Como utilizar as presentacións dixitais para comunicarmos mellor

Na actualidade, na maioría das conferencias, charlas e clases que se imparten na universidade (e tamén en niveis inferiores do ensino) a persoa relatora utiliza presentacións dixitais de apoio. Porén, en moitos casos, lonxe de mellorar a comunicación cos oíntes, este recurso utilízase en troques de fornecerlle apuntamentos ou fotocopias ao alumnado ou escribir no encerado, polo que se introduce moito texto, con letra moi pequena e ilexible; e en non poucas ocasións as presentacións serven de apuntamentos para o relator, que tende a lelos. E a todas estas desvantaxes comunicativas cómpre sumarlle o tempo que normalmente se dedica a crealas.

Os programas para facer presentacións (Impress, PowerPoint ou Keynote) son moi útiles, pero para que realmente resulten efectivos hai que sabelos utilizar: cómpre coñecer as súas posibilidades técnicas pero, sobre todo, as súas posibilidades comunicativas.

O Servizo de Normalización Lingüística da USC ofrece unha serie de recursos que pretenden axudar ao conxunto da comunidade universitaria na creación de presentacións dixitais en galego. Por unha banda, os modelos de presentacións para a USC, no programa PowerPoint 2007 e 2010, con cinco variantes de cores, que permiten automatizar o proceso de creación de diapositivas cunha aparencia estética e comunicacional adecuada para unha institución universitaria e para a transmisión de coñecementos técnico-científicos. Por outra banda, os «Obradoiros de presentacións dixitais eficientes: Como utilizarmos as presentacións para comunicarmos mellor», de 30 horas, dentro do Programa de Formación e Innovación Docente para o PDI.

Precisamente o 29 de novembro comeza un Obradoiro de presentacións dixitais eficientes na Facultade de Dereito, impartido por Manuel Bermúdez, técnico de asesoramento do SNL, e mais por Ana Otero, profesora de Bioloxía.

O obradoiro comeza prestando atención aos programas de creación de presentacións dixitais e máis concretamente ás posibilidades que ofrecen de traballar con modelos. Mais axiña se centra na perspectiva comunicacional das presentacións: como estruturar as diapositivas en relación ao discurso, decatarse do seu poder visual (cores, imaxes, grafismos...) e mellorar a comunicación oral con apoio deste recurso.


 

Luns, 28 de novembro de 2016