Galego básico intensivo no mes de xullo

Se tiñas pouco tempo para meterte a máis aprendizaxes na túa estadía na USC pero estás interesado por esa lingua que oías seguido en todas as partes. Se vas facer un intercambio na USC e queres estar preparado/a para entender nas súa lingua a persoas que te van acoller. Se vives aquí, te defendes en castelán pero queres coñecer máis en que consiste esta país. Se che apetece vir facer turismo idiomático de paso que desfrutas da paisaxe, a gastronomía, o clima, a xente...

O Centro de Linguas Modernas ofréceche o galego entre os seus cursos intensivos de verán. Será posible así que calquera persoa non galegofalante maior de 16 de anos que teña coñecemento de español como lingua estranxeira realice este curso de 40 horas presenciais mais 10 de traballo do alumno no Campus de Santiago de Compostela no mes de xullo.

Coa proposta do curso intensivo de iniciación á lingua galega para non galegofalantes do CLM, este centro universitario de aprendizaxe de linguas complementa a oferta que ten ao longo do ano académico de cursos das catro linguas oficiais do Estado español (catalán, español, galego, eusquera) así como de lingua de signos española e, por outra banda, completa a oferta da USC para este verán.

O curso inicial de galego para non galegofalantes desenvolverase na Facultade de Bioloxía entre o 2 e o 13 de xullo en horario de 9:30 a 13:30. O prezo é de 150 euros para membros da USC e de 175 euros para as restantes persoas. Ao remate, todas as persoas que superen o curso obterán da USC unha certificación de aptitude automatizada, en versións galega, española e inglesa.

Son, deste xeito, dezaseis as linguas que se poden aprender nun nivel inicial nos cursos intensivos de verán que se desenvolven entre xuño e setembro: alemán, árabe, catalán, checo, chinés, español para estranxeiros, francés, galego para non galegofalantes, grego moderno, inglés, italiano, lingua de signos, polaco, portugués, ruso e xaponés no Campus de Santiago e alemán, francés, inglés, lingua de signos, portugués e xaponés no Campus de Lugo. No caso do galego, o nivel que se adquire neste curso é case un A1 do Marco Europeo, o de usuario básico.

Mércores, 27 de xuño de 2018