Concursos para todos os gustos, co galego ao fondo

Se estudas na USC (e nalgúns casos, se traballas na USC, ou mesmo se non es da USC) podes presentarte a uns cantos concursos ben diferentes, mais cunha característica común: o galego ao fondo. Tes onde escoller: Premios á calidade lingüística, TED-Saúde, Explícoche matemáticas 2.0, Proxectos empresariais innovadores en lingua, Concurso Literario Mazarelos e Somos a curta!

 

Se non queres matarte moito: Premios á calidade lingüística

Para participares nos XIII Premios á calidade lingüística non cómpre facer nada especial, agás presentarte: facer o traballo que che corresponda -iso si, en galego-, aprobalo (ata aquí, nada extra) e presentalo na forma, no lugar e no prazo (30 de xullo ou 29 de setembro) que se indica nas bases correspondentes a cada modalidade.

Os Premios á calidade lingüística están destinados aos mellores traballos académicos, traballos de fin de grao (TFG) e proxectos de fin de carreira (PFC), así como traballos de fin de mestrado (TFM) que foran elaborados en galego.

Outórgase un galardón por modalidade por cada unha das cinco áreas de coñecemento (Ciencias da Saúde, Ciencias, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura, Humanidades). Deste xeito, os traballos académicos optarán cinco premios de 150 euros e diploma, por cadansúa área de coñecemento. Os traballos de fin de grao (TFG) e proxectos de fin de carreira (PFC) optan tamén a cinco galardóns de 300 euros, e para os traballos de fin de mestrado (TFM) hai cinco premios de 500 euros. Este concurso conta co apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

 

Se se che dá ben traducir e/ou es de Ciencias da Saúde: TED-Saúde

As máis de 1.000 charlas TED pódense subtitular a outros idiomas. A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Farmacia organiza un concurso, TED-Saúde, para que alumnado e profesorado, entre outros, poidan contribuír á existencia na nosa lingua de contidos audivisuais divulgativos relacionados coas ciencias da saúde mediante a subtitulación de vídeos TED de ciencias da saúde ao galego.

Se xa pertences á comunidade TED só tes que enviar un correo electrónico a <snl.concurso.subtitulacion@usc.es> ata o 30 de marzo de 2017, cos teus datos (nome, dni, enderezo postal). Nesta modalidade optas a un premio de 150 euros.

Se pertences á USC, pero non non tes experiencia na subtitulación de vídeos TED ao galego, ofréceseche un obradoiro de catro horas gratuíto para aprender como funciona a plataforma de tradución e subtitulación e previrte sobre os erros máis frecuentes da tradución inglés-galego. Tamén tes que inscribirte ata o 30 de marzo. O premio nesta modalidade é de 250€ e un diploma honorífico.

En ambos os casos disponse ata o 30 de abril para realizares a tradución e subtitulación dun vídeo TED relacionado coas ciencias da saúde segundo as instrucións que se che fornecerán.

 

Se es cuadriculada ou cartesiano, pero fácil de entender: Explícoche matemáticas 2.0

Pensa como explicar un concepto, un teorema, ou unha aplicación matemática nun máximo de 2 minutos, colle unha cámara e faino na nosa lingua. Tes ata o 22 de abril para presentar o teu vídeo a este concurso, Explícoche matemáticas 2.0, que está dotado con dous premios de 300 euros (para universitarios/as e para ensino medio e formación profesional), así como un premio do público.

A Comisión de Normalización Lingüística de Matemáticas organiza unha nova edición deste concurso, que xa leva xerado máis de 40 vídeos, algúns dos cales podes visualizar nesta canle.

 

Se o teu é innovación ou tes ollo para os negocios: XVI Concurso de proxectos empresariais innovadores

O XVI Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC premia os mellores proxectos empresariais innovadores, e inclúe unha modalidade de promoción da lingua galega, promovido pola Comisión de Normalización Lingüística de Ciencias Económicas, que está dotado con 1000 euros para aquel proxecto ou empresa que teña un maior vínculo, relación ou interese coa lingua, ben sexa a través da consideración da lingua galega como oportunidade de negocio por si mesma, ou a través da consideración da estratexia lingüística (a lingua galega nun mundo global) como estratexia de mercado e factor transversal.

Non se trata só de ter intuición: cómpre presentar antes do 9 de maio unha memoria descritiva do proxecto (plan de empresa) para un horizonte temporal de tres anos, que inclúa titulo e descrición detallada do proxecto, sector ao que se dirixe (características e tendencias), produtos ou servizos que se pretendan ofertar, análise da competencia, plan comercial e de marketing, recursos humanos necesarios, plan de investimentos e financiamento, e conta de resultados.

 

Se tes unha historia divertida e unha cámara: VI «Somos a curta!»

Se che apetece facer unha incursión no mundo das curtas e da comedia, e es estudante dalgunha das universidades galegas, do ciclo de Imaxe e Son, ou de bacharelato artístico neste ano 2017, podes participar no VI «Somos a curta!».

Non tes máis que enviar tres dvd coa peza e os datos correspondentes á Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC ata o 12 de outubro de 2017. O mércores 25 de outubro as curtas presentadas exhibiranse nunha gala especial na propia Facultade, na que o xurado outorgará dous premios de 500 e 250 euros, e o público elixirá que fita leva o seu premio, galardoado con diploma honorífico.

A CNL de Ciencias da Comunicación organiza este certame cos obxectivos de promover o uso da lingua galega como vehículo para a creatividade dos novos valores do audiovisual galego; premiar os dotes lingüísticos, técnicos, artísticos e humorísticos dos estudantes galegos e, finalmente, e non menos importante, gozarmos dunha xornada de humor na nosa lingua.

 

Se che gusta escribir con ansias literarias: III Concurso literario Mazarelos

Quen sabe? Igual o teu nome chega a estar canda o de grandes figuras literarias que estudaron nas aulas da nosa Universidade: Castelao, Otero Pedrayo, Carballo Calero, Xohana Torres, Méndez Ferrín, Chus Pato, Suso de Toro, Xavier Queipo, Luísa Villalta, Antón Riveiro Coello... Este certame, que organiza por terceira vez a CNL da Facultade de Filoloxía, recupera a tradición do centro para descubrir e proxectar novas voces.

O Concurso literario "Mazarelos" está aberto ao alumnado da USC, que pode participar cunha obra de calquera xénero literario e calquera tema, orixinal e escrito en lingua galega. Establécense tres premios de 500, 250 e 150 euros mais diploma. O prazo para a presentación de orixinais rematará o 30 de setembro de 2017.

O Concurso Literario "Mazarelos" conta co apoio ecónomico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.




Mércores, 29 de marzo de 2017