Obradoiro para o PDI de xestión do multilingüismo nas aulas

A USC organiza a segunda edición do Obradoiro de xestión do multilingüismo nas aulas para o PDI, unha acción formativa especialmente recomendable para aqueles docentes da USC que imparten clases en galego ou están considerando facelo, e queren reafirmarse con argumentos e actitudes axeitadas, e aproveitando para o seu alumnado as vantaxes e posibilidades do multilingüismo que se crea nas aulas universitarias.

O obradoiro, que forma parte do Programa de Formación e Innovación Docente (PFID), está organizado polo Servizo de Normalización Lingüística. O prazo de preinscrición no PFID está aberto ata o día 31 de maio.

Ten unha duración de 11 horas, durante os días 6-7-8-9 de xuño en horario de mañá e desenvolverase na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida) na Aula 10, Módulo B. Nel forneceranse e afianzaranse argumentos relacionados cos beneficios da diversidade lingüística, os prexuízos lingüísticos, os dereitos e deberes lingüísticos de alumnado e profesorado no marco da docencia universitaria, para logo centrarse na práctica mediante traballo persoal e en grupo e en grupos, para analizar situacións conflitivas reais e para analizar os comportamentos en supostos, co obxectivo de aprender a adoptar unha decisión lingüística persoal e manter un comportamento lingüístico asertivo, coñecendo modelos e recursos para afrontar a interacción lingüística, para controlar as emocións, para defenderse da crítica, etc.

O profesorado do obradoiro está constituído por técnicos do Servizo de Normalización Lingüística, a profesora de Dereito Alba Nogueira, especialista en dereito lingüístico, e Concha Diéguez, da empresa Reverso Comunicación.

Por que, o obradoiro

Nos últimos anos desenvólvense dous procesos nas universidades galegas que se adoitan considerar antagónicos en relación aos seus obxectivos lingüísticos: o de normalización da lingua galega e o da integración no Espazo Europeo de Educación Superior. Os programas de mobilidade de estudantes están a producir un efecto negativo sobre o primeiro, especialmente na docencia.

Nalgúns centros, como a Facultade de Ciencias da Educación, vénse  percibindo a diminución efectiva da docencia en galego debida á consideración do galego como problema na acollida de estudantes de fóra, así como a aparición e afianzamento de prexuízos lingüísticos en profesorado e estudantado. Afortunadamente, tamén se percibiu que diariamente se producen situacións lingüísticas nas aulas que se resolven moi adecuadamente para todas as partes, situacións que cómpre coñecer e estudar como casos de boas prácticas.

Por iso dende a Comisión de Normalización de Ciencias da Educación propuxeron xa o pasado ano algún tipo de actuación que permita dotar os profesores e profesoras participantes de valores e recursos (argumentativos e condutuais) cos que utilizar con comodidade o galego como lingua de docencia universitaria nun marco de respecto á diversidade lingüística.

As linguas teñen a súa base necesariamente en grupos humanos, polo que afectan directamente a persoas e ás relacións entre elas, aos seus sentimentos, afectos e emocións. Dende o momento en que nun grupo entran en xogo varias linguas, adóptanse decisións de xeito consciente ou inconsciente que afectan á organización da convivencia social. Cómpre decidir, non só como grupo senón tamén individualmente, a propia política lingüística e valorar se certas decisións son xestos de apertura ou actos de submisión.

O obradoiro realizado o pasado ano colleitou unha opinión moi favorable por parte dos docentes asistentes. Todos os ítems das enquisas de avaliación foron puntuadas por riba do 4 sobre un máximo de 5, destacando o contido práctico do curso e que se conseguiron os obxectivos do curso (4,54), o grao de satisfacción global (4,18) e que o 100% dos asistentes afirman que lle recomendarían a actividade a un compañeiro ou compañeira.


 

Martes, 31 de maio de 2016