Novembro, mes de "xornadas"

Matemáticas, Filoloxía e Ciencias da Educación dispóñense a reflexionar sobre diversos aspectos que relacionan as súas materias coa lingua, en especial coa súa comunicación e ensinanza, en cadansúa xornada. Aquí podes saber todo sobre elas.

Matemáticas (1): Habelas, hainas, queremos contarchas!

Na tarde do xoves 9 de novembro, a partir das 16:00 h, celebrarase na Aula Magna da Facultade de Matemáticas unha xornada de carácter divulgativo sobre a investigación en matemáticas, destinada fundamentalmente a estudantes de grao e mestrado.

Trátase de brevísimas charlas de 20 minutos impartidas por seis investigadores e investigadoras mozas de todas as áreas de investigación presentes na Facultade, que intentarán achegar dun xeito desenfadado e sinxelo para que se empregan e que son as Matemáticas. Ademais, farano na nosa lingua, para que comecen a acostumarse a presentar as súas investigacións ao público non especialista e noutro idioma que non sexa o inglés.  É unha iniciativa da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas para normalizar o uso do galego nas matemáticas, deixando de lado prexuízos lingüísticos e prohibicións, neste mes de novembro en que se celebra a Ciencia en Galego.

A relación coas matemáticas da astronomía, do desprazamento de/en fluídos, dos sistemas monetarios, da criptografía e a comunicación, dos apelidos e movementos poboacionais, dos problemas de medición de curvas, do recoñecemento de falas... son algúns dos temas que se tocarán nas charlas, que correrán a cargo de investigadores e investigadoras do Seminario de Iniciación á Investigación da Facultade.

Por motivos organizativos é mellor que as persoas interesadas se inscriban, gratuitamente, na web da CNL de Matemáticas.

Filoloxía: III Xornadas de Lingua e Literatura Galegas no ensino

Coñecer enfoques e experiencias para ensinar galego desde o multilingüismo e a o respecto á variedade é o eixo das terceiras xornadas dedicadas ao ensino da lingua e a literatura galega. Os dous centros de interese das Xornadas serán as actitudes lingüísticas da mocidade, con especial atención ao tratamento na aula da complexa relación existente entre a variedade estándar e as variedades faladas vernáculas, e mais aos retos que impón o plurilingüismo na aula, con especial atención ao traballo integrado de linguas (TIL).

Serán o venres 17 e o sábado 18 de novembro no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía, e as tres sesións seguen un mesmo esquema: un primeiro relatorio cun enfoque máis teórico, a cargo de Bieito Silva, Mercedes Queixas e Noemí Álvarez, e unha táboa de experiencias que se están levando a cabo en diferentes centros de ensino de Galicia para contrastar.

A matrícula, gratuíta, remata o seu prazo o día 8.

Ciencias da Educación: X Xornadas Os recursos educativos en galego: “A educación en adultos”

Adultos máis ou menos vellos ou persoas privadas de liberdade na cadea que retoman os estudos; adultos con discapacidades físicas ou psíquicas que deben enfrontarse a unha vida chea de novas tecnoloxías; persoas enfermas que necesitan exercitar o seu cerebro... Con que recursos en galego contan? De que recursos dispoñen os/as docentes das diversas modalidades de educación de adultos na nosa lingua? Coñecelos, reflexionar sobre a experiencia do seu uso e motivar para crear novos recursos é a cerna desta X Xornada de recursos educativos en galego.

A xornada artéllase arredor da exposición e debate de sete recursos e experiencias educativas con persoas adultas en lingua galega: o ensino da física mediante procedementos situados, as saídas de campo no cuarto ciclo universitario (maiores de 65 anos), o ensino da lingua galega a reclusos do cárcere da Lama, activación da memoria en doentes de Alzheimer, o uso de novas tecnoloxías por persoas con discapacidade intelectual ou a aprendizaxe por proxectos con persoas adultas con parálise cerebral.

Desenvolverase na sede do Campus Vida da Facultade de Ciencias da Educación o venres 24 de novembro, ao longo de 4 horas lectivas, o cal se reflectirá no correspondente diploma  de asistencia. O prazo de matrícula, que é de balde, está aberto ata o 20 de novembro. Pódese facer a inscrición e consultar toda a información na web do Servizo de Normalización Lingüística.

As xornadas de recursos educativos en galego están organizadas pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística e a achega económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Matemáticas (2): II Xornadas de terminoloxía matemática

A Facultade de Matemáticas celebra as súas II Xornadas de terminoloxía matemática os días 28-29 de novembro de 2017, de 17 a 20 h,  no Salón de Graos da Facultade.

O seu obxectivo é reflexionar sobre a implantación da lingua galega nesta ciencia e máis no seu ensino. Coñecer materiais didácticos de matemáticas en galego, reflexionar sobre a fixación e evolución do léxico galego da materia, analizar a situación legal sobre os usos lingüísticos no ensino das matemáticas ou presentar a estatística como ferramenta na investigación lingüística son os principais contidos das exposicións, que se completan cunha breve presentación dos Premios á calidade lingüística e do concurso Explícoche Matemáticas 2.0.

A inscrición é de balde e débese realizar para obter o diploma de asistencia por seis horas.


Mércores, 08 de novembro de 2017