Cinco anos de bUSCatermos: algúns datos e un balance

O día 1 de outubro de 2012 bUSCatermos convertíase nunha ferramenta libremente accesible para calquera persoa que dispuxese dunha conexión a Internet. Cumpríamos así a meta que nos propuxéramos cando uns anos antes conseguiamos os recursos para poñela ao dispor de toda a comunidade da USC.

Nestes cinco anos que pasaron bUSCatermos seguiu medrando, tanto en contidos, ata chegar ao pé dos 165.000 rexistros e 500.000 denominacións (delas unhas 200.000 en galego), como en vías para poder consultalos. Hoxe é posible procurar nesta base de datos tanto desde un computador como desde dispositivos Android ou iOS

Pero o máis importante que lle pasou neste quinquenio non ten que ver co que hai no seu interior (a información que contén) senón co que acontece fóra del (o uso que se lle dá). E sobre iso, podemos contarvos algunhas cousas:

  • Case 25.000 sesións de consulta por ano como media, convérteno nunha das fontes máis relevantes (se non a máis) para buscar terminoloxía galega.

  • Esas sesións veñen durando uns 8 minutos, e nelas fanse como media pouco máis de 4 consultas. Acumulando os datos, sitúannos nun total de 480.000 rexistros visualizados (uns 95.000 por ano), cunha tendencia crecente que fixo que nos últimos doce meses se superasen os 100.000.

  • É basicamente unha ferramenta de escritorio. O número de consultas que se fan desde as aplicacións para iOS ou Android non superan un anecdótico 3%.

  • Vese como un recurso de alcance local. Máis do 85% das consultas proceden de Galicia. Isto non ten por que ser malo en por si, xa que o público galego é o noso destinatario obxectivo, pero indícanos claramente que non se coñece abondo que bUSCatermos contén importantes volumes de termos noutras linguas (117.000 en español, 73.000 en inglés, 44.000 en portugués...), polo que pode ser moi útil para resolver dúbidas que non partan do galego ou non cheguen a el.

Se houbese que resumir este quinquenio nunha palabra, esta sería consolidación. Cinco anos despois de nacer, bUSCatermos é un produto asentado, que medra en contidos e que mantén un nivel de uso estable e con tendencia ao crecemento.

Pero segue habendo moito que facer para melloralo, tanto a nivel de usabilidade como de difusión. No primeiro dos planos, estamos a traballar nunha nova interface web que esperamos poder amosarvos nos vindeiros meses; e no segundo, son aínda moitos os colectivos profesionais aos que cómpre chegar mellor. Docentes doutras universidades ou do ensino segundario, profesionais da comunicación, especialistas das distintas disciplinas... están aí fóra, e poderían aproveitar a información que bUSCatermos recolle para mellorar a calidade comunicativa da súa documentación especializada.

Velaí un bo reto para os vindeiros cinco anos.

 

Xusto A. Rodríguez Río

Mércores, 08 de novembro de 2017