Resoltos os XIII Premios á calidade lingüística

Os Premios á calidade lingüística pretenden fomentar entre o alumnado a cultura da calidade ligada ao uso do galego. Concretamente, incentiva nos estudantes o desenvolvemento dunha habilidade comunicativa como é a presentación axeitada dun traballo dende o punto de vista formal, o que abrangue aspectos lingüísticos, de estruturación da información, de redacción, de deseño, a coherencia, etc., na nosa lingua.

E podemos dicir que as habilidades comunicativas e a competencia lingüística en galego do estudantado da USC semellan moi satisfactorias, á vista dos traballos presentados e das dificultades que os xurados tiveron para escolmar os traballos merecedores dos premios desta decimoterceira edición, sobranceiramente no caso dos TFG-PFC e TFM. Os galardóns seranlles entregados oficialmente nun acto académico oficial a principios do vindeiro ano.

Na modalidades de traballos de fin de grao e proxectos de fin de carreira presentáronse 91 propostas: 8 en Artes e Humanidades, 18 en Ciencias, 29  en Ciencias da Saúde, 28 en Ciencias Sociais e Xurídicas e 8 en Enxeñaría. O xurado reuniuse o 31 de outubro para a avaliación final e ditaminou os seguintes cinco premios para os TFG-PFC, dotados con 300 euros e diploma:

  • Área de Enexeñaría (ex aequo): Mudanzas poboacionais de Eisenia sp. e cambios no nivel de nutrientes en tres substratos orgánicos, de Miguel Martínez Cabaleiro do Grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria e Sistema de automatización de probas en proxectos de Intelixencia de Negocio, de Diego Carracedo Conde do Grao en Enxeñaría Informática.
  • Área de CC. Sociais e Xurídicas. A importancia da intermediación financeira para o crecemento económico. Teoría e evidencia empírica internacional, de Fernando Riveiro Formoso, Grao en Economía
  • Área de Ciencias. Técnicas de clasificación, de Fernando Castro Prado, Grao en Matemáticas
  • Área de Ciencias da Saúde. Vacinación oral fronte a enfermidades infecciosas, de Marina Rego García, Grao en Farmacia
  • Área de Arte e Humanidades (ex aequo): Formación de interxeccións e marcadores do discurso sobre verbos de movemento en galego, de Celtia Rey Brandón, Grao en Lingua e Literatura Galegas; O desenvolvemento industrial galego, de Carlos de Francisco Mantiñán, Grao en Historia e A improvisación oral galega: o brindo ou loia como obxecto de estudo, de Alba María Rodríguez Díaz, Grao en Lingua e Literatura Galegas

Presentáronse tamén 34 traballos de fin de mestrado, a terceira das modalidades: 3 en Artes e Humanidades, 2 en Ciencias, 3 en Ciencias da Saúde, 23 en Ciencias Sociais e Xurídicas e 3 en Enxeñaría e Arquitectura. Os correspondentes cinco premios, dotados con 500 euros e diploma, foron para:

  • Área de Enxeñaría. Control dimensional mediante correlación dixital de imaxes do ensaio de tracción paralela á fibra en madeira, de Katia Estalote Lago, do Mestrado de Enxeñaría Agronómica 
  • Área de CC. Sociais e Xurídicas (ex aequo): Aproximación creativa ao ensino do vocabulario na clase de inglés de Secundaria: reflexións teóricas e proposta de actividades lúdicas, de Mercedes Martínez Lorenzo, do Mestrado en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatorio, Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Idiomas; Avaliación da competencia bilingüe en galego e castelán de alumnado galegofalante e castelán falante de 4º da ESO de Tamara Rial Montes, do Mestrado en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatorio, Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Idiomas, e Conflitos de contido ambiental: unha análise xeográfica de dous casos en Galicia, de Diego Cidrás Fernández, do Mestrado en Planificación e Xestión do Desenvolvemento Territorial
  • Área de Ciencias. Optimización baixo incerteza en redes de gas, de Ana Belén Buíde Carballosa, do Mestrado en Técnicas Estatísticas
  • Área de Ciencias da Saúde. Relación da produción de vocabulario coa complexidade gramatical, de Cristina Núñez Ouzande, do Mestrado en Estudos Avanzados sobre a linguaxe, a comunicación e as súas patoloxías
  • Área de Arte e Humanidades. Literatura galega e poscolonialidade: a obra de Xosé Luís Méndez Ferrín, de Claudia Mariño Gómez, do Mestrado en Estudos da Literatura e da Cultura

Na modalidade de traballos académicos presentáronse só doce propostas. O xurado reuniuse o 28 de setembro para a avaliación final dos traballos académicos, segundo a súa clasificación nas cinco grandes áreas. Resultaron gañadores/as dos cinco premios de 150 euros e diploma:

  • Área de CC. da Saúde: Diálise peritoneal e hemodiálise, de Alba Ben García (Grao en Enfermaría, 3º curso)
  • Área de Ciencias: As matemáticas do que somos, de Carlos Fernéndez Leira (Grao en Física, 4º curso)
  • Área de Enxeñaría: Deserto
  • Área de Humanidades: Lingua e clase nas telenovelas: a dobraxe galega de “Pasión de Gavilanes”, de Lidia Gómez Martínez (Grao en Filoloxía Galega, 3º curso)
  • Área de CC. Sociais e Xurídicas: Crecemento económico e medio ambiente, de Fernando Riveiro Formoso (Grao en Economía, 4º curso)

Mércores, 08 de novembro de 2017