DivulgaTerra

Non entendes realmente algo ata que es quen de explicarllo á túa avoa. Ese famoso adaxio serviría para explicar DivulgaTerra, un evento en que investigadores/as mozos/as do Campus de Lugo van contar en que andan traballando para que o público poida entendelo. E nada mellor para conseguir un máximo achegamento que facelo na nosa lingua.

Nun campus universitario fanse tantas cousas (impártense clases, prepáranse exames, deféndense teses e traballos de investigación…) que moitas iniciativas interesantes e útiles só son coñecidas polas persoas que participan nelas ou polo seu círculo máis próximo.

No Campus de Lugo pensamos que as novas investigadoras e investigadores padecen especialmente esta realidade. E por iso, Campus Terra, Proxéctate en Galego e a Asociación de Divulgación Científica de Galicia decidimos poñer en marcha algunha actividade encamiñada poñer o foco sobre o traballo realizado por este colectivo. Así xurdiu DivulgaTerra.

Trátase dun evento de divulgación científica que busca darlle visibilidade ao traballo desenvolvido polos novos investigadores e investigadoras do Campus Terra, e conmemorar o Día da Ciencia en Galego, promovendo a utilización desta lingua como ferramenta para a comunicación e a difusión dos resultados das investigacións.

Con eses dous obxectivos, o día 9 de novembro a partir da 16 horas, no Salón de Actos da Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo, vaise desenvolver unha sesión de presentacións divulgativas nas que unha ducia de mozas e mozos investigadores do Campus, procedentes das facultades de Veterinaria, Humanidades, Ciencias e Escola Politécnica Superior van expoñer as investigacións que están levando a cabo en quendas de 10 minutos. En paralelo, outros sete van divulgar o seu traballo baixo o formato de pósters, que figurarán expostos nun espazo próximo ao mesmo Salón de Actos.

E como colofón ao acto, a partir das 20 horas, poderemos asistir á estrea en Galicia de Código Sapiens, o novo “discurshow” creado e interpretado por Xurxo Mariño e Vicente Mohedano. Un espectáculo do que se din cousas coma estas:

“A-LU-CI-NAN-T-E se queda corta como palabra para describir el fantástico espectáculo de divulgación, teatro, imágenes y sonido que nos regalaron Xurxo y Vicente. ¿Cómo es posible que las televisiones y salas de teatro de todo el país no se estén dando hostias como panes por conseguir semejante obra de arte?” (Fonte).

Para ter información actualizada sobre DivulgaTerra, sigue o evento en Facebook.

Luns, 31 de outubro de 2016