Interésache para o teu TFG, PFC ou TFM

É o teu último curso do grao ou do mestrado e vas ter que lidar coa elaboración e presentación do TFG. O Obradoiro de elaboración de TFG/TFM, con 1 ECTS para todas as titulacións, desenvolverase en novembro, para que cando afrontes o traballo poidas facelo perfecto desde o punto de vista formal.

Á hora de elaboraren os traballos de fin de grao ou traballos de fin de mestrado os alumnos e alumnas enfróntanse a numerosas dúbidas, tanto de contido, que deberán ser resolvidas ou orientadas polo seu titor ou titora, como formais: lingua, estrutura, deseño, exposición.... Para axudalos neste aspecto contan cos obradoiros de elaboración de TFG e TFM, co que obterán a máxima calidade formal e en lingua galega, ademais do recoñecemento de 1 crédito ECTS por competencias transversais (en lingua galega) e o diploma de asistencia por 30 horas.

Co Obradoiro de elaboración de TFG, PFC e TFM aprenderán a tirarlles todo o partido posible a estes modelos, mellorarás a redacción e prepararán con eficacia a defensa oral do traballo diante do tribunal, coa axuda de presentacións dixitais.  Para todo isto contarán coa supervisión personalizada do teu traballo por parte do profesorado do Obradoiro.

O curso combinará exposicións teóricas e sesións prácticas, e nas horas non presenciais o alumnado deberá revisar o seu traballo de fin de grao ou de fin de mestrado segundo as pautas do curso. Logo haberá unha serie de sesións presenciais de posta en común para comentar as dúbidas, erros e acertos dos traballos.

No Obradoiro pode participar todo o alumnado matriculado na materia de “Traballo de Fin de Grao” ou no TFM de todas as titulacións.

Nas 30 horas do curso, 23 delas presenciais, as persoas asistentes verán contidos lingüístico-documentais (redacción, terminoloxía, corrección e revisión, partes do traballo, uso de modelos), e informacionais (busca, selección e inclusión de recursos de información -Refworks-) para a redacción do TFG/TFM, e tamén comunicacionais para a defensa do traballo diante do tribunal con apoio de presentacións dixitais. Así mesmo aprenderán a traballar con modelos de TFG.

O Obradoiro de elaboración e defensa de TFG, PFC e TFM en galego desenvólvese en Santiago de Compostela na Aula Informática 4 da Facultade de Xeografía e Historia en varios mércores, xoves e venres do mes de novembro (2-3-4, 9-10-11, 16-17-18) en horario de 16:00-18:00. Posteriormente, terán lugar as dúas sesións de posta en común.

A matrícula no curso custa 30 euros e faise na web do SNL do 1 ao 25 de outubro.

 

Mércores, 21 de setembro de 2016