Música, curtas e literatura en galego teñen premio na USC

I Certame de Música Galega na USC

Se sodes tamén vós “un grupo vigués”; se es máis de “A modiño” que de “Despacito”; se coa guitarra es tamén quen de levantar “Tempestades de sal”; se sodes capaces de lle dar unha oportunidade ao galego no perreo ou de, cunhas boas bases e moita retranca, rapear que “o galego non mola”... este é o voso concurso.

No I Certame de Música en Galego da USC poden participar solistas ou grupos, sempre que cando menos un dos seus membros sexa alumno ou alumna da USC no curso 2016-2017. Deberán presentar no Decanato de Filoloxía unha canción en galego de calquera estilo musical e temática, orixinal e non premiada ou presentada a outros concursos, gravada en formato dixital e con transcrición da letra. O prazo remata o 22 de setembro de 2017.

E que se gaña con participar neste certame? En primeiro lugar, a posibilidade de optar a algún dos tres premios, dotados con 1000, 700 e 300 euros e diploma. En segundo lugar, a posibilidade de tocar o seu tema en directo no festival que se desenvolverá o 30 de outubro no Teatro Principal de Santiago de Compostela xunto cos outros finalistas e grupos e solistas xa veteranos convidados, que actuarán como cabezas de cartel. E, por último, a oportunidade de aprender nunha serie de work-shops a principios de novembro xunto cos grupos cabezas de cartel no festival, que asumirán a función de mentores, transmitindo a súa experiencia como músicos, letristas e compositores e orientando os integrantes das formacións nos inicios da súa carreira musical.

O I Certame de Música en Galego está organizado pola Facultade de Filoloxía en colaboración con Ciencias da Comunicación, Ciencias da Educación, Enfermería, Xeografía e Historia e Ciencias Económicas e Empresariais, apoiado polo Servizo de Normalización Lingüística, co obxectivo de promover a creatividade musical e dinamizar a diversificación de usos sociais da lingua galega entre a mocidade universitaria.



VI «Somos a curta!»

Se tes unha historia divertida e unha cámara, se che apetece facer unha incursión no mundo das curtas e da comedia, e es estudante dalgunha das universidades galegas, do ciclo de Imaxe e Son, ou de bacharelato artístico neste ano 2017, podes participar no VI «Somos a curta!».

Non tes máis que enviar tres dvd coa peza e os datos correspondentes á Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC ata o 12 de outubro de 2017. O mércores 25 de outubro as curtas presentadas exhibiranse nunha gala especial na propia Facultade, na que o xurado outorgará dous premios de 500 e 250 euros, e o público elixirá que fita leva o seu premio, galardoado con diploma honorífico.

A CNL de Ciencias da Comunicación organiza este certame cos obxectivos de promover o uso da lingua galega como vehículo para a creatividade dos novos valores do audiovisual galego; premiar os dotes lingüísticos, técnicos, artísticos e humorísticos dos estudantes galegos e, finalmente, e non menos importante, gozarmos dunha xornada de humor na nosa lingua.



III Concurso literario Mazarelos

Se che gusta escribir con ansias literarias, quen sabe? Igual o teu nome chega a estar canda o de grandes figuras literarias que estudaron nas aulas da nosa Universidade: Castelao, Otero Pedrayo, Carballo Calero, Xohana Torres, Méndez Ferrín, Chus Pato, Suso de Toro, Xavier Queipo, Luísa Villalta, Antón Riveiro Coello... O III Concurso literario "Mazarelos", que organiza a CNL da Facultade de Filoloxía, recupera a tradición do centro para descubrir e proxectar novas voces.

O concurso está aberto ao alumnado da USC, que pode participar cunha obra de calquera xénero literario e calquera tema, orixinal e escrito en lingua galega. Establécense tres premios de 500, 250 e 150 euros mais diploma. O prazo para a presentación de orixinais rematará o 30 de setembro de 2017.

O Concurso Literario "Mazarelos" conta co apoio ecónomico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.









Luns, 29 de maio de 2017