O cinema e a televisión galegos, no XIII Curso de Primavera da USC

O Curso de Primavera da USC abordará a relación entre cine, televisión e cultura do 3 ao 6 de abril en Humanidades; o último día dedicarase ao estado do cinema e a televisión galegos.

A relación entre cinema, televisión e cultura centra a décimo terceira edición do Curso de Primavera da USC, un foro de debate e divulgación, organizado pola Comisión de Normalización Lingüística de Humanidades, que se desenvolverá do martes 3 ao venres 6 de abril no Salón de Actos desta facultade de Lugo.

No Curso de Primavera da USC intervirán máis dunha ducia de relatores, entre profesores universitarios, investigadores, escritores, produtores cinematográficos e actores e actrices. Cinema e literatura; televisión e cultura; cinema, cultura e memoria son os temas que se tratarán o mércores e o xoves. O venres 6 abordará a evolución do cinema e televisión en Galicia.

A primeira intervención dese día correrá a cargo de Melania Cruz e Tito Asorey (actores e directores de cine, teatro e televisión), nun Cinefórum sobre interpretación en galego ás 10:00 da mañá. Proseguirá coas proxeccións de dous títulos míticos na historia do cinema galego e en galego: Mamasunción e Sempre Xonxa, do cineasta Chano Piñeiro, que serán presentadas por Uxía Blanco.

Martes, 20 de marzo de 2018