.

TED-Saúde é unha actividade organizada pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Farmacia co apoio do SNL da USC, que busca incrementar os contidos en galego na rede na área de ciencias da saúde, máis concretamente aumentar o número de vídeos TED que se poidan ler na nosa lingua relacionados con esa área. Para iso organiza un seminario previo para divulgar o funcionamento da plataforma de subtitulación de TED e aconsellar sobre a tradución inglés-galego.

Alberte Regueira López resultou gañador na modalidade A polos subtítulos Como definen os nosos microbios quen somos, elaborados para o vídeo How our microbes make us who we are, de Rob Knight. Alberte Regueira é membro do Grupo de Biotecnoloxía Ambiental do Dpto. de Enxeñaría Química da USC. A modalidade A está dirixida a membros da comunidade universitaria e dotada cun premio de 250 euros e diploma honorífico, e nela concorreron oito concursantes.

Na  convocatoria aberta ou modalidade B, dotada cun premio de 150 euros e diploma honorífico, concorreron 14 subtítulos. A gañadora foi Noelia Bernárdez Alonso, polos subtítulos de Por que os civís sofren máis cando xa rematou a guerra, elaborados para o vídeo Why civilians suffer more once a war is over, de Margaret Bourdeaux.

As novas 22 subtitulacións ao galego pasan a formar parte das posibilidade de visionado deses vídeos, o que resulta aínda máis doado accedendo a velos dende as listas de reprodución do SNL ou ben dende a páxina web, con acceso tamén a toda a documentación das tres edicións organizadas.

No mes de setembro a Facultade de Farmacia celebrará un acto de entrega de premios.

Formaron parte do xurado Manuel Núñez Singala, director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Mario Cal Varela, docente do Obradoiro de Subtitulación, e profesor do Dpto. de Filoloxía Inglesa da USC, Xusto A. Rodríguez e Isabel Vaquero, técnicos do SNL da USC. O xurado quixo destacar a alta calidade media dos traballos que se presentaron, que os obrigou a reparar en pequenos detalles para dar elixido os subtítulos gañadores.

Youtubeir@s

O pasado 20 de abril o Teatro Colón da Coruña foi o escenario que acolleu a gala de entrega dos Premios Youtubeir@s, a iniciativa de concellos, deputacións e universidades para promover e visibilizar o uso do galego en Internet, nomeadamente nunha das redes máis influentes do momento: Youtube.

A técnica do SNL do Concello de Ourense Mónica Fernández, coordinadora do Proxecto Youtubeir@s, destacou na súa intervención en nome da organización a alta participación –concorreron 230 propostas- e a gran calidade nesta segunda edición do concurso. As 230 propostas presentadas á segunda edición de Youtubeir@s - Concurso de vídeos na Rede, entre vídeos e canles, pódense ver na canle de Youtube do certame.

O acto contou con máis de 200 persoas entre concursantes, representacións institucionais dos concellos, da Deputación da Coruña e das universidades promotoras do concurso, entre as cales figura a USC. Correspondeulle conducir a gala á compañía teatral A Panadaría, que mesturou humor e música ao redor da xeración millenial, os contidos audiovisuais que se elaboran na rede na actualidade e sobre a figura dos youtubeir@s.

Tamén lles deron protagonismo aos 25 finalistas que aspiraban os premios e, sobre todo, ás persoas gañadoras  nas diferentes categorías, logo da decisión do xurado formado por Laura Cruxeiras, Iván Capón, Estela Romasanta, Adrián Dios e Anxos Sobriño.

Na categoría de vídeo-facermos, o gañador foi o vídeo Como escaquearse dunha comida familiar, de As cousas do Choio. No apartado de vídeo-opinarmos, o premiado resultou o vídeo A expedición Balmís e a vitoria da vacinación, de Xacobe de Toro Cacharrón. E o premio á mellor canle acadouno Nubes Baixo ti.

Por outra banda, o apartado de creatividade gañouno Os cazapantasmas vídeo-facermos, de Moustache Media Producciones, mentres que eficiencia comunicativa foi para O galego Fermoso (e o que non o é tanto) de Aquel-e, a categoría da calidade técnica conquistouna Viaxar, de Aarón Vilariño Figueiras, e a categoría de calidade lingüística foi para Reivindicación oceánica, de Xosé Iglesias. Finalmente, o premio a proposta Youtubeira, entregado pola vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, recoñeceu o vídeo Como dar cartos ás agachadas, de As Cousas do Choio.

Este concurso é unha iniciativa dos Servizos de Normalización Lingüística dos concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove; da Deputación da Coruña e tamén das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.



Mércores, 27 de xuño de 2018