Quen gañou Explícoche Matemáticas 2.0, TED-Saúde e Youtubeir@s?

Na USC hai concursos que buscan promover o uso do galego nos eidos das matemáticas, das ciencias da saúde e na Rede: Explícoche matemáticas 2.0, TED-Saúde e Youtubeir@s. E na edición deste curso xa teñen gañadoras e gañadores.

Explícoche matemáticas 2.0

O pasado mércores 30 de maio entregáronse na Aula Magna da Facultade de Matemáticas os premios do concurso Explícoche matemáticas 2.0, que organiza a Comisión de Normalización Lingüística do centro co apoio do SNL da Universidade.

Explícoche Matemáticas 2.0 é un concurso cuxo obxectivo é promover a utilización do galego como medio de transmisión das Matemáticas, así como a creatividade do alumnado, a través da realización de curtametraxes de dous minutos de duración nas que se explique en galego un concepto matemático.

No acto deuse lectura á acta do tribunal que valorou os traballos presentados, proxectáronse os vídeos gañadores e entregáronse os premios:

  • Na categoría A (2º ciclo da ESO e bacharelato e ciclos de formación profesional), dotado con 300 euros, resultou gañador o traballo Fractais: copa de neve de Koch, de Irene Pereira Reboredo de 3º da ESO do IES Castro Alobre de Vilagarcía, baixo a titorización de Ana María Fernández Barros. O xurado acordou conceder unha mención honorífica nesta categoría A ao vídeo A piña de Regiomontano, de Aroa Río Torres, Sandra Vázquez Silva e Nerea Iglesias Espiño, do IES Antón Losada Diéguez da Estrada, baixo a titorización de Cibrán Manuel Arxibai Queiruga.
  • Na categoría B (Universidade), levou os 300 euros do premio Brais Fortes Novoa, alumno de mestrado da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Bilbao, polo vídeo Poden os ourizos voar? O xurado acordou conceder unha mención honorífica nesta categoría B ao traballo As matemáticas da música, de Lois Pimentel Iglesias, alumno de grao en Económicas na USC.
  • Na categoría de vídeo mellor valorado polos internautas, dotado con 200 euros, o título gañador foi As relacións trigonométricas e o teorema de Pitágoras, de Andrés Vázquez García, baixo a titorización de María Teresa Díaz López.

Todos os vídeos desta sexta edición, así como os das edicións de 2014, 2015 e 2016 poden verse na canle da Facultade.

O acto rematou coa charla da profesora Elena Vázquez Abal, da Área de Xeometría e Topoloxía da Facultade de Matemáticas da USC, Contos sobre mulleres científicas.

Nesta sexta edición do concurso presentáronse 22 vídeos, 5 na sección de universidade, 17 na sección de ensino secundario. O xurado estivo composto pola decana, Mª Victoria Otero Espinar (presidenta), Rosa Mª Fernández Rodríguez (secretaria), Manuel Bermúdez Blanco (SNL USC), Alberto Cabada Fernández, Dolores Pilar García Agra, Celso Rodríguez Fernández, Carmen Trillo Sendón, Mª Elena Vázquez Abal e Javier Valle Regueiro.

TED-Saúde

O 2 de xuño tivo lugar a reunión do xurado encargado de valorar as subtitulacións ao de vídeos de TED-Saúde, concurso ao que se presentaran un total de 20 títulos.

TED-Saúde é unha actividade organizada pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Farmacia co apoio do SNL da USC, que busca incrementar os contidos en galego na rede na área de ciencias da saúde, máis concretamente aumentar o número de vídeos TED que se poidan ler na nosa lingua relacionados con esa área. Para iso organiza un seminario previo para divulgar o funcionamento da plataforma de subtitulación de TED e aconsellar sobre a tradución inglés-galego.

Resultou gañadora na modalidade A (premio de 250 euros e diploma honorífico)  Silvia González Corredera polos subtítulos “A historia esquecida do autismo”, elaborados para o vídeo “The forgotten history of autism”, de Steve Silberman., e na  modalidade B (premio de 150 euros e diploma honorífico) Susana Brandariz Varela, polos subtítulos “Como facer do estrés un amigo”, elaborados para o vídeo “How to make stress your friend”, de Kelly McGonigal.

Formaron parte do xurado Manuel Núñez Singala, director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Mario Cal Varela, docente do Obradoiro de Subtitulación, e profesor do Dpto. de Filoloxía Inglesa da USC, Xusto A. Rodríguez e Isabel Vaquero, técnicos do SNL da USC.

As 20 subtitulacións ao galego pasan a formar parte das posibilidade de visionado deses vídeos, o que resulta aínda máis doado accedendo a velos dende o catálogo do SNL.




Youtubeir@s

O pasado 26 de maio tivo lugar no Teatro Principal de Ourense a entrega de premios do Concurso de vídeos na Rede Youtubeir@s. No acto, presentado pola actriz Iria Pinheiro, fixéronse innúmeras referencias ao mundo youtubeiro e aos seus códigos e predominou a ironía e o humor. Iñaki Quenerapú fixo un monólogo sobre a importancia de elixir ben a miniatura estática nos vídeos de YouTube e a Vj Marta Verde realizou un espectáculo de mistura cos vídeos participantes en directo. O acto contou con máis de 200 persoas entre concursantes e representacións institucionais dos concellos e das universidades promotoras do concurso.

As pezas gañadoras foron, na categoría vídeo-facermos, para “Guiso especial Anti-San Valentín” realizado polas youtubeiras de Corasón de Churrasco, e na categoría vídeo-opinarmos, o premio foi para “Prohibido plantar patacas: a praga da couza guatemalteca” presentado polas youtubeiras de Teño unha horta en San Sadurniño. Estes dous premios foron entregados por dous membros do xurado, María Yáñez e Manuel Núñez Singala.

As mencións honoríficas foron entregadas pola Concelleira de Cultura e Normalización Lingüística de Ourense, María Belén Iglesias, e o Concelleiro de Normalización de Pontevedra, Alberto Oubiña. A mención especial polo enxeño e creatividade foi para David Otero Fumega co seu vídeo “SmartFol G6! Unha Review moi especial” e o premio que destaca a eficiencia comunicativa foi asignado ao videotitorial “Tortilla de Pascua” da youtubeira Isabel Villanueva. A mención de honra á calidade técnica recibiuna Miguel Rodríguez González pola súa vídeo-opinión “1000 rpm – A noite” e o recoñecemento á calidade lingüística foi para o IES Urbano Lugrís de Malpica pola peza colectiva “Seis pasos para falar malpicán”.

A primeira edición de Youtubeir@s - Concurso de vídeos na Rede contou cunha ampla e variada participación, máis de 200 vídeos que se poden ver na súa canle de Youtube). Este concurso é unha iniciativa dos Servizos de Normalización Lingüística dos concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove; e tamén das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

Luns, 29 de maio de 2017