A final de curso, toca repasarmos concursos!

XII Premios á calidade lingüística, V Somos a curta!  II Concurso Literario Mazarelos, II Concurso de radiodramas en galego, XIII Premios Luísa Villalta... Repasa, que aínda podes participar e gañar!

 

XII Premios á calidade lingüística

Os Premios á calidade lingüística están destinados aos mellores traballos académicos, traballos de fin de grao (TFG) e proxectos de fin de carreira (PFC), así como traballos de fin de mestrado (TFM) que foran elaborados en galego.

Outórgase un galardón por modalidade por cada unha das cinco áreas de coñecemento (Ciencias da Saúde, Ciencias, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura, Humanidades). Deste xeito, os traballos académicos optarán a un dos cinco premios de 150 euros e diploma, segundo a clasificación da titulación que cursa o alumno/a. O mesmo ocorre cos traballos de fin de grao (TFG) e proxectos de fin de carreira (PFC), aínda que neste caso os galardóns son de 300 euros, e igualmente coa terceira das modalidades, a dos traballos de fin de mestrado (TFM), que poden recibir ata 500 euros. Os Premios á calidade lingüística contan co apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

O mellor dos Premios á calidade lingüística é que non cómpre facer nada ad hoc, agás presentarse. Só facer o traballo que corresponda, en galego, aprobalo (ata aquí, nada extra) e presentalo na forma, no lugar e no prazo (30 de xullo e 30 de setembro, respectivamente) que se indica nas bases correspondentes a cada modalidade.

No web dos Premios non só se fornece toda a información e documentos. Tamén achega recursos para axudar a mellorar o aspecto formal (deseño, lingua) dos traballos: modelos, criterios de estilo, correctores e tradutores, dicionarios e repertorios terminolóxicos...

 

V «Somos a curta!»

Se che apetece facer unha incursión no mundo das curtas e da comedia, e es estudante dalgunha das universidades galegas, do ciclo de Imaxe e Son, ou de bacharelato artístico neste ano 2016, podes participar no V «Somos a curta!».

Non tes máis que enviar tres dvd coa peza e os datos correspondentes á Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC antes do 12 de outubro de 2016. A finais de outubro todas as curtas presentadas exhibiranse nunha gala especial na propia Facultade, na que o xurado outorgará dous premios de 500 e 250 euros, e o público elixirá qur fita leva o seu premio, galardoado con diploma honorífico.

A CNL de Ciencias da Comunicación organiza este certame cos obxectivos de promover o uso da lingua galega como vehículo para a creatividade dos novos valores do audiovisual galego; premiar os dotes lingüísticos, técnicos, artísticos e humorísticos dos estudantes galegos e, finalmente, e non menos importante, gozarmos dunha xornada de humor na nosa lingua.

 

II Concurso literario Mazarelos

Son moitas as figuras literarias galegas que estudaron nas aulas da nosa Universidade (Castelao, Otero Pedrayo, Carballo Calero, Xohana Torres, Méndez Ferrín, Chus Pato, Suso de Toro, Xavier Queipo, Luísa Villalta, Antón Riveiro Coello...) e en Filoloxía sempre houbo iniciativas como certames e revistas literarias (lembremos Ólisbos) para dar acubillo á creatividade no eido das letras galegas. Xa que logo, este certame, organizado pola CNL da Facultade de Filoloxía recupera a tradición do centro  para descubrir e proxectar novas voces que, quen sabe?, se cadra chegan a ser figuras da literatura galega.

O Concurso literario "Mazarelos" está aberto á participación de todo o alumnado da USC, que pode participar cunha obra de calquera xénero literario e calquera tema, orixinal e escrito en lingua galega. Establécense tres premios de 500, 250 e 150 euros mais diploma. O prazo para a presentación de orixinais rematará o mércores 30 de setembro de 2016.

O Concurso literario "Mazarelos" conta co apoio ecónomico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

 

II Concurso de radiodramas en galego

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación convoca por segunda volta o Concurso de Radiodramas en galego, dirixido a premiar, con 500 e 400 euros e diploma honorífico, os dous mellores guións radiofónicos dramáticos en galego presentados por calquera alumno ou grupo de alumnos da USC, estudantes das titulacións de Comunicación Audiovisual impartidas nas restantes universidades galegas así como o das titulacións das escolas oficiais de Imaxe e Son.

Os obxectivos con que convoca este premio son contribuír á creación dun corpus dramático galego no formato do teatro radiofónico, promover o uso da lingua galega como vehículo para a creatividade dos estudantes  e premiar os dotes artísticos, lingüísticos e técnicos dos estudantes.

O prazo para presentar propostas remata o 12 de outubro de 2016.

 

XIII Premios “Luísa Villalta” a iniciativas normalizadoras

Se es membro (estudantes, docentes, PAS) de calquera das tres universidades galegas, ben a título individual, ben en equipo (como comisións de normalización, organización estudantil, etc.) podes participar nos XIII Premios "Luísa Villalta" a iniciativas normalizadoras, un concurso organizado polos servizos de normalización das tres universidades galegas, presentando unha campaña normalizadora ou unha idea para a promoción do galego.

Se optas por argallar unha campaña para fomenta do uso do galego no ámbito universitario, debes presentala de xeito que conte cunha diagnose previa e os elementos habituais dunha acción planificada: obxectivos, destinatarios/as, metodoloxía, actividades, temporalización, recursos e avaliación. A campaña pode ser para un centro en concreto ou ben para o conxunto das tres universidades galegas.

Se tes unha boa idea para o galego na Universidade, mais non te ves planificando o seu desenvolvemento, só tes que entregar un informe razoado sobre a idea que se presenta, a súa motivación, os seus obxectivos e a súa incidencia social.

As dúas opcións, campañas e ideas, contan con cadanseus premios de 1200 e 800 euros. O prazo para presentar propostas remata o 28 de outubro de 2016.

 

Mércores, 27 de abril de 2016