Un sobe-baixa en quince anos

Logo de quince anos contando con datos, podemos obter unha visión sobre a evolución dos usos lingüísticos na docencia bastante razoable. A información baséase nas planificacións docentes dos departamentos e está referida a horas de clase.

Evolución nos graos

No curso 2009-2010, en que se puxeron en marcha 28 dos 50 graos actuais, o uso do galego era do 32,76% das horas docentes; nestes nove anos, o galego baixou paulatina pero constantemente 13 puntos, ata o 19, 75%, coa única excepción do pasado curso. Esta caída apréciase na pendente suave pero continua que representa o galego na gráfica.

De maneira inversa, o castelán medrou, pero máis: 13,6 puntos (de 62,92% a 76,56%). O uso do inglés e doutras linguas continúa estancado e limítase ao ensino das linguas nas titulacións de Filoloxía e como materia técnica noutras, mentres que apenas se usa como lingua vehicular no ensino.

Se adoptamos unha perspectiva máis ampla, dende o curso 2003-2004, e consideramos de xeito conxunto a docencia de titulacións de 1º e 2º grao e os graos, o que observamos é unha suave liña  ascendente para o galego (e complementariamente, unha descendente para o castelán) ata 2008, un brusco pico de ascenso e descenso entre 2008 e 2013, e unha suave liña descendente para o galego ata a actualidade.

Logo dun período en que a docencia da USC parecía progresar paseniñamente cara a un modelo bilingüe castelán-galego, a tendencia reverteuse cara a un maior maior monolingüismo en castelán.

Como resumo, a docencia básica universitaria vehicúlase moi maioritariamente en castelán (sempre máis de 2/3); ademais impártese entre 1/3 e 1/5 en galego e menos dun 5% noutros idiomas.

Se debullamos os datos por titulacións, percibimos doadamente as mudanzas, en xeral, congruentes e comprensibles, grazas ás cores, que clasifican as titulacións segundo tramos de uso do galego.

Só tres titulacións non imparten nin unha hora de clase en galego: o Grao en Lingua e Literatura Inglesas, a Enxeñaría Agrícola e do Medio Rural, que apenas teñen docencia por mor da reordenación de titulacións nesta área, e a de Relacións Laborais de Lugo.

As Ciencias da Saúde (Odontoloxía, Medicina, Farmacia, Enfermaría) seguen ano tras ano á cola no uso do galego na táboa. Precisamente, os datos lingüísticos da USC escoran cara ao castelán por mor destas titulacións ligadas á área de Ciencias da Saúde, as de maior carga docente, logo de completaren a súa implantación como graos. Só as horas docentes de Medicina representan case a cuarta parte do total da USC, a moitísima distancia de calquera outra titulación (o seguinte en cantidade de docencia impartida é CC. da Educación, co 6%) e que o uso do galego en Medicina é do 0,88% no curso actual. A implantación deste grao desde o primeiro curso en 2010-2011 ata sexto no 2014-2015, revela unha mingua constante do uso do galego dende o 6% inicial ata practicamente desaparecer no actual curso.

No cadro de honra no uso do galego seguen campando Filoloxía Galega e mais as titulacións da Facultade de Ciencias da Comunicación, Xornalismo e Comunicación Audiovisual, mais outras titulacións de Ciencias Sociais como seis graos de Educación, Filosofía ou Xeografía.

Evolución nos mestrados

A evolución dos usos lingüísticos nos mestrados é un tanto diferente. Nos mestrados o uso das dúas linguas oficiais segue estando máis próximo ao equilibrio, arredor dun 60-40. Na evolución sorprende o dato do curso 2011-2012, que se debe a un erro na recollida de horas do Máster de Formación do Profesorado, ao que se lle atribúen máis de 45 mil sobre un total de case 86 mil horas de mestrados. Non se aprecian variacións no uso do inglés e doutras linguas nos mestrados, o cal se pode considerar residual, sempre próximo ao 2%.

Se debullamos a evolución por titulacións de mestrado, tamén se percibe certa estabilidade, malia algúns datos incoherentes que poden deberse a erros á hora de cubrir o POD na aplicación informática XesCampus.

Evolución por departamentos

O máis salientable é a progresiva desaparición dos departamentos que ignoran o galego na docencia: no curso 2003-2004 eran 19 e na actualidade, ningún, o que probablemente se debe á unión de departamentos para reducir o seu número dende 98 ata os 51 actuais.

Polo demais, os datos semellan congruentes ao longo do tempo agás algúns pequenos saltos que poden corresponder a erros puntuais (o 95% de galego en Química Orgánica no curso 2005-2006) ou a evolucións e cambios nos usos lingüísticos do profesorado.

Como era de esperar, os departamentos relacionados coas Ciencias da Saúde  e Química revélanse como os menos proclives a incorporaren o galego ás súas horas docentes.

A evolución dos usos lingüísticos da docencia da USC

A USC conta con datos sobre o uso dos idiomas na formación universitaria inicial (licenciaturas e diplomaturas e, agora, graos) desde o curso 2003-2004, o que nos permite ofrecer unha panorámica dos usos lingüísticos docentes ao longo destes quince cursos académicos bastante razoable. A información baséase  nas planificacións docentes dos departamentos, que se trasladan á aplicación de xestión académica XesCampus e logo se reflicten como datos públicos nas páxinas web das diversas titulacións, nas informacións relativas a cada materia e a cada grupo: profesorado, horario, contidos, programas, competencias, bibliografía, idiomas... Dende o curso 2009-2010, en que se implantaron os primeiros máster adaptados ao EEES, tamén contamos con datos sobre os usos lingüísticos deste tipo de titulacións superiores.

Os datos semellan cada curso máis fiables, grazas ás precaucións que se foron adoptando e que impiden que, por exemplo, se escolla unha lingua non oficial da USC na aplicación XesCampus se non está autorizada oficialmente a impartición da materia nese idioma. Por suposto, na introdución de información pode haber erros máis ou menos involuntarios, que explican algúns datos rechamantes pero que non mudan as grandes tendencias; pensemos que as porcentaxes están calculadas sobre as máis de 479 mil horas de docencia que se imparten na USC.

 

 

 

 

Mércores, 28 de febreiro de 2018