Terminoloxía e normalización. XII Xornada científica de Realiter

A XII Xornada Científica de Realiter, a Rede Panlatina de Terminoloxía, vai desenvolverse en Santiago de Compostela os vindeiros 9 e 10 de xuño de 2016, dedicada a “Terminoloxía e Normalización”.

A Universidade de Santiago de Compostela, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, será a anfitrioa da XII Xornada Científica de Realiter, dedicada nesta ocasión ao tema “Terminoloxía e Normalización”. Normalización entendida nos dous sentidos que esta palabra posúe en varias linguas románicas: por un lado, a extensión do uso da lingua naqueles contextos en que se considere preciso e, polo outro, a estandarización do corpus das linguas de especialidade.

A Rede Panlatina de Terminoloxía, Realiter, prestou dende a súa creación atención prioritaria a estes dous significados, a promoción do multilingüismo e a diversidade lingüística e tamén ao desenvolvemento harmónico das linguas neolatinas.

A Xornada Científica abrirase, logo da cerimonia inaugural, ás 10:00 h cos relatorios inaugurais de M. Teresa Zanola, da Università Cattolica del Sacro Cuore (Milán) e de Pierrett Crouzet-Daurat, da Délégation générale à la langue française et aux langues de France, e logo proseguirá con once comunicacións presentadas por expertos nas linguas portuguesa, española, catalá, italiana, francesa, galega e romanesa, artelladas en tres bloques, relacionadas cos seguintes temas:

  • O lugar da terminoloxía nas diversas políticas lingüísticas
  • A contribución da terminoloxía ao sostemento da diversidade lingüística
  • A implantación da terminoloxía: políticas, experiencias, resultados
  • Terminoloxía e estandarización
  • A estandarización e a variación terminolóxica
  • Procedementos de estandarización

Así mesmo contará cunha táboa redonda sobre a terminoloxía en Galicia, na que participarán diversos expertos da RAG e das universidades galegas, como Manuel González, Iolanda Galanes, Xosé María Gómez Clemente, Xesús Mosquera ou Xusto Rodríguez Río.

A Xornada Científica desenvolverase propiamente durante o primeiro día, mentres que o día 10 terá lugar a reunión do Comité e a Asemblea Xeral de Realiter, á que seguirá a presentación das Actas da XI Xornada Científica.

As actividades de ambos os días transcorrerán no Pazo de Raxoi, nas dependencias do Consello da Cultura, entidade que colabora xunto coa Xunta de Galicia, na organización do evento, a cal lle corresponde á propia Realiter e ao Servizo de Normalización Lingüística da USC.

Martes, 31 de maio de 2016