O profesor Manolo Bermejo, primeiro galardoado co “Luís Porteiro Garea”

A USC recoñeceu o profesor emérito de Química Inorgánica Manuel Bermejo Patiño co primeiro “Luís Porteiro Garea”, o premio á promoción e uso do galego na USC que rememora a lección en galego que encetou a docencia na nosa lingua hai 102 anos.

A emoción enchía o profesor emérito de Química Inorgánica Manuel Bermejo Patiño o pasado venres 15, tras recibir das mans do reitor o I Premio “Luís Porteiro Garea” de promoción e uso do galego no Paraninfo da Universidade. As súas primeiras palabras así o testemuñan: “Hoxe é un día moi grande, o dunha inmensa honra por recibir este premio da miña Universidade”. Facíao tras recibir un longo e agarimoso aplauso con todo o público (familia, autoridades, compañeiras/os de investigación, profesorado universitario e de ensino medio, antigo alumnado, familiares de Luís Porteiro Garea...) posto en pé.

Bermejo, porén, afirmou con humildade que “non fixera nada extraordinario” para merecer tal premio agás "vivir coherentemente como o que son, como galego". Con orgullo admitiu que fora feliz como mestre e quixo compartir o premio co seu alumnado e con todos aqueles colegas de docencia, investigación, do ICE ou da CIUG sensibles á necesidade do galego no ensino e que o acompañaran nesa tarefa de introducilo como lingua da docencia e da ciencia. Gabou especialmente neste senso os seus discípulos de investigación e a asociación “Ensinantes de Ciencia de Galicia”, activa desde 1988.

O catedrático de Química Inorgánica aclarou que nunca se sentira ameazado ou perseguido por usar o galego xa dende os anos 70 nas clases e nas súas publicacións, ou por introducir con man firme o galego nos exames de selectividade nos anos 80, cando lle encomendaron a dirección da CIUG; pero si advertiu do perigo que corre na actualidade a nosa lingua, que cómpre recuperar non só con normas senón tamén “desde o corazón”.

Recomendoulle á Universidade que dea exemplo á sociedade galega dunha política que alente o plurilingüismo inclusivo. “Como se vai defender o plurilingüismo ignorando a nosa lingua?” preguntou Bermejo, quen se lamentou de que a docencia en galego non pase de ser algo anecdótico en moitos casos. Por iso lle reclamou ao reitor un novo impulso á política lingüística na USC: “Só así acadaremos nesta casa o bilingüismo auténtico que desexamos”.

O reitor Viaño destacou a contribución de Manolo Bermejo á consolidación do galego como idioma da universidade tanto na docencia como na investigación. “Non só fixo gala dunha praxe docente en lingua galega desde un momento en que tal opción lingüística supuña aínda máis atrancos dos actuais, senón que tamén fixo do noso idioma parte importante da investigación e da posta a disposición da sociedade daqueles resultados máis relevantes que dela emanaban”, afirmou o reitor.

A candidatura de Manolo Bermejo foi proposta por comisións de normalización lingüística, grupos universitarios de investigación e innovación docente, profesorado de ensino medio e antigos integrantes do Instituto de Ciencias da Educación (ICE).

O xurado, que decidiu por unanimidade concederlle o premio, destacou o seu compromiso coa lingua galega “dende o inicio da súa carreira docente nos anos sesenta, a súa defensa desta lingua en todos os foros, os seus esforzos para incorporala de xeito normal na docencia e na divulgación da ciencia, as súas publicacións neste eido e as moitas que promoveu durante a súa etapa como director do Instituto de Ciencias da Educación”. O xurado tamén puxo en valor o “esforzo levado a cabo para estender o uso do galego dende os postos de alta responsabilidade que ocupou na propia USC e na CIUG” así como a “pegada que o seu compromiso deixou en miles de alumnos e alumnas, algúns deles hoxe en día profesores e profesoras no ensino medio e na propia universidade”.

Premio “Luís Porteiro Garea”

O premio lembra a figura do profesor da Cátedra de Dereito Civil e membro das Irmandades da Fala Luís Porteiro Garea, quen pronunciou a primeira lección en galego de que se ten constancia no Paraninfo da USC o 16 de setembro de 1915, fai, xa que logo, 102 anos.

O Premio “Luis Porteiro Garea”, a cuxa primeira edición se presentaron outras sete candidaturas, ademais da do profesor Bermejo, busca distinguir a iniciativa, o traballo ou a traxectoria daquelas persoas, entidades ou colectivos, tanto actuais como pasados da USC que contribúan á normalización da lingua galega na propia Universidade. Así, destacarase aquelas iniciativas relacionadas co emprego habitual da lingua nas actividades cotiás da institución universitaria, especialmente se uso se producir de xeito pioneiro; a achega por parte da persoa ou colectivo premiado á promoción do idioma ou á galeguización de ámbitos ou actividades da USC; o estudo e a difusión da lingua galega; ou calquera outra intervención no proceso de normalización lingüística na USC que sexa valorada como significativa.



Martes, 19 de setembro de 2017