As comisións de normalización propoñerán para 2018...

Como todos os anos, o Servizo de Normalización Lingüística da USC convida ás comisións de normalización lingüística dos centros a lle presentaren propostas de actuacións para desenvolver ao longo do vindeiro ano 2018.

O obxectivo desta invitación é estimular a planificación e execución de actividades de formación, sensibilización ou promoción lingüística a prol do galego nos centros por parte destas comisións, así como apoiar o traballo das comisións de normalización lingüística con medios económicos mais tamén apoio técnico e humano.

As propostas de actividades poderán presentalas as comisións ata o 22 de decembro; o SNL escolleraas e valoraraas cos seguintes criterios:

  • que as actuacións respondan a unha planificación do centro
  • o impacto das actuacións en relación coa súa organización e medios necesarios
  • a responsabilidade demostrada pola CNL á hora de executar actuacións en anos anteriores
  • que sexan compartidas ou se poidan partillar entre varios centros

O SNL ofrece abeirar as actuacións seleccionadas no seu orzamento de normalización lingüística ou axudar a buscar outras vías de financiamento. Asemade ofrece o seu apoio técnico para pensar as posibles actuacións e para poder executalas.

As comisións de normalización lingüística son comisións delegadas das xuntas de facultade que, segundo o Plan de Normalización Lingüística, son parte da organización xeral da USC en materia de política lingüística. Deben encargarse da aplicación en cada centro, segundo a realidade propia de cada un, do Plan de Normalización Lingüística; de presentar propostas á xunta de centro e aos consellos de departamento, e de canalizar suxestións á Comisión de Normalización Lingüística do Claustro. Han ser, alén diso, o ámbito directo de participación dos tres colectivos da Universidade no desenvolvemento do Plan.

Neste ano 2017 que andamos e mercé a esta colaboración leváronse a cabo as seguintes actividades:

Arestora contan con comisión de normalización lingüística, con diversos graos de actividade, as facultades de: Facultade de Bioloxía, Ciencias Económicas e Empresariais, Ciencias da Comunicación, Ciencias da Educación, Dereito, Escola Politécnica Superior (Lugo), Escola Técnica Superior de Enxeñaría, Enfermaría, Formación do Profesorado (Lugo), Farmacia, Filoloxía, Filosofía, Humanidades, Matemáticas, Psicoloxía,  Veterinaria (Lugo) e Xeografía e Historia.

O labor que están a realizar as cnl resulta imprescindible para podemos falar do proceso de normalización lingüística na USC durante os últimos anos.

Mércores, 13 de decembro de 2017