Os idiomas nas teses de 2015

Renaturalización de complexos proteicos de membrana externa de Neisseria meningitidis en liposomas: estrutura e potencial vacinal foi unha das trinta teses de doutoramento en galego que se defenderon o pasado 2015 na nosa Universidade. Delas, vinte e catro redactáronse unicamente en galego, catro incorporárono como lingua principal e dúas como lingua secundaria.

O departamento onde se presentaron máis teses en galego foi Ciencias da Comunicación (5), seguido de Filoloxía Galega (3); tamén se presentaron en departamentos con escaso uso do galego na docencia como Botánica, Enfermaría, Lóxica e Filosofia Moral, Microbioloxía e Parasitoloxía  ou Zooloxía.

Porén, o dato máis salientable sobre os usos lingüísticos nas teses é que o castelán segue sendo a lingua predominante nos traballos con que se lles pon o ramo aos estudos de doutoramento: das 320 teses lidas en 2015, 190 realizáronse total ou parcialmente neste idioma (o 60%). O inglés é segundo idioma máis utilizado, no 25% das teses. Ao seu lado, a utilización doutras linguas como o galego (9%) ou o portugués (6%), resulta moito máis discreta, por non falar da práctica inexistencia do francés ou o italiano, presentes só como idiomas secundarios.

usos_teses_2015

O departamento de Enxeñaría Química é o que máis teses en inglés como idioma principal acubillou (7), seguido de Medicina (6) e Filoloxía Inglesa (5). A lingua de Shakespeare adscríbese, ademais de a Filoloxía Inglesa, Ciencia Política e da Administración, e dous departamentos de Economía, a teses presentadas en departamentos de ciencias da saúde, ciencias puras e enxeñaría, o que é lóxico tendo en conta que as persoas doutorandas nestas áreas adoitan publicar adiantos da tese en revistas de impacto, coas imposicións que estas adoitan presentar.

Se estudamos a evolución do uso dos idiomas nas teses dende o ano en que comezou o programa de axudas ao emprego do galego nos traballos de investigación iniciais, 1994, percíbese unha pequena progresiva diminución do uso do castelán a prol da utilización do galego, do portugués e doutras linguas, nomeadamente, o inglés. Con todo, o uso do castelán non baixa do 60%. En relación ao inglés, cómpre salientar que deste último idioma só temos datos desagregados dende 2009 e que a tendencia é á alza, ascendendo posicións ano a ano.

evolucion_teses

A utilización da lingua galega nestes traballos, do cal temos datos dende 1990, presenta numerosos  altibaixos; dende 2000 móvese entre o 7% e o 15%. Máis importante aínda é que o cruzamento de datos de solicitantes de axudas á realización de teses de doutoramento en galego dende 1994 e de utilización da nosa lingua na docencia por parte destes mesmos profesores e profesoras, revela un grao de fidelización moi elevado ao uso do galego.

Malia os doutorandos e doutorandas contaren con axudas que incentivan o uso do galego nas teses  por parte da USC, o certo é que só oito das trinta teses defendidas en 2015 que tiñan dereito á axuda do SNL (redactadas exclusivamente na nosa lingua e fóra do Departamento de Filoloxía Galega) solicitaron as subvencións de ata 400 euros ou o correspondente asesoramento lingüístico e terminolóxico.

Mércores, 27 de abril de 2016