Vés de fóra? Benvida/o a Galicia e ao galego!

Aprenderdes galego évos algo moi conveniente: en Galicia case a metade da poboación fala galego habitualmente e case outra metade, ás veces. Daquela, entre as novas amizades e compañeiras/os, nas tendas, nos bares, na tele ou nas aulas vas oír falar en galego.

A USC pon ao voso dispor para que poidades aprender un pouquiño de galego (ás veces con resultados sorprendentes) durante o curso académico os Cursos de lingua galega para non galegofalantes do Centro de Linguas Modernas ou as materias Lingua, literatura e cultura galegas I e II. E lembra que se vés de fóra o galego sérveche para acreditar o B1 dunha lingua distinta da lingua materna, requisito necesario para graduarte na USC.

Cursos do CLM

Os cursos de galego para non galegofalantes organízaos o Centro de Linguas Modernas da USC. Trátase de cursos de 40 horas lectivas repartidas entre o 20 de setembro e o 10 de xaneiro a razón de tres horas semanais. Con eles adquírese un nivel de usuario básico, o A1 do Marco Europeo de Referencia para as Linguas. O prazo de matrícula está aberto ata o 20 de setembro para a convocatoria deste primeiro semestre en Santiago e Lugo, e o prezo é de 30 euros para calquera membro da USC e de 75 para persoas sen vinculación coa USC, un prezo máis reducido que o dos restantes cursos do CLM grazas ao apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Os Cursos de lingua galega para non galegofalantes puxéronse en marcha en 1996 e por eles levan pasado milleiros de estudantes procedentes doutras comunidades autónomas (sobre todo, cataláns e vascos), así como de moitas outras partes do mundo, como Italia, Alemaña, Estados Unidos, Rusia, Polonia, Austria ou Francia, con grande éxito.

Lingua, literatura e cultura galegas en Filoloxía

Por outra banda, o Grao de Filoloxía Galega inclúe dúas materias de carácter optativo que se lles ofrece a todos os estudantes estranxeiros de calquera centro e titulación da USC: "Lingua, literatura e cultura galegas" I e II. A primeira ofrécese nos dous semestres e a segunda, no segundo. Como materias académicas están recoñecidas con 6 ECTS. A matrícula segue as normas xerais, xa que se trata de materias incluídas no plan de estudos; as persoas interesadas que teñan dúbidas ou algún problema poden consultar cos responsables académicos ou de intercambio dos seus centros.

“Lingua, literatura e cultura galegas” é unha materia optativa concibida especificamente para fornecer unha visión panorámica moi elemental da lingua, da literatura e da cultura de Galicia aos estudantes de intercambio. Pode cursarse tanto no primeiro coma no segundo semestre e non se require ter coñecementos previos de lingua ou de literatura galegas. No segundo semestre ofrécese a materia Lingua, literatura e cultura galegas 2, tamén de carácter optativo, que se concibe como unha continuación da anterior.

Co que aprenden nestas materias, os estudantes poderán afrontar as necesidades concretas da vida ordinaria, de acordo co establecido no nivel A1 do Marco común europeo de referencia para as linguas.

Acreditación do coñecemento de galego como lingua estranxeira para os graos

Para podérense graduar na USC, os estudantes teñen necesariamente que acreditar un nivel B1 de coñecemento dunha lingua estranxeira, e no caso dos estudantes estranxeiros, dunha lingua distinta da súa materna, polo que poden botar man do seu coñecemento do castelán, do catalán, do éuscaro e, por suposto, do galego.

No caso do galego, poderase facer mediante documentos acreditativos de superación do B1 – C2 expedidos polas universidades públicas españolas e universidades do EEES, segundo as seguintes equivalencias cos Celga (Certificado de Lingua Galega):

  • B1 >Celga 2
  • B2 > Celga 3
  • C1> Celga 4
  • C2> Celga 5

MARÍA ISABEL VAQUERO QUINTELA

Luns, 18 de setembro de 2017