Premios, premios, premios e premios

Achégase o remate do ano e con el varios concursos universitarios de fomento do uso do galego en diversos eidos deciden as propostas gañadoras, como “Somos a curta”, “Radiodramas”, “Mazarelos” (literario) ou “Luísa Villalta” (propostas de normalización lingüística).

V “Somos a curta”

Á quinta edición do concurso "Somos a curta" presentáronse sete propostas, tituladas O home do sacho, 1000 maneiras de espichala, A meiga, En Galicia, depende, Non é pais para mocosos, Un amigo galego e Nada peor. Todas elas poderán ser visionadas na divertida gala de presentación, que será presentada por “Os da Ría”, o mércores 9 ás 20:00 h no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Comunicación. Alí se derá a coñecer os dous gañadores dos premios do concurso, dotados con 500 e 250 euros, segundo o dictame do xurado, formado polas profesoras Mª José López Couso, Fina Castro e Victoria Otero Espinar, das CNL de Filoloxía, Psicoloxía e Matemáticas, respectivamente. Ademais, o público poderá elixir a cal das fitas lle outorga o seu propio premio.

Os vídeos poderán verse posteriormente a través do perfil de facebook da CNL de Ciencias da Comunicación.

Os obxectivos con que a CNL de Ciencias da convoca este premio son: Promover o uso da lingua galega como vehículo para a creatividade dos novos valores do audiovisual galego, premiar os dotes lingüísticos, técnicos, artísticos e humorísticos dos estudantes galegos e gozar dunha xornada de humor na nosa lingua.

II Premios de radiodramas en galego

Dous foron os títulos presentados á segunda edición dos Premios de Radiodramas en galego, Co mozo no corazón e Peido. O xurado, formado por Ana Romaní (Radio Galega), Clara Gayo (actriz, autora, educadora e directora teatral) e Xosé Ramón Pousa (decano da Facultade de Ciencias da Comunicación), xa emitiu o seu veredicto, que se fará público na devandita gala de “Somos a curta”, onde tamén se entregarán os dous premios, o primeiro dotado con 500 euros e diploma, e o segundo, de 400 euros e diploma.

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación convocou este ano a primeira edición dos Premios de Radiodramas en galego, dirixidos a premiar o mellor guión radiofónico dramático en galego presentada por calquera alumno ou grupo de alumnos da USC, estudantes das titulacións de Comunicación Audiovisual impartidas nas restantes universidades galegas así como o das titulacións das escolas oficiais de Imaxe e Son.

Os obxectivos con que convocou este premio son contribuír á creación dun corpus dramático galego no formato do teatro radiofónico, promover o uso da lingua galega como vehículo para a creatividade dos estudantes  e premiar os dotes artísticos, lingüísticos e técnicos dos estudantes.

II Concurso Literario "Mazarelos"

Á segunda edición do Concurso Literario "Mazarelos", organizado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía, presentáronse vinte e cinco traballos de todos os xenéros literarios, polo que o xurado formado por Lara Dopazo, Alba Cid, Chus Nogueira, Carlos Quiroga e Antía Otero, que se reúnen o 18 de novembro, non o ha ter nada sinxelo, seguramente.

O Concurso Literario "Mazarelos" diríxese a fomentar a creatividade da mocidade universitaria e de desenvolver a súa capacidade de expresión en lingua galega, así como a contribuír a descubrir potenciais figuras deste eido da cultura.

XIII Premios “Luísa Villalta”

O vindeiro xoves 10 hase reunir o xurado dos XIII Premios “Luísa Villalta”, que decidirán cal dos seis traballos presentados van ser merecedores dos dous premios, de 1200 € para a persoa ou grupo que elaborara o mellor deseño dunha campaña normalizadora e de 800 € para a persoa ou grupo que elaborara a mellor idea para a promoción do galego.

Os premios “Luísa Villalta”, organizados polos tres servizos de normalización lingüística das universidades galegas, teñen por obxectivo promover a reflexión da comunidade universitaria galega a respecto da situación da nosa lingua, fomentar a investigación sobre a planificación lingüística e apoiar o desenvolvemento de iniciativas innovadoras.
 

Luns, 31 de outubro de 2016