Dispoñible en galego outra norma UNE-ISO, sobre sistemas de xestión ambiental

Dende o pasado mes de marzo existe a versión oficial en galego da norma UNE-EN ISO 14006:2011 "Sistemas de xestión ambiental. Directrices para a incorporación do ecodeseño", grazas de novo á súa tradución polo Servizo de Normalización Lingüística da USC. Deste xeito, son catro xa as normas traducidas polo SNL da USC, as de maior proxección de todas as comercializadas por Aenor -supoñen case o 20% do seu volume de vendas-, e as que máis se empregan nos procesos de acreditación na USC.

En 2015 Aenor e a USC asinaron un convenio polo cal o organismo de acreditación da calidade podería contar con versións en galego das súas normas grazas ás traducións realizadas polo Servizo de Normalización Lingüística da USC. Xa anteriormente Aenor, coa colaboración da Xunta de Galicia, publicara versións oficiais en galego de dez normas UNE-ISO, mais esa colaboracion detívose en 2009.

Aenor, ademais, para fomentar a utilización destes documentos en galego, ofrece vantaxes e descontos. Por outra banda, estas normas en pdf pódense consultar de balde desde calquera equipo conectado á rede da USC.

Daquela, o repertorio de normas UNE en galego está formada por:

  • UNE-EN ISO 9000:2005. Sistemas de xestión da calidade. Fundamentos e vocabulario
  • UNE-EN ISO 14001:2004. Sistemas de xestión ambiental. Requisitos con orientación para o seu uso
  • UNE 166001:2006. Xestión da I+D+i: requisitos dun proxecto de I+D+i
  • UNE 166002:2006. Xestión da I+D+i: requisitos do Sistema de Xestión da I+D+i
  • UNE 175001-1:2004. Calidade de servizo para pequeno comercio. Parte 1: requisitos xerais
  • UNE 175001-2:2004. Calidade de servizo para pequeno comercio. Parte 2: requisitos para peixarías
  • UNE 175001-3:2005. Calidade de servizo para pequeno comercio. Parte 3: requisitos para ópticas
  • UNE 175001-4:2005. Calidade de servizo para pequeno comercio. Parte 4: requisitos para carnizarías e chacinarías
  • UNE 175001-5:2005. Calidade de servizo para pequeno comercio. Parte 5: requisitos para florerías
  • UNE-ISO/IEC 27001:2007. Tecnoloxía da información. Técnicas de seguridade. Sistemas de Xestión da Seguridade da Información (SXSI). Requisitos. (ISO/IEC 27001:2005)
  • UNE 9004:2009 ‘Xestión para o éxito sostido dunha organización. Enfoque de xestión da calidade’
  • UNE 9001:2015 ‘Sistemas de xestión da calidade. Requisitos’
  • UNE 14001:2015 ‘Sistemas de xestión ambiental. Requisitos con orientación para o seu uso’
  • UNE 14006:2011 Sistemas de xestión ambiental. Directrices para a incorporación do ecodeseño

 

Que son as normas UNE?

As normas UNE son un conxunto de normas técnicas que indican como debe ser un produto ou como debe funcionar un servizo para que sexa seguro e responda ao que o consumidor espera del. Xa que logo, están relacionadas coa mellora da calidade dos produtos e servizos das empresas, coa normalización e certificación.

Elabóranas por consenso os comités técnicos de normalización (CTN), que adoitan estar formados por unha entidad nacional de acreditación, fabricantes, consumidores e usuarios, administración, laboratorios e centros de investigación.

De entrada, é voluntario o cumprimento destas normas; mais as administracións competentes pódenas facer obrigatorias mediante leis, decretos, regulamentos ou esixindo o seu cumprimento nos pregos de prescricións técnicas dos proxectos. Por outra banda, é innegable o interese de empresas e institucións por contaren cunha certificación de calidade baseada no cumprimento desats normas.

No contexto español o organismo encargado do desenvolvemento e a difusión das normas técnicas, así como da certificación do seu cumprimento, é AENOR (Asociación Española de Normalización y Certificación), que conta cun catálogo de case 29 000 documentos normativos. No Boletín Oficial do Estado (BOE) infórmase mensualmente de todas as novidades en canto ás normas UNE-ISO. Porén, os textos das normas cómpre mercalos en AENOR.




 

Venres, 28 de abril de 2017