Micromachismos a debate nos Encontros de Lúa Chea

O vindeiro 6 de marzo terá lugar outro Encontro de lúa chea en Lugo: Guadalupe Jiménez-Esquinas, profesora da Área de Antropoloxía Social da USC e gañadora do primeiro premio na última edición dos Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero introducirá o tema deste Encontro, titulado “Micromachismos: de "micro" nada”, para logo debater entre todas as persoas asistentes de xeito informal. Será ás 19,30 h, na cafetaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría.

Micromachismo é a denominación que lles dá a situacións aceptadas socialmente e normalizadas e que, porén, as mulleres senten como discriminatorias. A poucos días do Día Internacional das Mulleres, os Encontros de Lúa Chea queren debater sobre os micromachismos: as súas raíces, os valores implícitos que transmiten eses comportamentos e a forma de destapalos e eliminalos.

O Encontro do mes de febreiro estivo dedicado a “A educación no rural hoxe: retos e posibilidades”. Nun campus coma o de Lugo o rural é foco continuo de atención e no mundo rural galego cando se fala de educación semella que todo son dificultades. Mais tamén hai innovación pedagóxica, cooperación, implicación da comunidade educativa... Para falar da situación da educación no rural estivo o profesor de Teoría e Historia da Educación Candia Durán, quen amosou exemplos de boas prácticas que reafirman o valor e utilidade da escola no mundo rural.

Os Encontros de Lúa Chea son foros informais organizados para divulgar contidos académicos transversais de interese xeral ou de actualidade universitaria, de xeito que se atraia o interese do alumnado e se poña de manifesto a naturalidade da expresión en lingua galega en actividades non académicas.

Desde Proxéctate en Galego reivindican o encontro propiamente físico (neste tempo de comunicación virtual e redes sociais) como ferramenta básica para a comunicación e o debate, e facelo experimentando cun formato diferente, que evita o modelo das conferencias ou das mesas redondas. Esa diferenza arrinca no propio escenario (a cafetaría da Escola Politécnica Superior de Lugo), continúa polo ton (divulgativo, dirixido non a especialistas, senón a calquera persoa interesada) polo formato (intervencións curtas dun ou de dous relatores que sitúan un tema do que despois se debate libremente entre os participantes).

Comezaron a celebrarse en 2015 e organízanse mensualmente ao longo do curso académico, nos seráns dos mércores ou xoves máis achegados á noite de lúa chea.












Mércores, 28 de febreiro de 2018