Novembro, o mes de recibir premios

Durante o mes de novembro fóronse resolvendo varios certames da USC que teñen como nexo  común a promoción do galego. Por orde de antigüidade, os Luísa Villalta, Somos a curta, Radiodramas e Mazarelos.

XIII Premios “Luísa Villalta”

O xurado dos Premios Luísa Villalta, formado por Xusto Rodríguez (USC), Anxos Sobriño (CTNL), Beatriz Corral (SXPL), Cristina Rodríguez (Uvigo) e Marisol Ríos (UdC), decidiu por unanimidade, na súa reunión do 10 de novembro de 2016, deixar deserto o premio na modalidade "Deseño dunha campaña normalizadora" (dotado con 1200 euros) e conceder o "Premio a unha idea para a promoción do galego" (de 800 euros) ao traballo presentado baixo o lema "Que o verso baixe á rúa" da autoría de Patricia Carballal Miñán, Estefanía Mosquera Castro, María Montserrat Muriano Rodríguez, Iria Sobrino Freire e Roberto Suárez Brandariz, alumnos da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña.

Os premios “Luísa Villalta”, organizados polos tres servizos de normalización lingüística das universidades galegas, teñen por obxectivo promover a reflexión da comunidade universitaria galega a respecto da situación da nosa lingua, fomentar a investigación sobre a planificación lingüística e apoiar o desenvolvemento de iniciativas innovadoras.

V “Somos a curta”

Desta volta foron sete as curtas que o xurado, formado polas profesoras Mª José López Couso (CNL de Filoloxía), Fina Castro (CNL de Psicoloxía) e Victoria Otero Espinar (CNL de Matemáticas), tivo que axuizar. O seu veredicto coñeceuse na divertida gala que tivo lugar no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Comunicación o día 9 de novembro ás 20:00 h, presentada por Os da Ría. Tamén no transcurso desta gala foi cando o público puido votar e decidir a cal destas sete fitas lle outorgaba o seu premio.

O xurado decidiu outorgarlle o primeiro premio (400 euros e diploma honorífico) á curta Nada peor, de Sara Fernández Mosquera, e o segundo premio (200 euros e diploma honorífico) a 1000 maneiras de espichala, de Antía Otero García. O premio do público recaeu en Non é país para mocosos, de Juan Manuel Sánchez Pardo.

Os obxectivos con que a CNL de Ciencias da Comunicación convoca os premios Somos a curta! son: Promover o uso da lingua galega como vehículo para a creatividade dos novos valores do audiovisual galego, premiar os dotes lingüísticos, técnicos, artísticos e humorísticos dos estudantes galegos e gozar dunha xornada de humor na nosa lingua.

II Premios de radiodramas en galego

Á segunda edición dos Premios de Radiodramas en galego, presentáronse dúas propostas. Aínda así o xurado, formado por Ana Romaní (Radio Galega), Clara Gayo (actriz, autora, educadora e directora teatral) e Xosé Ramón Pousa (decano da Facultade de Ciencias da Comunicación), non o tivo doado, xa que a calidade de ambas dificultou o reparto dos dous premios con que está dotado o concurso.

O primeiro premio, de 500 euros e diploma, foi para Co mozo do corazón, de Antonio Mosquera Montoya, do que o xurado salienta o bo uso da linguaxe radiofónica (palabra, música, efectos e silencios) e do galego, así como a boa locución. O segundo premio, de 400 euros e tamén diploma, correspondeulle a Peido, de Margarida Rodríguez Tilve, do que o xurado destaca a boa calidade técnica da gravación, e maila utilización da música e dos efectos sonoros.

Os Premios de Radiodramas en galego premian o mellor guión radiofónico dramático en galego presentada por calquera alumno ou grupo de alumnos da USC, estudantes das titulacións de Comunicación Audiovisual impartidas nas restantes universidades galegas así como o das titulacións das escolas oficiais de Imaxe e Son. Convócanse para contribuír á creación dun corpus dramático galego no formato do teatro radiofónico, promover o uso da lingua galega como vehículo para a creatividade dos estudantes  e premiar os dotes artísticos, lingüísticos e técnicos dos estudantes.

II Concurso Literario "Mazarelos"

Á segunda edición do Concurso Literario "Mazarelos", organizado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía, presentáronse vinte e cinco traballos de todos os xenéros literarios. O xurado, formado por Carlos Quiroga, Alba Cid, Lara Dopazo, Chus Nogueira e Antía Otero, determinou todos os galardóns por unanimidade.

Gisella Costas López recibirá 150 euros polo poema Inasíbel, premiado co terceiro premio. Sensorialidade, discreción e elegancia son as calidades que o xurado destaca da obra. Alba María Rodríguez Díaz verase recompensada polos 250 euros do primeiro premio que mereceu o seu relato O mes máis cruel, que hibrida o relato e a poesía e posúe gran forza evocativa, segundo o xurado.O primeiro premio, de 500 euros, vaise para Philipp Duncan Webb, autor do relato Satanás fóra!: realidade e ficción no Códice Casabraván. O xurado salienta a orixinalidade da actualización que fai da técnica do manuscrito atopado, o rexistro paródico que tingue todo o relato, o dominio técnico e a fluidez lingüística, tanto máis notable cando se trata dun alumno británico que escribe en galego. Cómpre salientar que tamén foi gañador dos premios á calidade lingüística na modalidade de TFM da área de Arte e Humanidades.

O Concurso Literario "Mazarelos" diríxese a fomentar a creatividade da mocidade universitaria e de desenvolver a súa capacidade de expresión en lingua galega, así como a contribuír a descubrir potenciais figuras deste eido da cultura.




 

Martes, 29 de novembro de 2016