O Premio ‘Luis Porteiro Garea’ recoñecerá a promoción e uso do galego na USC

O 16 de setembro de 1915 o profesor da Cátedra de Dereito Civil e membro das Irmandades da Fala Luís Porteiro Garea pronunciaba no Paraninfo da Universidade a primeira lección en galego da que se ten constancia. Cen anos despois, a USC pon o seu nome á primeira edición dun premio co que a institución recoñecerá publicamente o esforzo de persoas ou colectivos a prol da normalización do uso do galego na universidade. O prazo para recibir propostas estenderase ata o 15 de xullo.

O I Premio ‘Luis Porteiro Garea’ distinguirá a iniciativa, o traballo ou a traxectoria daquelas persoas, entidades ou colectivos, tanto actuais como pasados da USC que contribúan á normalización da lingua galega na propia Universidade. Así, destacarase aquelas iniciativas relacionadas co emprego habitual da lingua nas actividades cotiás da institución universitaria, especialmente se uso se producir de xeito pioneiro; a achega por parte da persoa ou colectivo premiado á promoción do idioma ou á galeguización de ámbitos ou actividades da USC; o estudo e a difusión da lingua galega; ou calquera outra intervención no proceso de normalización lingüística na USC que sexa valorada como significativa.

As candidaturas poderán ser propostas por calquera persoa, entidade ou colectivo. Neste senso, cumpre presentalas segundo o modelo que se pode descargar na web do Servizo de Normalización Lingüística e irán dirixidas á secretaría do xurado a través dos rexistros da USC, ben de xeito presencial ou por medios electrónicos. O premio terá carácter de distinción pública e consistirá nun elemento simbólico de tipo artístico que se lle entregará á persoa, entidade ou colectivo premiados nun acto protocolario.

O xurado estará conformado polo reitor, a persoa integrante do equipo de goberno da USC con competencia en cuestión de política lingüística; un representante da Comisión de Normalización Lingüística do Claustro; dúas persoas que acrediten a condición de membros dunha comisión de normalización de calquera das facultades que compoñen a USC; dúas persoas de recoñecido prestixio no ámbito da filoloxía galega nomeadas polo reitor da USC; e o director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, que actuará como secretario. A composición do xurado farase pública con anterioridade á súa constitución no taboleiro electrónico e na páxina web da USC.

Para acadar máis información sobre esta convocatoria, as persoas interesadas poden consultar a web do Servizo de Normalización Lingüística. O seu director, Manuel Núñez Singala, destaca pola súa parte “o feito de que se trate dun premio aberto, ao que calquera que o desexe pode propoñer candidaturas, e que a súa creación contribúe a recoñecer, por parte da Universidade de Santiago de Compostela, os esforzos levados a cabo pola comunidade universitaria para a extensión e dignificación da lingua propia desta institución e de Galicia”.

Para Carme Silva, vicerreitora de Sevizos Universitarios do Campus de Lugo “o premio contribuirá a un mellor coñecemento de iniciativas ou persoas que no pasado ou no presente destacan polo seu compromiso activo e real coa lingua, isto é, daqueles e aquelas que se enfrontaron con seriedade coa cuestión de como ser universitarias e universitarios en galego e desenvolveron actividades novidosas, en solitario ou en grupo, de praxe académica e divulgadora na nosa lingua”.

 

Xoves, 01 de xuño de 2017