Xornada de recursos educativos en galego: a educación de adultos

De que recursos dispoñen os/as docentes das diversas modalidades de educación de adultos na nosa lingua? Coñecelos, reflexionar sobre a experiencia do seu uso e motivar para crear novos recursos é a cerna desta novena edición.

A Xornada de recursos educativos en galego pretende converterse nun espazo para o debate e a reflexión ao redor dos recursos educativos en lingua galega nos diferentes niveis de ensino. Este ano celébrase a novena xornada, centrada na educación de adultos, logo de se dedicar nas oito edicións anteriores á educación infantil, primaria, bacharelato, educación social ou educación artística.

Esta novena xornada artéllase arredor da exposición e debate de nove recursos e experiencias educativas con persoas adultas en lingua galega: o ensino da física mediante procedementos situados, as saídas de campo no cuarto ciclo universitario (maiores de 65 anos), o ensino da lingua galega a reclusos do cárcere da Lama, activación da memoria en doentes de Alzéimer, a xestión do coñecemento, o uso de novas tecnoloxías por persoas con discapacidade intelectual ou a aprendizaxe por proxectos con persoas adultas con parálise cerebral.

Desenvolverase na sede do Campus Vida da Facultade de Ciencias da Educación os días 16 de novembro, en xornada de tarde, e 17 de novembro, en xornada de mañá, completando un total de 7,5 horas lectivas, o cal se reflectirá no correspondente diploma  de asistencia. O prazo de matrícula, que é de balde, está aberto ata o 13 de novembro. Pódese facer a inscrición e consultar toda a información no web do Servizo de Normalización Lingüística.

As xornadas de recursos educativos en galego están organizadas pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística e a achega económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Búscase que o alumnado da Facultade de Ciencias da Educación poida tomar conciencia da importancia que teñen os recursos educativos na práctica docente, así como coñecer de primeira man cales son os materiais didácticos en galego dos que poderá dispoñer no seu futuro profesional. Así mesmo, un dos propósitos fundamentais destas xornadas é fornecer aos futuros profesionais estratexias e criterios que lles permitan non só coñecer e empregar os recursos existentes senón adaptalos e reelaboralos para atender ás diferentes necesidades de ensino-aprendizaxe que se desenvolven na aula e nos diferentes centros de Galicia.

O destinatario principal destas xornadas é o alumnado, o PDI e PAS das universidades galegas interesado en coñecer estratexias que axuden a mellorar o uso e coñecemento dos recursos didácticos en galego na educación de adultos, así como profesionais interesados/as.

Luns, 31 de outubro de 2016