Novas recentes

Os idiomas nos TFG e nos TFM

Luns, 27 de febreiro de 2017

Explícoche Matemáticas 2.0

Luns, 27 de febreiro de 2017

En que linguas ensina a USC?

Martes, 31 de xaneiro de 2017

Departamentos, profesorado e linguas

Martes, 31 de xaneiro de 2017

Estabilidade lingüística na docencia

Luns, 30 de xaneiro de 2017

Aprender galego na USC (se vés de fóra)

Luns, 30 de xaneiro de 2017

Obradoiros para apoiar a youtubeir@s

Domingo, 29 de xaneiro de 2017

[Máis novas]

Os idiomas nos TFG e nos TFM

Traballos de fin de grao

O pasado 2016 defendéronse 3155 traballos de fin de grao na USC en 54 titulacións. A lingua máis utilizada na redacción destes traballos foi o castelán (en 2339 traballos), a seguir o galego (en 703 TFG), e tamén se utilizaron en menor medida o inglés (en 72), o catalán (en 14) -no que semella un erro, por proximidade á hora de escoller o idioma no despregable-, o alemán (5 traballos), o francés (11 TFG), o italiano e o portugués con 3 e 7 traballos cada un. Xa que logo, os usos lingüísticos xerais do alumnado nas súas tarefas académicas, como poden ser os TFG, que se poden consultar aquí, son análogos aos usos dos docentes.

 

En todas as titulacións en que se leron TFG houbo algún redactado en galego, agás en Enxeñaría Civil, Enxeñaría das Industrias Agroalimentarias (con só 1 TFG) e Odontoloxía. En oito graos houbo un maior número de traballos en galego ca en castelán (Comunicación Audiovisual, Enxeñaría Agrícola e do Medio Rural, Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, Historia, Lingua e Literatura Galegas, Mestre en Educación Primaria de Santiago así como o seu curso ponte).

Os graos relacionados coas Ciencias da Saúde, os de maior uso docente do español, tamén son os graos en cuxos TFG máis sobrancea o castelán, nuns niveis moi similares: no 100% dos TFG de Odontoloxía, no 98,6% dos de Medicina –no que maior número de traballos se presentan de toda a USC, 302-, no 94,6% dos de Farmacia (94,6%) e no 92,9% dos traballos de fin de grao de Enfermaría.

Se imos ao extremo oposto, tamén en xeral o uso do galego nos TFG aumenta cando corresponden a graos cun elevado uso do galego, aínda que neste caso os traballos estudantís non melloran os datos do seu profesorado: 93,7% en Lingua e Literatura Galegas; 65,80% en Comunicación Audiovisual; 60% en Enxeñaría Forestal; 57,54% en Enxeñaría Agrícola; 57,50% en Historia (o único caso en que supera o índice de galego na docencia, do 34,66%); 53,58% en Educación Social, 52,59% en Mestre de Educación Primaria (Santiago); 47,69% en Pedagoxía; 42,85% Mestre de Educación Infantil (Santiago); 42,60% en Mestre de Educación Primaria (Lugo); 36,76% en Mestre de Educación Infantil (Lugo) e 35,71% en Xornalismo.

No Grao en Lingua e Literatura inglesas só se utilizou o inglés e no Grao en Linguas e Literaturas Modernas, alemán, francés, italiano e portugués. Tamén se redactaron TFG en inglés en Medicina e Enxeñaría Química.

Os datos das linguas de lectura e defensa dos TFG sofren pequenas variacións á respecto dos de redacción: 74 traballos escritos en castelán, catalán e inglés foron posteriormente defendidos oralmente en galego.

tfg_oral

Aínda que só temos a perspectiva de seis anos en canto aos usos lingüísticos nestes traballos, semella que a presenza do galego nos TFG reflicte en boa medida os usos de idiomas do seu profesorado, unha vez que as porcentaxes globais son similares e vistos os paralelismos entre usos lingüísticos docentes por titulacións e usos lingüísticos nos TFG por titulacións.

 tfg_evolucion

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Traballos de fin de mestrado

En 2016 defendéronse 1.089 traballos de fin de mestrado. O panorama volve estar dominado amplamente  polo castelán, como se reflicte na gráfica.

tfmO castelán foi a lingua utilizada para redactar 810 TFM e en galego están redactados 232; ademais utilízase outras linguas, como o inglés (en 37) e, en menor número, o catalán, portugués, italiano, grego ou árabe.

Tamén neste caso existen diferenzas nos datos analizados entre a lingua en que se redactan os TFM e a lingua en que se len. A lingua que resulta máis favorecida na defensa é o galego, que pase dos 232 aos 268, e a máis prexudicada, o inglés, que descende dos 37 traballos escritos a 18 defendidos oralmente.

O pasado curso impartíronse 89 titulacións de mestrado (incluíndo varias edicións dun mesmo mestrado, especialidades diferentes ou campus distintos). A titulación en que máis TFM se presentaron foi a de Máster Universitario en Profesorado de ESO e Bacharelato, FP e Ensinanzas de Idiomas, coas súas diversas especialidades e campus de impartición. En conxunto, foron 205 TFM (a cuarta parte do total), dos cales 98 foron redactados en galego, 103 en castelán e catro en inglés, francés e grego.

En 33 das 89 titulacións de máster, ben repartidas por todas as grandes áreas, non se elaborou ningún TFM en galego. E só en dúas, Planificación e Xestión do Desenvolvemento Territorial e mais Dirección de Actividades Educativas na Natureza, o número de traballos en galego superou ao de castelán.

Sorprende que entre só 23 dos 1.089 TFM presentados (o 2,11%) foran redactados en inglés. Case un terzo corresponden a mestrados de Estudos Ingleses e Formación do Profesorado, e os restantes en Big Data, Técnicas Estatísticas, Matemática Industrial, Química Industrial, Enxeñaría Ambiental, Condicionantes do Crecemento, Saúde Pública, Biotecnoloxía.

 Fomento da elaboración de TFG e TFM en galego

Cómpre lembrar que a USC fomenta o uso do galego en ambos os tipos de traballos, TFG/PFG e TFM mediante os Premios á calidade lingüística, por unha banda, e, por outra, fornecendo os modelos de traballos de fin de grao no noso idioma, que facilitan a súa redacción e que se ofrecen en formato Word e en formato LibreOffice.

 

Luns, 27 de febreiro de 2017