Os idiomas nas teses de 2017

«O espazo do occidente peninsular e a súa organización territorial (ca. 700- ca. 1250)» foi unha das 25 teses de doutoramento que se defenderon utilizando o galego o pasado 2016 na nosa Universidade. Delas, 19 redactáronse unicamente en galego, dúas incorporárono como lingua principal e o resto, como lingua secundaria.

A Escola de Doutoramento Internacional acubillou 10 teses en galego; as restantes presentáronse en Filoloxía Galega (2), Historia da Arte (2), Botánica, Economía Aplicada, Filosofía, Historia e Institucións Económicas, Lingüística, Xeografía e Zooloxía.

Porén, o dato máis salientable é que o castelán segue sendo a lingua predominante nos traballos con que se lles pon o ramo aos estudos de doutoramento: das 282 teses lidas o pasado ano, 158 realizáronse total ou parcialmente neste idioma (o 56,02%). O inglés é segundo idioma máis utilizado, con 82 teses (29,07%). Ao seu lado, a utilización doutras linguas como o galego (8,86%) ou o portugués (5,31%), resulta moito máis discreta, por non falar da suma de alemán, francés e italiano, cun 0,88%.

Na Escola de Doutoramento Internacional foi onde máis teses en inglés como idioma único ou principal se leron, seguido do Departamento de Electrónica e Computación (5) e Física de Partículas (3) e noutros 16 departamentos das áreas de Ciencias e Ciencias da Saúde. De xeito secundario o inglés utilizouse en oito departamentos máis, desta vez incluíndo os de Dereito Mercantil e Lingüística.

Se estudamos a evolución do uso dos idiomas dende o ano en que comezamos a ter datos de usos lingüísticos, 1994, percíbese unha progresiva diminución do uso do castelán a prol da utilización do galego, nos primeiros anos, e doutras linguas, especialmente, do inglés. En relación ao inglés, cómpre salientar que deste último idioma só temos datos desagregados dende 2009 e que a tendencia é á alza, ascendendo posicións ano a ano.


A utilización da lingua galega nestes traballos, do cal temos datos dende 1990, presenta numerosos altibaixos; dende 2000 móvese entre o 7% e o 15%. Máis importante aínda é que o cruzamento de datos de solicitantes de axudas á realización de teses de doutoramento en galego dende 1994 e de utilización da nosa lingua na docencia por parte destes mesmos profesores e profesoras, revela un grao de fidelización moi elevado ao uso do galego.

Malia os doutorandos e doutorandas contaren con axudas que incentivan o uso do galego por parte da USC, o certo é que só 9 das 22 teses defendidas en 2017 que tiñan dereito á axuda do SNL (redactadas exclusivamente na nosa lingua e fóra do Departamento de Filoloxía Galega) solicitaron as subvencións de ata 400 euros ou o correspondente asesoramento lingüístico e terminolóxico.

Martes, 27 de marzo de 2018