Novas recentes

Mostra @ youtubeir@ que levas dentro!

Luns, 18 de decembro de 2017

Linguas de perfil

Luns, 18 de decembro de 2017

And the winners are...

Xoves, 30 de novembro de 2017

Cinco anos de bUSCatermos: algúns datos e un balance

Mércores, 08 de novembro de 2017

Novembro, mes de "xornadas"

Mércores, 08 de novembro de 2017

Resoltos os XIII Premios á calidade lingüística

Mércores, 08 de novembro de 2017

[Máis novas]

Divulgación, investigación, galego, Lugo: DivulgaTerra

Facer visible o traballo dos novos investigadores e investigadoras do Campus Terra, e promover o galego como ferramenta para a comunicar e difundir os resultados de investigación son os obxectivos de DivulgaTerra, que xa vai pola súa segunda edición.

DivulgaTerra é unha actividade que busca dar a coñecer os proxectos de investigación que se desenvolven no Campus Terra, e asemade promocionar o uso do galego como lingua da comunicación e da divulgación científica.

Na súa segunda edición, desenvolvida o pasado 9 de novembro na Casa do Saber, vinte investigadoras e investigadores novos contaron nun máximo de 10 minutos en que andan investigando, diante dun público non especializado –xa que logo, cun ton divulgativo- e na nosa lingua. Todas as intervencións orais pódense ver e escoitar na canle de Campus Terra. Tamén puideron dalas a coñecer en forma de póster.

E que temas se trataron nas charlas? Combater as malas herbas con outras herbas, identificar híbridos con ferramentas moleculares, o uso das cinzas das centrais térmicas, a resistencia de cepas de certas enfermidades de orixe porcina, unha análise da eficiencia das razas de vacún de leite, a fachada da catedral de Lugo, a dinámica poboacional das carrachas foron os temas tratados nas breves charlas impartidas por Antonio Rigueiro (EPS), Adrián Casanova Chiclana (Veterinaria), Carlos Núñez Temes (EPS), Isidro García Meniño (Veterinaria), Fernanda Machado Ferreira (EPS), Ruth Rodríguez Bermúdez (Veterinaria), Marcos Gerardo Calles Lombao (Humanidades) e Susana Remesar Alonso (Veterinaria). O acto finalizou coa actuación ‘Tecnomaxia’ a cargo do Mago Richard.

Puido participar calquera persoa a condición de que se inscribise e que realizase a súa investigación no Campus Terra como estudante de mestrado, de doutoramento, como bolseiro posdoutoral ou como membro dun grupo de investigación.

Ademais, o Servizo de Normalización Lingüística organizou unha sesión formativa gratuíta para as persoas participantes, co fin de axudalas a prepararen as súas charlas e melloraren a súa comunicación, en canto á elaboración de diapositivas e pósters científicos, e sobre a posta en escena da propia intervención.

Domingo, 03 de decembro de 2017