O populismo, nos Encontros de Lúa Chea

Populismo é un termo político para designar correntes heteroxéneas pero caracterizadas pola súa aversión ás elites económicas e intelectuais, a súa denuncia da corrupción política por parte das clases privilexiadas e a súa constante apelación ó Pobo. O concepto está de plena actualidade dados os episodios de corrupción que se están a descubrir en España e as respostas políticas que dende organizacións e a sociedade en xeral se están a formular. Mais tamén a nivel internacional o populismo aboia en numerosas correntes e personalidades políticas.

Este será o tema do Encontro de Lúa Chea do vindeiro 9 de maio ás 20 h, o cal será introducido polo popular profesor,  politólogo e comentarista político Antón Losada.

Os “Encontros de Lúa Chea”, que organiza Proxéctate en Galego, desenvólvense na cafetaría da Escola Politécnica Superior de Lugo. Trátase de foros informais organizados para divulgar contidos académicos transversais de interese xeral ou de actualidade universitaria, de xeito que se atraia o interese do alumnado e se poña de manifesto a naturalidade da expresión en lingua galega en actividades non académicas. Este será o cuarto encontro de 2017 logo dos dedicados ás aldeas abandonadas e o futuro do rural (febreiro), o risco crecente das pragas e patóxenos exóticos (marzo), a mobilidade urbana (abril), guiados por especialistas.

Desde Proxéctate en Galego reivindican o encontro propiamente físico (neste tempo de comunicación virtual e redes sociais) como ferramenta básica para a comunicación e o debate, e facelo experimentando cun formato diferente, que evita o modelo das conferencias ou das mesas redondas. Esa diferenza arrinca no propio escenario (unha cafetaría), continúa polo ton (divulgativo, dirixido non a especialistas, senón a calquera persoa interesada) polo formato (intervencións curtas dun ou de dous relatores que sitúan un tema do que despois se debate libremente entre os participantes).

Os Encontros de Lúa Chea comezaron a celebrarse en 2015, e teñen unha periodicidade mensual ao longo do curso académico, nos seráns dos mércores ou xoves máis achegados á noite de lúa chea.

Venres, 28 de abril de 2017