Volve DivulgaTerra

As comisións de normalización lingüística do Campus de Lugo e Campus Terra organizan a segunda edición desta xornada de divulgación científica que busca facer visible o traballo dos novos investigadores e investigadoras dese Campus, e promover o uso do galego á hora de comunicar e difundir os resultados de investigación.

Ata o 20 de outubro pode inscribirse no DivulgaTerra 2017 calquera persoa que estea realizando no Campus Terra o seu traballo de fin de mestrado ou a súa tese de doutoramento, ou que forme parte dalgún grupo de investigación vinculado a este Campus. Alí, disporá de 10 minutos para contarlle a un público interesado (pero non de especialistas) en que consiste a súa investigación e que importancia social pode ter. E se o prefire, poderá facelo a través dun póster que se expoñerá nun espazo anexo.

 

Ademais, e para aqueles inscritos que o consideren interesante, o Servizo de Normalización Lingüística vai organizar a finais de outubro unha sesión formativa gratuíta centrada na planificación e no deseño dos materiais complementarios á exposición oral, e en aspectos relevantes da propia posta en escena.

 

Se na edición de 2016 foron case 20 as persoas que participaron cos seus pósters ou as súas intervencións orais, agardamos que este 9 de novembro ás 6 da tarde, cando se erga o pano do DivulgaTerra 2017, sexan máis as investigadoras e investigadores do Campus que lle conten á cidade de Lugo e ao mundo en que están traballando.

 

Pódese seguir toda a información actualizada no evento de Facebook que se creou para a ocasión.

 

Luns, 18 de setembro de 2017