Novas recentes

Os idiomas nos TFG e nos TFM

Luns, 27 de febreiro de 2017

Explícoche Matemáticas 2.0

Luns, 27 de febreiro de 2017

En que linguas ensina a USC?

Martes, 31 de xaneiro de 2017

Departamentos, profesorado e linguas

Martes, 31 de xaneiro de 2017

Estabilidade lingüística na docencia

Luns, 30 de xaneiro de 2017

Aprender galego na USC (se vés de fóra)

Luns, 30 de xaneiro de 2017

Obradoiros para apoiar a youtubeir@s

Domingo, 29 de xaneiro de 2017

[Máis novas]

En que linguas ensina a USC?

No global da docencia (graos, restos de titulacións de 1º e 2º ciclo e mais mestrados) a USC transmite en castelán tres de cada catro horas de clase e en galego, pouco máis de unha hora de cada cinco. E outras linguas, incluído o inglés, apenas teñen unha presenza significativa nas 457.726 horas docentes deste curso 2016-2017 na USC, con só o 3,65%.

As titulacións de mestrado (41.853,86 horas docentes) son as máis achegadas a un modelo bilingüe castelán-galego (57,24% e 40,23%, respectivamente), mentres que as titulacións de grao, as de maior peso docente (413.989,14 horas) reducen o uso do galego ata o 20,13%, ben lonxe do 76,07% do castelán.

 

 

Os idiomas nos graos

Nas 413.989 horas que se imparten na docencia dos 50 graos que se imparten na USC, a lingua hexemónica é o castelán, presente en máis das tres cuartas partes das horas docentes. O galego ocupa pouco máis do 20% e os restantes idiomas non chegan en conxunto ao 4% das clases.

 

 

Debullando os datos lingüísticos por titiulacións de grao, vese que soamente tres carecen por completo de docencia en galego: Lingua e Literatura Inglesa (100% en inglés) e os graos en Enxeñaría Agrícola e do Medio Rural e de Enxeñaría das Industrias Agroalimentarias, que en realidade están en proceso de extinguirse ao seren substituídos pola Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria.

 

Nove dos graos non chegan nin ao 10%, maioritariamente de Ciencias da Saúde: Enfermaría (de Lugo e Santiago), Medicina, Odontoloxía, Farmacia, Bioloxía e Nutrición, ademais dos graos en Relacións Laborais e Recursos Humanos (Santiago) e Lingua e Literatura Españolas (Lugo). Cómpre salientar que a área de Ciencias da Saúde (que inclúe tamén Psicoloxía, Óptica e Veterinaria) ten un peso cuantitativo moi grande no POD (45% do total de horas de docencia), en especial, a docencia clínica, que se imparte en Enfermaría, Medicina, Odontoloxía e Veterinaria, e que constitúe o 31% da docencia total dos graos, na cal o uso do galego é do 2,85%.

 

Logo dos quince graos que comunican en galego entre o 25 e o 50% da súa docencia, salientan os dez (de 50 graos) que responderían ao modelo bilingüe con predominio do galego que é obxectivo da nosa universidade, superando o 50% de docencia en galego. É o reino das ciencias sociais e as humanidades: Mestres/as de Primaria e Infantil de Santiago e Lugo, Filosofía, Educación Social, Comunicación Audiovisual, Pedagoxía, Xornalismo (82,68%) e Lingua e Literatura Galegas (100%).

 

O piar fundamental do galego nos graos son as materias obrigatorias, máis que as básicas ou as optativas.

 

Só en quince graos utilizan outros idiomas (portugués, francés, italiano, alemán, inglés, catalán) ademais dos oficiais. Nas titulacións de grao de Filoloxía, de Mestra/e e Ciencias da Cultura contan con materias de idiomas. En Dereito, Xestión de PEMES, Comunicación Audiovisual, Xornalismo, Veterinaria e Odontoloxía impártese materias que entran dentro do concepto “idioma técnico”.

Química usa o inglés en grupos soltos de varias materias e diversas tipoloxías (clases expositivas, laboratorio, seminario, titorías...). Enxeñaría Química (9,62%) é a única titulación de grao da USC que ofrece a posibilidade de cursar materias básicas e obrigatorias en inglés, ao desdobrar grupos neste idioma e en galego e/ou castelán, ademais de contar cunha materia obrigatoria de Inglés Técnico.

 

Os idiomas nos mestrados

 

As titulacións de mestrado (41.853,86 horas docentes) son as máis achegadas ao equilibrio castelán-galego (57,24% e 40,23%, respectivamente). Con todo, para interpretar o favorable dato para o galego nos mestrados cómpre ter en conta o importante peso en horas docentes dos de Formación do Profesorado de ESO, bacharelato, FP e linguas estranxeiras (máis de 6000 horas) no conxunto dos 67 cursos de mestrado analizados, cando o seu uso do galego alcanza o 62,99% e 71,06% (Lugo e Santiago, respectivamente).

 

 

Aa debullarmos os datos lingüísticos dos másteres da USC comprobamos que once carecen de aulas en galego e calquera outro idioma que non sexa o español, agás o de Estudos Ingleses Avanzados e as súas Aplicacións, que se imparte ao 100% en inglés. No outro extremo, os 36 másteres superan o 25% da docencia en galego (vinte dos cales usan o galego en máis do 50%), á cabeza dos cales se sitúa o Máster Universitario en Xornalismo e Comunicación: Novas Tendencias.

 

Sorprende que mestrados como Bioloxía Mariña, Saúde Pública, Xerontoloxía dependentes das facultades de Bioloxía, Medicina e Farmacia, cun uso do galego tan escaso nos seus graos, cheguen ao 48,61% 45,45% e 52,49% respectivamente.


Non acaba de arrincar nos mestrados o uso doutras linguas. O inglés utilízase no 2,04% da docencia, en só cinco dos 70 máster que se imparten este curso: Estudos Ingleses, Enxeñaría Química e Bioprocesos, Enxeñaría Ambiental, Servizos Culturais e os dous máster de profesorado de Santiago e Lugo. Outros idiomas só se utilizan nos mestrados de Lexicografía e de Estudos Medievais Europeos.

 

Os idiomas nas titulacións de 1º e 2º ciclo

As licenciaturas e diplomaturas están a extinguirse logo do proceso de implantación dos graos, polo que soamente se dispensan 1.883 horas na docencia xa parcial de dúas titulacións, a licenciatura en Medicina e a diplomatura en Criminoloxía. Daquela, os datos xa non son representativos. Galego (5,58%) e outros idiomas (0,0%) resultan anecdóticos fronte ao uso do castelán (94,42% das horas).

 

 

(Pódese consultar estes e outros datos no web do SNL).

 

Martes, 31 de xaneiro de 2017