Os idiomas nas teses de 2016

«Terciarización e servicialización na innovación do sector agrario. Factores impulsores e efectos na sustentabilidade da gandería e da viticultura en Galicia» foi unha das 55 teses de doutoramento que se defenderon utilizando o galego o pasado 2016 na nosa Universidade. Delas, 49 redactáronse unicamente en galego, cinco incorporárono como lingua principal e o resto, como lingua secundaria.

O departamento onde se presentaron máis teses en galego foi Filoloxía Galega (9), seguido de Ciencias da Comunicación (8); tamén se presentaron na Escola de Doutoramento Internacional e noutros 17 departamentos, algúns con escaso uso do galego na docencia como Fisioloxía, Química Orgánica, Produción Vexetal ou Anatomía Patolóxica.

Porén, o dato máis salientable é que o castelán segue sendo a lingua predominante nos traballos con que se lles pon o ramo aos estudos de doutoramento: das 427 teses lidas o pasado ano, 253'5 realizáronse total ou parcialmente neste idioma (o 59%). O inglés é segundo idioma máis utilizado, no 20% das teses. Ao seu lado, a utilización doutras linguas como o galego (13%) ou o portugués (7%), resulta moito máis discreta, por non falar do alemán ou o italiano, cun 1%.

Na Escola de Doutoramento Internacional foi onde máis teses en inglés como idioma principal se leron (34), seguido do Departamento de Electrónica e Computación (6) e Física de Partículas (4). A lingua de Shakespeare utilizous noutros trinta departamentos de todas as áreas.

Se estudamos a evolución do uso dos idiomas dende o ano en que comezou o programa de axudas ao emprego do galego nos traballos de investigación iniciais, 1994, percíbese unha pequena progresiva diminución do uso do castelán a prol da utilización do galego, do portugués e, especialmente, do inglés. En relación ao inglés, cómpre salientar que deste último idioma só temos datos desagregados dende 2009 e que a tendencia é á alza, ascendendo posicións ano a ano.

evolucionteses2016

A utilización da lingua galega nestes traballos, do cal temos datos dende 1990, presenta numerosos  altibaixos; dende 2000 móvese entre o 7% e o 15%. Máis importante aínda é que o cruzamento de datos de solicitantes de axudas á realización de teses de doutoramento en galego dende 1994 e de utilización da nosa lingua na docencia por parte destes mesmos profesores e profesoras, revela un grao de fidelización moi elevado ao uso do galego.

galegoteses2016

Malia os doutorandos e doutorandas contaren con axudas que incentivan o uso do galego por parte da USC, o certo é que só 24 das 44 teses defendidas en 2016 que tiñan dereito á axuda do SNL (redactadas exclusivamente na nosa lingua e fóra do Departamento de Filoloxía Galega) solicitaron as subvencións de ata 400 euros ou o correspondente asesoramento lingüístico e terminolóxico.

 axudasteses2016

 

 

Venres, 31 de marzo de 2017