Inflúen os/as docentes nos usos lingüísticos do alumnado? Os idiomas nos TFG e nos TFM

A influencia dos usos lingüísticos docentes nos do alumnado reflíctese con certa claridade nos traballos de fin de grao: o castelán úsase no 74% dos TFG e no 77% da docencia; o galego no 22% dos TFG e no 20% da docencia. A correlación tamén é moi grande cando debullamos os datos por titulacións.

Usos lingüísticos nos traballos de fin de grao

O pasado 2017 defendéronse 3309 traballos de fin de grao na USC en 55 titulacións. A lingua máis utilizada na redacción destes traballos foi o castelán (en 2456 traballos), a seguir o galego (en 725 TFG), e tamén se utilizaron en menor medida o inglés (en 72), o catalán (en 21) -no que semella un erro, por proximidade co castelán á hora de escoller o idioma no despregable-, o alemán (16 traballos), o francés (13 TFG), o italiano e o portugués con cadanseus 2 e 3 traballos, e un TFG en grego, outro erro por proximidade co galego no despregable. Xa que logo, a media dos usos lingüísticos do alumnado nas súas tarefas académicas, neste caso os TFG, que se representan nesta gráfica de abaixo, é análoga á media dos usos lingüísticos dos docentes.

Así, igual que nos graos, os de maior uso docente do español, os relacionados coas Ciencias da Saúde, tamén son os graos en cuxos TFG máis sobrancea o castelán, nuns niveis moi similares: no 96% dos de Medicina –no que maior número de traballos se presentan de toda a USC, 382-, no 93% dos de Farmacia (sobre un total de 169) e no 81% dos traballos de fin de grao de Enfermaría.

En todas as titulacións en que se leron TFG houbo algún redactado en galego, agás en Enxeñaría Química, con 38 traballos só en castelán, contradicindo o 21% de docencia en galego. En Enxeñaría das Industrias Agroalimentarias só se leu un TFG e foi en galego. En oito graos houbo un maior número de traballos en galego ca en castelán: Ciencias da Cultura, Xeografía e Historia, Mestre en Educación Primaria e Educación Infantil de Santiago, Comunicación Audiovisual, Xornalismo, Lingua e Literatura Galegas.

Estas últimas seis titulacións tamén son as que máis usan o galego na docencia. En xeral, o uso do galego nos TFG é maior cando corresponden a graos cun elevado uso do galego (Comunicación Audiovisual 66%, Educación Primaria Santiago 53%, Educación Infantil 51%, Xornalismo 52%), mais só en poucos casos os traballos estudantís melloran os datos do seu profesorado: só en Ciencias da Cultura 55,6% e Xeografía 52% (vs. o 41,3% e o 50,4% da docencia, respectivamente).

No Grao en Lingua e Literatura inglesas só se utilizou o inglés e no de Lingua e Literatura Galegas, só o galego. No Grao en Linguas e Literaturas Modernas, alemán, francés, italiano e portugués. Tamén se redactaron en inglés cadanseu TFG en Química, Pedagoxía, Educación Primaria e Farmacia, e en Física, seis.

Os datos das linguas de lectura e defensa dos TFG sofren pequenas variacións á respecto dos de redacción: 77 traballos escritos en castelán e seis inglés foron posteriormente defendidos oralmente en galego ou noutros idiomas.

Aínda que só temos a perspectiva de sete anos en canto aos usos lingüísticos nestes traballos, semella que a presenza do galego nos TFG reflicte en boa medida os usos de idiomas do seu profesorado: as porcentaxes globais e liña de evolución son similares, e existen paralelismos entre usos lingüísticos docentes e usos lingüísticos nos TFG por titulacións. Aínda que tamén pesan no fondo os propios hábitos da mocidade, como sabemos cada vez máis castelanfalante.




Traballos de fin de master

En 2017 defendéronse 1.164 traballos de fin de mestrado. O panorama volve estar dominado amplamente  polo castelán, como se reflicte na gráfica.


 

O castelán foi a lingua utilizada para redactar 828 TFM e en galego están redactados 275; ademais utilízase outras linguas, como o inglés (en 55) e, en menor número, o catalán e italiano. Tamén neste caso existen diferenzas nos datos analizados entre a lingua en que se redactan os TFM e a lingua en que se len. A lingua que resulta máis favorecida na defensa é o galego, que suma 33 TFM, e a máis prexudicada, o inglés, que resta 22 traballos.

O pasado curso impartíronse 80 mestrados (incluíndo varias edicións dun mesmo mestrado, especialidades diferentes ou campus distintos). O Máster Universitario en Avogacía (Santiago) foi a titulación en que máis TFM se presentaron, con 58. Pero se consideramos o conxunto das diversas especialidades e campus de impartición, foron os mestrados en formación do profesorado os que sumaron maior número: 182 en Santiago e 77 en Lugo, en total case a cuarta parte dos TFM. Deles, en galego foron redactados 121 TFM, 98 en castelán e un en inglés.

En 20 dos 80 máster, ben repartidos por todas as grandes áreas, non se elaborou ningún TFM en galego. Nos mestrados en Arqueoloxía, Comunicación e Industrias Creativas, Historia Contemporánea; Igualdade, Xénero e Educación; Xestión Sustentable da Terra e do Territorio, o número de traballos en galego superou ao de castelán.

Sorprende que entre só 55 dos 1.164 TFM presentados (o 4,7%) foran redactados en inglés. Doce corresponden a mestrados de Estudos Ingleses e Formación do Profesorado, oito a Física, sete ao Erasmus Mundus Narrativas Culturais, catro a Enxeñaría Ambiental, tres a Enxeñaría Química e Innovación e Seguridade en Tecnoloxía Alimentaria e un noutras titulacións maioritariamente de Ciencias.

Fomento da elaboración de TFG e TFM en galego

Cómpre lembrar que a USC fomenta o uso do galego en ambos os tipos de traballos, TFG/PFG e TFM mediante os Premios á calidade lingüística, por unha banda, e, por outra, fornecendo os modelos de traballos de fin de grao no noso idioma, que facilitan a súa redacción e que se ofrecen en formato Word e en formato LibreOffice.

Luns, 30 de abril de 2018