Novas recentes

Os idiomas nos TFG e nos TFM

Luns, 27 de febreiro de 2017

Explícoche Matemáticas 2.0

Luns, 27 de febreiro de 2017

En que linguas ensina a USC?

Martes, 31 de xaneiro de 2017

Departamentos, profesorado e linguas

Martes, 31 de xaneiro de 2017

Estabilidade lingüística na docencia

Luns, 30 de xaneiro de 2017

Aprender galego na USC (se vés de fóra)

Luns, 30 de xaneiro de 2017

Obradoiros para apoiar a youtubeir@s

Domingo, 29 de xaneiro de 2017

[Máis novas]

"Parecíame o máis natural facer o traballo de fin de máster en galego"

O pasado curso un estudante gañou un premio á calidade lingüística co seu TFM e tamén o premio literario Mazarelos, cunha mención expresa do xurado á notable fluidez lingüística da obra. Non sería nada extraordinario se non fose porque se trata dun alumno inglés, Philip Duncan Webb (Cheltenham, 1992).

PhilipDW_mini

Sendo inglés, como adquiriches o nivel de idioma que che permite gañar un premio ao mellor TFM en galego ou un premio literario nesta lingua?

Ao preparar o exame oral de castelán do ultimo ano no instituto tiven que facer unha presentación de Galicia. Por iso cando comecei Historia e Estudos Hispánicos na Universidade de Birminghan e tiven a posibilidade de estudar outra lingua de España, ademais do castelán, como xa sabía algo do galego pensei que igual merecería a pena e estudeino no Centre for Galician Studies, pechado hai pouco. Logo, no verán de 2011, vin aos Cursos de lingua e cultura galegas para persoas de fóra de Galicia que organiza a Real Academia Galega en Santiago.

Cando rematei os estudos na universidade vinme para Galicia, hai xa tres anos.  Ao vivir aquí, poder falar en galego coa miña parella –aínda que tamén en inglés, que ela tamén quere practicar, di cun sorriso-, con amigos, ver a televisión en galego..., podo practicar cada día. Pero non seguín xa ningún curso ou método.

E por que fixeches o teu TFM en galego?

Como aquí normalmente falo en galego, parecíame o máis normal facer o traballo de fin de máster na mesma lingua. Ademais, eu na USC estudei o Máster en Historia Contemporánea e nel a maioría das clases e das conversas se deron en galego. Iso tamén axuda.

Como soubeches dos premios á calidade lingüística e o literario, e por que te presentaches?

Non estou seguro, paréceme que por correos electrónicos da Universidade. No caso do premio á calidade lingüística pensei “xa teño o traballo feito e en galego, non me custa nada presentalo”. Eu non pensaba que fose gañar e gañei! Eu animaría a todo o mundo a presentarse.

E no caso do premio literario foi porque, se teño unha data tope, igual escribo ese relato que teño na cabeza. Porque se non teño un prazo, entre o traballo e a tese é moi difícil dedicar tempo a escribir. Foi un bo xeito de motivarme.

Estás realizando a tese de doutoramento sobre a inmigración galega no Paraguai. Vala presentar en galego?

Aínda que haxa un capítulo en inglés, por mor de obter a mención internacional, en principio penso escribila en galego. Trátase dun tema moi específico e se alguén se interesa pola emigración galega no Paraguai, aínda que non sexa galegofalante, seguramente saberá español, poderá lela en galego sen grandes problemas e consultar a miña tese igual.

Ti cres que pode resultar difícil ou complicado para un inglés aprender galego?

Non o vexo máis difícil que aprender o castelán.  Aínda que é comprensible que os estranxeiros aprendan antes o castelán que o galego, cando en 2011 asistín aos cursos de galego para estranxeiros aquí en Santiago si que había algúns que se puxeron a aprender galego sen saber castelán; e non soamente portugueses e brasileiros, senón tamén xente doutros países.

Eu elixín estudar español non porque me gustase, senón porque me parecía útil saber outra lingua; foi despois de asistir aos cursos cando realmente me entusiasmei polas linguas. Pero é  moi fácil, vivindo no Reino Unido, non entender esa utilidade de aprender outros idiomas. A min, por exemplo, nunca me foi imposible facer as cousas que quería facer porque sempre puiden comunicarme dalgún xeito a través do inglés.

Ao falar dúas das linguas máis faladas do mundo, non teño que preocuparme por aprender linguas que sexan “útiles”, así, entre aspas, porque unha lingua ten a utilidade que ti lle deas. Se eu seguise vivindo no Reino Unido, non lese nunca un libro en galego nin nunca falase con xente de Galicia, podería dicir que o galego non me é útil. Pero vivo aquí. Eu fixen que a lingua me fose útil; por razóns sentimentais, se queres, máis que por razóns prácticas.

Cantas linguas falas?

Falo o inglés, por suposto, e castelán, galego e portugués con fluidez mais non sen erros. Alén disto, estou francés, polaco e nas últimas semanas comecei a estudar guaraní, a lingua indíxena do Paraguai, porque a miña tese é sobre a inmigración galega no Paraguai. Aquí no día a día falo inglés, porque imparto clases nunha academia e coa miña parella, e galego e castelán.

Serviuche o galego para aprender portugués?

Serviu, claro! Ao aprender o galego primeiro e haber moitas palabras comúns, tendo a dar por feito que case todo é igual. Entón, cando falo en portugués, digo cousas como calefaçao e non aquecimento. En realidade o galego axudou moito: de feito, eu nunca asistín a unha clase de portugués, pero puiden aprendelo sen ir a clases grazas ao galego.

Que é o que máis che chama a atención do galego como lingua?

Seguramente o feito de ter sobrevivido tanto tempo e con tanta vitalidade aínda, cando outras linguas desapareceron. Paréceme sorprendente que conseguise sobrevivir tanto séculos,  imaxino que en parte grazas ao feito de que son linguas parecidas, o castelán e o galego. Aínda que nazas en Galés é moi probable que non entendas o galés, pero é imposible que unha persoa galega non entenda o galego. É interesante coñecer o motivo polo que algunhas linguas desaparecen e outras non.

Sendo un inglés vido a Galicia e sendo consciente dos problemas da nosa lingua, como é que dalgún xeito apostas polo galego? 

Hai tres anos, cando cheguei, diríache que era por practicar a lingua que aprendera na universidade. Agora, despois de tres anos, eu diría sinxelamente que é a que me sae con máis facilidade. A xente de aquí que é bilingüe pode cambiar sen pensar, sen ningunha dificultade, pero a min cústame un pouco; non é que non poida falar castelán pero non me sae coa mesma fluidez. En canto estou en Madrid unha semana volvo falar coa mesma soltura en castelán.

Moita xente sorpréndese de que sendo inglés fale galego, pero a maioría mírame con simpatía, incluso persoas que non falan o galego (aínda que, pola miña experiencia, a maioría das persoas que din que non saben falalo, cando o intentan normalmente poden; pensan que non, pero si que  poden). Moitas veces estou nunha situación un pouco rara, de ser a única persoa estranxeira e, ao mesmo tempo, a única que está falando en galego; mais tampouco creo que á xente lle pareza mal, a verdade.

Que lles dirías ás persoas que pensan que é preferible abandonar o galego e falar linguas máis útiles como o castelán e, sobre todo, o inglés?

Sempre defenderei a aprendizaxe das linguas menos faladas, porque a utilidade a unha lingua dáslla ti. Mais tamén teño que recoñecer que, ao ter como lingua materna e como segunda lingua unhas das máis faladas do mundo, o inglés e o castelán, estou nunha posición privilexiada, na que podo usar o meu tempo libre para aprender linguas menos faladas. Moita xente ten que consideralo en termos máis prácticos.

Outra cousa é o uso como lingua nativa, propia. A idea de que acabemos falando a mesma ou unhas poucas linguas en todo o planeta paréceme imposible e indesexable: coa homoxeneidade lingüística e cultural, seria un mundo moi aburrido, digo eu. Cómpre a diversidade.

Cando comezaches a crear e en que lingua?

Sempre me gustou ler, dende pequeno, e no colexio xa quería escribir, imaxino que como moitos rapaces de dez anos, unha historia épica ao estilo do Señor dos aneis. E escribes tres páxinas e abandónala. Obviamente comecei a escribir en inglés. Pero só presentei traballos a dous certames, todos de institucións galegas, polo que escribín en galego. Ate hai un ano escribía moito máis en inglés que en galego; agora probablemente escriba máis en galego.

E como se che deu por escribir Satanás, fóra!, o relato gañador do Premio literario “Mazarelos”?

O tema é o do meu traballo de fin de carreira, os peregrinos xacobeos na Idade Media, as pousadas e os hospitais. Na historia hai un pousadeiro malvado que lle rouba ao protagonista, que case sería un personaxe histórico neste sentido. Agora que me dedico á historia contemporánea non me serviría para nada ter un artigo publicado sobre historia medieval e quería aproveitar os meus coñecementos dalgún xeito, así que decidinme a escribir un relato.

Que diferenzas atopas entre as cosmovisións culturais inglesa e galega, que trazos galegos e ingleses se reflicten na túa maneira de escribir?

Hai unha diferenza bastante grande no sentido do humor e aínda estou habituándome a operar dentro deste marco. Moitas veces digo algo crendo que é obvio que é unha broma e non!,  a xente tómao en serio e pensa que son parvo. Por outra banda, tampouco sei certo se pillo sempre a retranca, especialmente se falan en serio.

A maior diferenza que noto de escribir en inglés ou en galego é que, pola miña relativa falta de vocabulario e coñecementos de linguaxe coloquial, estou obrigado a escribir dun xeito máis coidadoso e sinxelo, con frases máis curtas que cando escribo en inglés e a lectura resulta máis amena.Outras veces, igual hai algo que podo expresar moi ben en inglés pero en galego non sei facelo... Na actualidade os dous idiomas teñen vantaxes e desvantaxes para min á hora de escribir.

Hai máis casos de estudantes que aprenden galego nas súas universidades de orixe (Reino Unido, Polonia, Australia, etc.), veñen aquí e aprenden máis galego e poden escribir en galego ou traducir obras galegas aos seus idiomas e viceversa. Que che parecen este tipo de programas?

Non son un experto neste tema, claro, pero paréceme que se hai estranxeiros que veñen aquí e falan galego e escriben e traducen, pode ser que persoas que non valoran moito a lingua aprendan a valorala: pode contribuír a mellorar o prestixio da lingua.  Non sei cales serán ou foron os efectos prácticos destes programas de estudos galegos no estranxeiro, pero o certo é que estimulan o interese cultural.


Martes, 28 de febreiro de 2017