And the winners are...

As persoas premiadas xa o saben, pero se queredes vós saber a quen tedes que parabenizar por gañaren os últimos concursos de promoción do galego que quedaban sen resolver -Luísa Villalta, Somos a curta e Mazarelos-, non tedes máis que seguir lendo.

XIV Premio “Luísa Villalta”

Unha mesma persoa, María Fernández Zas, resultou a gañadora das dúas modalidades do XIV Premio “Luísa Villalta” a iniciativas normalizadoras (deseño dunha campaña ou idea para a promoción da lingua galega). En efecto, a estudante de 4° curso do programa de simultaneidade dos graos en Inglés e Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña, presentou dous traballos para cadansúa modalidade baixo os lemas “En galega naturalmente” e “O galega na mesa” e ambos foron escollidos como os mellores. Polo tanto, María Fernández Zas leva para a casa os 2.000 euros resultado da suma de ambos os premios (1.200 euros para a campaña e 800 euros para a idea).

O xurado do XIV Premio Luísa Villalta, formado por Dores Sánchez Alegre (Deputación da Coruña), Beatriz Corral (SXPL), Manuel Núñez Singala (USC), Cristina Rodríguez (Uvigo) e Marisol Ríos (UdC), reuniuse o 8 de novembro de 2017 e tomou a súa decisión por unanimidade. 

Os premios “Luísa Villalta”, organizados polos tres servizos de normalización lingüística das universidades galegas, teñen por obxectivo promover a reflexión da comunidade universitaria galega a respecto da situación da nosa lingua, fomentar a investigación sobre a planificación lingüística e apoiar o desenvolvemento de iniciativas innovadoras.

VI “Somos a curta”

Desta volta foron catro as curtas que o xurado, formado por tres membros das comisións de normalización lingüística, tivo que axuizar.

O xurado decidiu outorgarlle o primeiro premio (500 euros e diploma honorífico) á curta Entropía, de Anxo Vidal, estudante de Física, e o segundo premio (250 euros e diploma honorífico) a A conferencia, de Bruno González, Xoán Fernández, Lucía Ramiro, Julia Romay, Laura Soutullo e Iran Aranxa Vicens. Ambas as fitas poden verse no perfil de facebook da CNL de Ciencias da Comunicación.

Ao concorreren só catro curtas ao concurso, a súa organización decidiu prescindir da divertida gala que adoito ten lugar na Facultade de Ciencias da Comunicación, na que se presentan todas as fitas e se descobren os premios. Consecuentemente, non se outorgou o Premio do Público, xa que é no transcurso desta gala cando o público pode votar e decidir a cal das fitas presentadas lle outorga o seu premio.

Os obxectivos con que a CNL de Ciencias da Comunicación convoca este premio son: Promover xo uso da lingua galega como vehículo para a creatividade dos novos valores do audiovisual galego, premiar os dotes lingüísticos, técnicos, artísticos e humorísticos dos estudantes galegos e gozar dunha xornada de humor na nosa lingua.

III Concurso Literario "Mazarelos"

Á terceira edición do Concurso Literario "Mazarelos", organizado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía, presentáronse vinte e dous traballos de todos os xéneros literarios. Pero só tres recibirán o premio correspondente no acto que tivo lugar na Facultade de Filoloxía o mércores 13 de decembro ás 19 horas.

O xurado, formado por Dolores Vilavedra, Mario Regueira, Emilio González Miranda, Patricia Fra López e Raúl Gómez Pato, determinou todos os galardóns por unanimidade.

Valentín Estévez Souto recibiu 150 euros polo relato Mar de fondo, premiado co terceiro premio. O xurado destaca a conexión lovecraftiana coa cultura mariñeira galega e a complexidade dunha trama de suspense.

Jorge Rodríguez Durán viu recompensado polos 250 euros do segundo premio que mereceu a serie de poemas O sentido común, que combina a linguaxe poética e a habitual cun tratamento irónico e referencias infrecuentes, segundo o xurado.

O primeiro premio, de 500 euros, foi para Arancha Nogueira, autora da serie de poemas O aniversario. O xurado salienta un conxunto poético ben trabado estruturalmente, na que a circularidade dos poemas serve de metáfora á experiencia do desamor, o que se completa con imaxes impactantes que caracterizan unha voz moi persoal.

O Concurso Literario "Mazarelos" diríxese a fomentar a creatividade da mocidade universitaria e de desenvolver a súa capacidade de expresión en lingua galega, así como a contribuír a descubrir potenciais figuras deste eido da cultura.

Xoves, 30 de novembro de 2017