Preséntase na USC o Protocolo para a garantía dos dereitos lingüísticos

A Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos de 1996 foi froito da achega realizada pola sociedade civil en defensa dos dereitos lingüísticos. Transcorridos vinte anos, quérese dar un novo paso desde Donostia-San Sebastián para seguir a avanzar no seu cumprimento en Europa, mediante a elaboración participativa dun protocolo de garantías que xurda das organizacións sociais.

Un protocolo de garantías é un instrumento xurídico que recolle de xeito secuenciado as medidas concretas que cómpren para cumprir os obxectivos dun acordo ou convención previamente aprobado, así como os indicadores para comprobar o cumprimento real dos obxectivos, para lles presentar a institucións de diverso rango. Neste caso o Protocolo para a garantía dos dereitos lingüísticos basearase na Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos aprobada en 1996, complementada con algunhas engádegas para cubrir os cambios habidos nestes últimos vinte anos, que xa adquiriron carácter de cotián, como os ligados á comunicación e ao uso de novas tecnoloxías. E preténdese traballar cinco valores ou principios: convivencia e paz, diversidade, igualdade lingüística, dereitos e condicións.

O presente proxecto responde a unha iniciativa dos axentes sociais vascos agrupados en torno ao Kontseilua –o Consello das organizacións sociais do eusquera- e da Fundación Donostia-San Sebastián 2016, encargada de organizar o proxecto ligado á Capitalidade Europea da Cultura, os cales designaron un comité organizador encargado de liderar todo o proceso, formado por seis organizacións de gran renome e experiencia internacionais no fomento dos dereitos humanos, os dereitos lingüísticos, a diversidade lingüística e as linguas minorizadas: Organización de Nacións e Pobos Non Representados (Unpo), Linguapax International, Pen International – Comité De Tradución e Dereitos Lingüísticos, Elen–Rede Europea de Igualdade Lingüística, Ciemen  e Centro Europeo para as Cuestións de Minorías (ECMI).

O Comité Organizador propón para a elaboración do Protolo un proceso mediante o cal os organismos sociais e todas as persoas que teñan interese poderán, durante o primeiro semestre de 2016, facer contribucións, para o cal deberán cubrir ata o 30 de xuño unha serie de fichas vinculadas aos ámbitos recollidos na DUDL de 1996 (principios básicos, administración pública, educación, onomástica, medios de comunicación e novas tecnoloxías, cultura, ámbito económico) propoñendo medidas -e os correspondentes indicadores- que, na súa opinión, definirán as condicións mínimas necesarias para garantir os dereitos lingüísticos do conxunto da cidadanía. Unha vez cubertas, deberán ser enviadas ao Comité Científico, ben directamente, ben a través d'A Mesa, no caso galego. Deste xeito, preténdese dotar o Protocolo da maior lexitimidade social á hora de ser presentado ás distintas institucións europeas de todos os niveis.

Logo de que o Comité Científico ordene as contribucións, o Comité Organizador presentaraas aos organismos sociais para a súa ratificación. Ao final do proceso, o Protocolo presentarase en decembro de 2016 en Donostia-San Sebastián.

O acto de presentación en Galicia foi organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago, en cuxa Facultade de Filosofía se desenvolveu. Nel  interviñeron a vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, Carme Silva Domínguez; o presidente de Kontseilua, Paul Bilbao; o presidente da Mesa de Normalización Lingüística, Marcos Maceira; e a integrante do comité científico, Pilar García Negro. Asistiron membros da comunidade universitaria, representantes de institucións e do sector empresarial, entidades sociais, así como representantes políticas.
 
 

 

Martes, 31 de maio de 2016