Coloquios con Novos Investigadores na Facultade de Bioloxía

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Bioloxía, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística, organiza este mércores 29 de marzo e o 5 de abril os Coloquios con Novos Investigadores, nos que mozas e mozos que están a dar os seus primeiros pasos nas pescudas biolóxicas darán a coñecer os temas nos que traballan á vez que explicarán como foron os seus inicios na carreira investigadora.

Os encontros, que serán en galego co fin de espertar actitudes positivas cara á súa utilización na divulgación científica de primeiro nivel, rematarán cun coloquio sobre aspectos da carreira investigadora como a busca de financiamento, os criterios para a elección do grupo de investigación e as perspectivas da carreira a medio-longo prazo, entre outros.

No coloquio deste mércores, ás 13.00 horas na Aula Magna da Facultade de Bioloxía, o investigador do Departamento de Bioloxía Funcional Francisco Fontenla Iglesias falará de ciencia postapocalíptica, mentres que Xosé M. Matanza Fente, de Microbioloxía e Parasitoloxía e do Instituto de Acuicultura, pronunciará a charla ‘ Photobacterium damselae subsp . damselae: máis alá dun longo nome’. A última das intervencións correrá a cargo de Eva Rial Pensado, do Departamento de Fisioloxía e do CiMUS, e leva por título ‘Unha viaxe ás apalpadas’. Ao remate, sobre as 14.00 horas, terá lugar o coloquio sobre a carreira investigadora.

Xa o 5 de abril intervirán Jenifer Espasandín Domíguez, do Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización e do CiMUS, con ‘A bioestatística: unha opción profesional con futuro’; Iria Folgueira López, de Microbioloxía e Parasitoloxía e do Instituto de Investigación e Análises Alimentarias, con ‘Que sei?’; e Daniel Sobrido Cameán, de  Bioloxía Funcional, que explicará a carreira investigadora dende a perspectiva dun doutorando contratado con cargo a proxecto.

Mércores, 29 de marzo de 2017