A colección de unidades didácticas da USC xa conta con 231 títulos

A colección UD. Unidades didácticas da USC, orientada a editar materiais docentes de calidade e pensada para apoiar o traballo do profesorado e do alumnado de todas as materias e titulacións da universidade, chega aos 231 títulos logo da publicación de vinte e nove novos traballos.

A colección UD. Unidades didácticas da USC, orientada a editar materiais docentes de calidade co obxectivo de apoiar o traballo do profesorado e do alumnado de todas as materias e titulacións da universidade, chega aos 231 títulos logo da publicación de vinte e nove novos traballos o pasado mes de febreiro, como resultado do último Obradoiro de elaboración de unidades didácticas que se celebrou en xuño de 2015 na Facultade de CC. Económicas e Empresariais. Nesta nova fornada, doce unidades didácticas pertencen á Área de Ciencias Xurídicas e Sociais, e maioritariamente ao eido da economía e da empresa. Mais tamén se enfornaron 7 UD de Ensinanzas Técnicas, seis de Ciencias da Saúde, dúas de Humanidades e outras dúas de Ciencias.

Como é sabido, o Obradoiro do que parte a realización e publicación das unidades didácticas é eminentemente práctico; nel apréndese cuestións de didáctica, lingua e comunicación, edición e propiedade intelectual. Logo, cada docente elabora unha unidade dunha materia que imparta con seguimento titorizado por parte dos especialistas do equipo que imparte o Obradoiro (Carmen Sarceda, Manuel Bermúdez, Juan Blanco Valdés e Ángel García Vidal).  Finalmente, a unidade publícase dentro desta colección do Servizo de Publicacións da USC, co seu ISBN e baixo licenza Creative Commons.

As primeiras 158 unidades didácticas están dispoñibles libremente no sitio web do SNL, desde onde as  alumnas/os e todas as persoas interesadas poden descargalas como .pdf e, de o desexaren, imprimilas.

Os 73 títulos publicados dende 2013 xa só se presentan en formato dixital, o que permitiu mellorar o seu deseño e funcionalidades para, entre outros cambios, facilitar a súa lectura e consulta en computadores e tamén en dispositivos móbiles, incluíndo marcadores (bookmarks) para a navegación dixital. A edición unicamente dixital non ten ningunha pexa fronte ao papel para os seus autores e autoras, xa que está recoñecida igualmente na valoración das publicacións nos diversos concursos de profesorado. Difúndense a través da librería dixital do Servizo de Publicacións da USC (ao final de todo) durante os seis primeiros meses logo da súa publicación ao prezo único de 2 euros, e despois, aníñanse en acceso aberto e de balde en Minerva, o repositorio Institucional da USC.

Obradoiro, colección e lingua

En 2008 apareceron as dezasete primeiras unidades didácticas desta colección da USC, como resultado do Obradoiro de elaboración de unidades didácticas en galego que organizara, como curso piloto, o Servizo de Normalización Lingüística, co impulso da Comisión de Normalización Lingüística de Psicoloxía.

Dende daquela, oito anos e trece obradoiros máis tarde, a iniciativa semella ben exitosa:

  • Polo éxito dos cursos, sempre cunha demanda moi superior ao número de prazas, forzosamente limitado, dado o volume de produción que xera. Non alleo a este interese é contar cunha publicación co ISBN da Universidade e o recoñecemento do esforzo que supón elaboralos.
  • Pola alta valoración que reciben os obradoiros nas enquisas de satisfacción do PDI do Programa de Formación e Innovación Docente.
  • Polo número de unidades didácticas publicadas: chegamos xa a 231.
  • Por conseguir reenganchar profesorado que seguiu o curso e que, logo de publicar a primeira unidade, continúa a publicar as seguintes, dentro do proxecto didáctico que encetou e asumiu co Obradoiro.
  • Pola satisfacción do profesorado e do alumnado que traballa con elas.
  • Por demostrar que calquera profesor ou profesora, fale a lingua que fale, é quen de elaborar un material didáctico en galego, con alta calidade, contribuíndo a que a nosa lingua campe un pouco máis na docencia universitaria.
     

Martes, 31 de maio de 2016