Novas recentes

Mostra @ youtubeir@ que levas dentro!

Luns, 18 de decembro de 2017

Linguas de perfil

Luns, 18 de decembro de 2017

And the winners are...

Xoves, 30 de novembro de 2017

Cinco anos de bUSCatermos: algúns datos e un balance

Mércores, 08 de novembro de 2017

Novembro, mes de "xornadas"

Mércores, 08 de novembro de 2017

Resoltos os XIII Premios á calidade lingüística

Mércores, 08 de novembro de 2017

[Máis novas]

Se vés de fóra, podes aprender galego no segundo semestre

O 7 de febreiro comeza o segundo semestre dos cursos de linguas do CLM (Centro de Linguas Modernas) da USC: alemán, catalán, checo, danés, francés, italiano, portugués, xaponés e galego para non galegofalantes.

O curso de galego para non galegofalantes diríxese a todas as persoas que veñen estudar ou traballar á USC dende fóra de Galicia. Esta actividade formativa organízase dende 1996 e dende aquela máis de 1500 estudantes procedentes doutras comunidades autónomas (sobre todo, cataláns e vascos), así como de moitas outras partes do mundo (Italia, Alemaña, Estados Unidos, Rusia, Polonia, Austria ou Francia) levan aprendido os rudimentos do noso idioma, logo de se decataren de que aquí se fala galego, dentro e fóra da Universidade: entre os novos amigos e compañeiros, nas tendas, nos bares, na tele... ou nas aulas. É moi conveniente afacerse a el, comprendelo (o que resulta moi doado coñecendo algunha outra lingua románica) e mesmo chapurrealo un pouco.

Os cursos que se ofrecen son tres, dous en Santiago e un en Lugo, con cadansúas 20 prazas. Responden aos niveis A1 (nivel 2) e A1.1 (nivel 1) do Marco Europeo Común de Referencia para as Linguas. Trátase, pois, de cursos do nivel inicial.

Constan de 40 horas presenciais e dez de traballo autónomo tutelado, e permiten un número máximo de 8 horas de falta de asistencia.

O curso A1 de Santiago desenvolverase os luns e os mércores de 10:30 a 12 na Aula de Linguas A situada na Facultade de Filosofía e o curso A1.1, os martes e xoves no mesmo lugar e co mesmo horario. O curso A1.1 de Lugo, pola súa banda, desenvolverase os venres de 16:00 a 19:15 h na Aula C do CLM na Facultade de Humanidades.

Outras actividades para aprender galego

O CLM dispón, ademais, da posibilidade de aprender galego, dun xeito máis informal e de outubro a maio, mediante os támdem lingüísticos, que facilita o intercambio cultural e lingüístico para a integración na vida universitaria santiaguesa dos alumnos que chegan ás nosas aulas (incoming), á vez que supón unha oportunidade de encontro dos estudantes da USC que pretenden estudar noutra universidade estranxeira (outgoing), e os cafés de linguas, que no caso dos tandem de galego é mércores de 19:30 a 20:30 na Biblioteca Concepción Arenal e os venres á mesma hora na Pública de Santiago Ánxel Casal.

Así mesmo cómpre lembrar que a Área de Filoloxía Catalá da USC en colaboración co CLM, desenvolve entre novembro e maio PARELLAES, un programa académico de intercambio lingüístico e cultural catalán-galego/galego-catalán entre alumnos da universidade que falen galego ou catalán e desexen aprender, practicar ou mellorar a outra lingua, que se desenvolve de novembro a maio e que está recoñecido con 1 crédito optativo para todos os graos e titulacións da USC.

Luns, 04 de decembro de 2017