Tres grandes descubertas para a música galega (e unha gañadora)

Ao I Certame de Música Galega da USC presentáronse 19 propostas de moi diversos xéneros musicais, de grupos procedentes de distintas facultades da nosa universidade. O xurado, formado formado polas profesoras María Xesús Nogueira e Belén Méndez, a xestora musical Patricia Hermida, e os músicos Alba María e Xurxo Souto, seleccionou os tres grupos finalistas que actuaron o pasado luns 30 de outubro no Teatro Principal de Santiago de Compostela. 

Como explicou a xornalista Xiana Arias, presentadora do acto, "é posible atopar cancións en galego en practicamente calquera estilo” e “estamos aquí para celebrar a liberdade de facelas". E iso foi o que se viu e se escoitou ese serán no Principal.

O estudante de 3º de Medicina Guille LP interpretou cun teclado e bases programadas a súa moi bailable canción “Dúas anduriñas”, con gran seguimento do seu grupo de seareiras e seareiros de Medicina, mentres na pantalla se proxectaba unha das súas montaxes visuais a base de imaxes do cinema mudo. A xuízo do xurado foi merecente do terceiro premio, dotado con 300 euros.

“No monte da pastora” é unha canción longa, de letra heterodoxa, que musicalmente pode lembrar o rock sinfónico, Héroes del Silencio e novas propostas de folk.  A peza presentada polo grupo Leda Atómica, obtivo os 700 euros do segundo premio.

A sinxela cantiga de corte amoroso “Só nós” de Noemia, levou o primeiro premio, dotado con 1000 euros. Noemia interpretouna coa súa engaiolante voz en solitario, acompañada soamente da guitarra acústica.

O I Certame de Música Galega da USC non rematou aí, senón que os tres grupos finalistas puideron participar para o outro día nun workshop ou obradoiro de traballo coa banda Ataque Escampe, que actuou na gala do Principal como grupo convidado.

Promovido pola Comisión de Normalización Lingüística de Filoloxía en colaboración coas comisións das Facultades de Ciencias da Comunicación, Ciencias da Educación, Enfermaría, Xeografía e Historia e Ciencias Económicas e Empresariais, e o apoio do Servizo de Normalización Lingüística da USC e o Concello de Santiago de Compostela, así como coa colaboración económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e de Gadis, o certame naceu co obxectivo de fomentar a escritura de letras de cancións en lingua galega e a creatividade por parte da mocidade universitaria.

Pódese ver fragmentos das actuacións no perfil de Facebook da Comisión Lingüística de Ciencias da Comunicación. As imaxes que publicamos son por cortesía de Olalla Dopico.

Mércores, 08 de novembro de 2017