Trinta e un veráns aprendéndolles galego a persoas estranxeiras!



O Instituto da Lingua Galega, a Real Academia Galega convocan a trixésimo primeira edición dos Cursos de verán de lingua e cultura galegas para persoas estranxeiras, que terán lugar en Santiago de Compostela do 2 ao 24 de xullo de 2018, xunto coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Deputación da Coruña. O prazo para inscribirse remata o venres 6 de abril.

O fin primordial destes cursos é darlle ao alumnado a oportunidade de familiarizarse coa lingua galega e coa realidade sociocultural de Galicia. Aprender galego e comprender a súa cultura vailles ser ben doado, pois ademais de clases de comprensión e expresión escrita e oral da lingua galega, poderán gozar de conferencias sobre literatura, historia, arte..., películas e documentais en galego, excursións e xornadas completas de inmersión lingüística e cultural en comarcas de interese cultural e paisaxístico, unha na Galicia interior e outra na Galicia da beiramar.

O destinatario dos XXV Cursos de verán de lingua e cultura galegas é o alumnado e o profesorado universitario que estea interesado na lingua, na literatura e na cultura galegas, persoas que logo adoitan converterse en embaixadores da cultura galega na súa patria de orixe, onde seguen a investigala e a espallala. E en Galicia son un factor de prestixio para o idioma, pois ao falaren galego con naturalidade mais co seu acento foráneo, danlle un plus que descoloca a xente galega que ten prexuízos sobre o valor e a utilidade da lingua propia de Galicia, á vez que é un motivo de orgullo para quen aquí traballa arreo pola plena normalización do idioma.

Os cursos de lingua e cultura galegas constan de tres niveis:

  • Elemental, de iniciación á lingua para quen desexe introducirse no seu coñecemento. O alumnado deste nivel distribuirase en dous grupos segundo o grao de comprensión da lingua, previa realización dunha proba.
  • Medio, destinado a quen xa realizou o curso elemental ou que posúa un coñecemento básico do idioma, logo da realización dunha proba.
  • Curso superior de Filoloxía Galega, para quen cursou o nivel medio ou acredite un bo dominio do galego.

O folleto informativo cos detalles desta nova convocatoria pode descargarse nesta ligazón. A ficha de inscrición está dispoñible tanto no devandito folleto como nestoutra ligazón. Para calquera dúbida ou consulta, as persoas interesadas poden dirixirse á secretaría dos cursos a través do correo electrónico <cursos@academia.gal>.

A organización ofrece 48 bolsas por un importe de 350€ e 2 bolsas de 500€ reservadas para persoas procedentes de América Latina; nos dous casos haberá exención de pagamento de matrícula. E, ademais, 10 bolsas que eximen do pagamento da matrícula, mais que carecen doutra retribución económica.

Luns, 19 de marzo de 2018